ADEGA

Inicio / Novas / Todas / ADEGA-Lugo reclama un plan de xestión do arborado...

29-04-2025

ADEGA-Lugo reclama un plan de xestión do arborado municipal ante o estado de abandono do Parque Rosalía de Castro

A delegación de ADEGA en Lugo solicita ao Concello de Lugo a elaboración dun Plan de Xestión do Arborado Urbano, coa finalidade de garantir unha conservación axeitada do patrimonio vexetal da cidade, reducir riscos e mellorar a planificación das intervencións sobre as árbores. Esta demanda pon o foco no parque Rosalía de Castro, un espazo histórico do centro da cidade que leva anos amosando signos evidentes de abandono e falta de mantemento e conservación, tanto da vexetación como das súas construcións.

Nos últimos días, a preocupación polo estado do parque cobrou maior protagonismo a raíz da denuncia da Asociación de Veciñas do Parque Rosalía - Recatelo, que alertou sobre cortas excesivas no arborado. A resposta do Concello de Lugo negou estas afirmacións e indicou que só se realizaron podas rutineiras e a retirada dunha árbore danada polo temporal, que supoñía un risco para as persoas usuarias.

ADEGA lembra que ningunha actuación sobre as árbores urbanas debería executarse sen contar cun Plan de Xestión específico, que permita coñecer o estado vital e sanitario dos exemplares, establecer prioridades e decidir intervencións con criterios técnicos claros. A toma de decisións sen este soporte pode derivar en actuacións prexudiciais e irreversibles para o patrimonio natural da cidade. As principais prioridades dun Plan de Xestión deben ser a seguridade das viandantes, o coñecemento das condicións vitais da árbore a pervivencia dos exemplares.

Moitas cidades dispoñen xa dun documento técnico deste tipo para mellorar o estado sanitario das arbores e diminuír os riscos de danos sobre as persoas ou bens materiais. Os exemplos máis próximos que temos son os da cidade de Compostela, que incorporou un Plan de Xestión do arborado para toda a cidade no ano 2021, e de Vilagarcía de Arousa. que aprobou outro no ano 2024 para os parques da vila.

Ante o indicado, para evitar futuros problemas e garantir o bo estado do arborado da cidade e minimizar riscos para bens e persoas, instamos ao Concello de Lugo á redacción dun plan de xestión do arborado urbano en toda a cidade, con prioridade en todo o caso para o parque de Rosalía de Castro.

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal