ADEGA

Inicio / Novas / Todas / ADEGA consegue reunir en tempo récord o apoio...

16-04-2025

ADEGA consegue reunir en tempo récord o apoio necesario para emprender a loita xudicial contra Altri

A cidadanía galega entrégase á loita xudicial contra Altri e reúne, nun tempo récord, máis de 39.000 euros a través da campaña de recadación solidaria "Xustiza para o Ulla", impulsada pola organización ecoloxista ADEGA para a defensa xurídica do río Ulla e da ría de Arousa fronte á macrocelulosa de Altri e a mina de Touro-O Pino. Bastaron 19 días para alcanzar o obxectivo económico cuxo prazo límite de recadación estaba previsto para o día 28 de xuño.

Primeiras accións xurídicas contra Altri

Os fondos recadados a través deste primeiro reto solidario, permitirán a ADEGA iniciar a loita xudicial contra a industria de celulosa que prevén implantar Altri e Greenalia en Palas de Rei. En concreto, a organización xa está en disposición de poder afrontar con suficientes garantías técnicas, xurídicas e económicas, dous recursos contencioso-administrativos no Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG): 1. A impugnación da Autorización Ambiental Integrada (AAI) do proxecto de Altri e Greenalia, anunciada para antes do verán, e 2. O recurso contra a denegación da solicitude de arquivo do trámite da concesión de augas, por ter excedido o prazo máximo para a súa resolución sen que esta se producise. 

Este é o paso inicial dunha longa e inevitable contenda xudicial contra a Xunta de Galiza e o proxecto de Altri, perante un goberno galego que está disposto a sacrificar sectores socioeconómicos estratéxicos para o país, como a agricultura ou a pesca, e os valores ambientais, culturais e sociais vinculados ao río Ulla e á ría de Arousa, con tal de favorecer os intereses privados das promotoras amigas Altri e Greenalia. 

O éxito da campaña de doazóns "Xustiza para o Ulla", á que contribuíron varios centos de persoas e colectivos, demostra unha vez máis o masivo rexeitamento da cidadanía galega a este proxecto altamente contaminante e depredador co territorio. ADEGA manifesta o seu fondo agradecemento pola solidariedade demostrada do pobo galego na defensa da terra e pola confianza depositada na equipa técnica e  xurídica da organización ecoloxista para enfrontar a contenda.

Novos retos de recadación contra Altri

Unha vez superado o primeiro reto da campaña “Xustiza para o Ulla”, ADEGA pecha temporalmente a campaña específica de recadación solidaria para dotar de fondos a contenda xurídica contra a macrocelulosa de Altri en Palas de Rei, ata que non se anuncien ou produzan novas resolucións administrativas que favorezan ao proxecto  e que xustifiquen a presentación de novos recursos nos xulgados. Polo tanto, ADEGA activará novos retos de recadación á medida que se vaian outorgando as sucesivas autorizacións ou permisos de explotación por parta da Xunta. Lembremos que, alén da Autorización Ambiental Integrada (AAI), a factoría de celulosa aínda carece da concesión de Augas de Galicia para poder captar auga do encoro de Portodemouros ou da autorización administrativa de explotación, entre outras.

Xunto coa presentación dos correspondentes recursos contencioso-administrativos, ADEGA requirirá a suspensión cautelar da efectividade das devanditas autorizacións. Os fondos recadados procuran dar cobertura tamén á elaboración dos preceptivos informes técnicos periciais.

"Xustiza para o Ulla", tamén para a loitar contra a mina de Touro

A campaña de recadación solidaria lanzada por ADEGA o pasado 28 de marzo ten vocación de permanencia, polo que seguirá vixente mentres a celulosa de Altri e a mina de Touro-O Pino manteñan a súa vontade de instalarse a carón da bacía do Ulla e acaden o apoio das administracións públicas. Así pois, malia a ter conseguido o seu primeiro obxectivo específico, o micromecenado "Xustiza para o Ulla" mantén activa a súa liña de recadación xeral ou fondo común (XustizaUlla_FondoComun), que agora mesmo alcanza perto dos 5.000 euros, e que non está adscrito a ningunha acción xurídica en particular, senón ao obxectivo xeral da campaña, de maneira que as doazóns que se fagan ao fondo común servirán para completar aqueles obxectivos económicos mínimos non acadados en prazo tanto na campaña contra Altri coma na campaña contra o proxecto da mina de Touro-O Pino.

A organización lembra que as persoas e entidades que fagan doazóns a esta campaña poderán obter beneficios fiscais que, no caso das persoas físicas, poden acadar ata un 80% na súa declaración do IRPF.

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal