ADEGA

Inicio / Novas / Todas / 39 Asemblea de ADEGA: Nova directiva, propostas...

18-01-2015

39 Asemblea de ADEGA: Nova directiva, propostas de resolución e entrega dos premios Osíxeno 2014

Este día 17 celebramos a 39 Asemblea Xeral de ADEGA. Elixiuse unha nova Xunta Directiva que organizará neste 2015 os catos polo 40 cabodano da asociación. Aprobáronse tamén varias propostas de resolución e entregamos os premios Osíxeno 2014

Nova Xunta Directiva

-Presidenta e vogal de Ríos: Virxinia Rodríguez
-Vicepresidente e vogal de Litoral: Xandro García
-Secretario Xeral e vogal de Territorio e Urbanismo: Froilán Pallín
-Vicesecretario Xeral: Xosé Salvadores
-Tesoureiro: Xan Louzao
-Vogal da Comisión Permanente e de Afiliación: Verónica Torrijos
-Vogal da Comisión Permanente: Roi Cuba  

-Vogal da Xunta Directiva: Daniel L. Vispo
-Vogal da Xunta Directiva e de Publicacións: Manuel Soto
-Vogal da Xunta Directiva: Monserrat Lombardía
-Vogal da Xunta Directiva: Alberte Sánchez
-Vogal da Xunta Directiva: Pepa Pérez Sañudo
-Vogal da Xunta Directiva: Nes Lopes
-Vogal da Xunta Directiva: Serxio Perille
-Vogal de Biodiversidade: Martiño Nercellas
-Vogal de Comunicación: Belén Rodríguez
-Vogal de Consumo Sustentábel, agroecoloxía e transxénicos: Marie Lacassagne
-Vogal de Cooperación e Muller: Lucía Parente
-Vogal de Dereito Ambiental: Fernando de Abel
-Vogal de Educación Ambiental: Ramsés Pérez
-Vogal da Eira da Xoana: Marcial Barral
-Vogal de Enerxía e cambio climático: Fins Eirexas
-Vogal de Medio Rural e Montes: Xosé Manuel Casal
-Vogais de Mocidade: Macías López e Sigrid Bouzón
-Vogal de Patrimonio Cultural e Arqueoloxía: Manolo Miranda
-Vogal de Patrimonio Xeolóxico: Xoán Ramón Vidal-Romaní
-Vogal de Protección Animal: Isabelle Kerdudo
-Vogal de Residuos: María Lafuente
-Vogal de Saúde Ambiental: Luis Díaz Cabanela
-Vogal de Transporte e Mobilidade: Adela Figueroa
-Vogal de Voluntariado: Paco Bañobre

Propostas de resolución

A 39 Asemblea de ADEGA aproboiu por unanimidade as seguintes propostas de resolución:

Comedores escolares: A Asemblea de ADEGA insta ás administracións a introduciren os alimentos ecolóxicos e de producción local nos menús escolares, e anima ás ANPAS a reclamaren unha alimentación máis saudábel e vencellada á terra. Consumir alimentos ecolóxicos, de tempada e de producción local nos comedores escolares non só é máis beneficioso para as crianzas, senón tamén para o noso agro, o ambiente e a economía do país, e en absoluto resulta máis caro que os alimentos procedentes da agroindustria. En todo caso, investir na saúde das crianzas e do ambiente fronte ao mercantilismo, os agrotóxicos e os transxénicos dería ser unha obriga para as administración públicas.

Ence e ría de Pontevedra:
A Asemblea de ADEGA esixe á Xunta e ao Estado español que executen de inmediato a sentenza do Supremo e abran un expediente de caducidade contra o emprazamento de ENCE en Lourizán. Aliás, e dacordo a sentenza e ao regulamento da Lei de Costas, a Xunta debe deixar tamén en suspenso a solicitude de prórroga de ENCE e tramitar xa a caducidade para que a empresa abandone Lourizán antes de 2018. Amosamos tamén a nosa solidariedade cos activistas da APDR denunciados pola pasteira por poñer de manifesto as relación familiares e portas xiratorias entre ENCE e a Xunta.

Plano de Desenvolvemento Rural:
Logo do rexeitamento por parte da UE do PDR 2014-2020 presentado pola a Xunta, fica claro abandono o total do mundo rural por parte da Consellaría. O desleixo, a incompetencia, o déficit de participación pública e os tics clientelares dos actuais responsábeis de Medio Rural á hora de redactar o PDR 2014-2020, poden facer que o agro galego fique sen financiamento comunitario até ben entrado 2016. A Asemblea de ADEGA esixe depurar responsabilidades nunha consellaría que semella estar a traballar para que o mundo rural galego desapareza.

TTIP e CETA:
  A Asemblea de ADEGA rexeita o tratado transatlántico investimento e libre comercio (TTIP) que a UE está a negociar cos EE.UU e o CETA co Canadá. Estes acordos estanse a negociar de costas á cidadanía para ceder ás grandes empresas parcelas enteiras de soberanía dende os estados. A millora do comercio entre a UE e estes países vai ser usada como pretexto para laminar e flexibilizar as normas destinadas a protexer o ambiente, os dereitos d@s traballadora/es, os servizos públicos e a normativa de consumo. A Asemblea de ADEGA esixe aos responsábeis da UE a denuncia destes tratados e que en todo caso, sexa a cidadanía comunitaria e as súas institucións as que teñan a última palabra sobre as disputas e a interpretación dos eventuais acordos que nun futuro se subscreban, e cuxa tramitación deberá ser totalmente transparente.

Lei “mordaza”:
A Asemblea de ADEGA denuncia que a Lei Orgánica de Seguridade Cidádá, coñecida como a Lei “Mordaza” é un ataque contra as liberdades civís e os dereitos fundamentais. A norma, aprobada en solitario polo PP, lembra aqueloutra Lei de Orde Pública franquista de 1959, mais coma co réxime que lle deu acubillo, tamén acabará caendo. Trátase dun golpe de estado encoberto para perpetuar no poder ao PP mediante a criminalización da protesta e a instauración dun estado policial, unha aberración democrática que como cidadás, pacifistas e ecoloxistas rexeitamos radicalmente.

Vespa velutina: A aparición da vespa velutina ou vespa asiática que está a invadir Galiza nos últimnos anos, ameaza gravemente ás abellas autóctonas e a un numeroso grupo de insectos polinizadores causando un grave impacto ambiental. Este depredador vén a incrementar as altas mortalidades que están a sofre as colmeas galegas polo uso masivo de agotóxicos, e apesar da importancia chave das abellas para os ecosistemas, nen a Xunta nen os concellos foron quen de dar resposta á altura do problema. A Asemblea de ADEGA esíxelle ás administracións públicas que poñan os medios necesarios para controlar a poboación desta especie invasora.

Entrega dos premios Osíxeno 2014

Finalmente, no decurso do xantar de confraternización fixemos entrega dos premios Osíxeno 2014 ás millores actitudes e actuacións ambientais do ano. Os premios consistían nun diploma e nunha escultura do oleiro carnotán Nacho Porto. Noraboa aos premiados/as!

-Premio OSÍXENO 2014, categoría individual: Xosé Luis Rodríguez Domínguez, presidente de ASOAR-ARMEGA (Asociación de armadores de artes menores de Galiza) polo seu incansábel traballo en defensa das nosas costas e da pesca sustentábel.

-Premio OSÍXENO 2014 categoría colectivo: Plataforma Sarriana polo Río (Sarria), polo seu compromiso en defensa do bosque de ribeira e do patrimonio de Sarria fronte ao desleixo das institucións.

-Premio OSÍXENO de honra 2014Xosé Manuel Penas Patiño, membro histórico da SGHN e fundador do GOG (Grupo Ornitolóxico Galego), pola súa traxectoria de compromiso coa divulgación e a defensa da natureza.

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal