ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / ADEGA entregará os Premios Osíxeno e Dioxina 2023...

30-04-2024

ADEGA entregará os Premios Osíxeno e Dioxina 2023 o vindeiro 11 de maio en Melide

ADEGA vén de fallar os seus Premios Osíxeno e Dioxina 2023. A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza destina os galardóns “osíxeno” aquelas persoas e entidades que ao longo do ano demostraron ter unha actitude ou comportamento destacados na defensa do medio ambiente galego, e pola contra, dirixe os premios “dioxina” a aquelas persoas e entidades que teñen amosado unha actitude agresiva e contraria á defensa do territorio e do seu patrimonio natural e cultural.

Premio Osíxeno de Honra 2023

A Xunta Directiva de ADEGA outorga desta volta o Premio Osíxeno a Daniel López Vispo, referente do activismo ecoloxista galego e un dos membros de ADEGA máis prezados e admirados polos seus compañeiros e compañeiras de loita e da organización, na que desenvolveu varios cargos, tanto na executiva nacional como secretario xeral ou secretario da delegación de ADEGA en Lugo. Foi un dos principais impulsores e dinamizadores das campañas e reivindicacións ecoloxistas vividas nomeadamente nos anos 90 e 2000, por exemplo, na defensa do Val do Neira (Baralla) contra a o paso da autovía A-6 polo; na defensa dos ríos galegos contra a enxurrada masiva de minicentrais ou na defensa do litoral contra o urbanismo desenfrenado ou o Plan Acuícola da Xunta. Ademais, foi un precursor na defensa dos espazos naturais protexidos como Rede Natura 2000 fronte a explotación mineira ou a implantación caótica e irracional dos proxectos de enerxía renovábel, que hoxe, 25 anos despois temos tan presente.

Osíxeno Individual 2023: Rogelio Santos Queiruga

Rogelio autodeclárase mariñeiro, agricultor, patrón de pesca e divulgador. Con este galardón, ADEGA quere recoñecer o seu importante papel como divulgador do oficio de mariñeiro e da biodiversidade mariña nas redes sociais, contribuíndo especialmente á dignificación do sector e á posta en coñecemento da rica e ampla biodiversidade e riqueza ambiental que conteñen as nosas rías e mares. O seu compromiso ecoloxista e co mar, clara e reiteradamente manifestado nas redes sociais, fíxose se cabe máis visible a comezos de ano cando Rogelio Santos asumiu ser a figura de representación do sector do mar afectado pola grave crise produtiva e ambiental que actualmente viven as rías galegas, así como polo recente episodio de contaminación por pelets plásticos. O seu discurso crítico coa xestión da Xunta en materia de política ambiental e do mar foi motivo de represalias por parte de medios de comunicación afíns ao Executivo galego, como a TVG, que lle retirou a súa colaboración coa canle pública.

Osíxeno Colectivo 2023: Asociación Noia Limpa

ADEGA quere recoñecer a iniciativa e determinación da Asociación Noia Limpa, ao ser o primeiro colectivo en dar a voz de alarma pola chegada da marea de pellets de plástico ás costas galegas e tamén por ser o primeiro en organizarse grupos de voluntarios e voluntarias para proceder á retirada das bolas de plástico e concienciar á sociedade sobre os efectos destes pequenos plásticos nos areais e na biodiversidade litoral. Noia Limpa, habitual colaboradora de ADEGA nos seus programas de formación e voluntariado, converteuse nun exemplo de perseverancia para moitas persoas e colectivos preocupadas pola conservación ambiental que acudiron ás praias para botar unha man. ADEGA destaca ademais o seu papel na concienciación da veciñanza sobre os coidados e as precaucións que se deben adoptar para poder axudar a un medio tan vulnerable e sensible como é o litoral.

Dioxina Individual 2023: Daniel Castro, patrón maior de Muxía

ADEGA outorga o premio dioxina ao responsable da Confraría de Pescadores de Muxía, Daniel Castro, polos insultos profesados publicamente contra as persoas e entidades ecoloxistas que, lexitimamente, se mobilizaron pola defensa das costas galegas e criticaron a xestión política da crise dos pelets de plástico. O galardón é merecido por canto o patrón maior cualificou o desastre ecolóxico do Prestige como “o mellor parón biolóxico que tivemos na historia”. Estas declaracións, vertidas abertamente diante dos medios de comunicación, e ante a presenza do Conselleiro do Mar, Alfonso Villares, puxeron en evidencia un absoluto desprezo e falta de respecto deste representante do sector mariñeiro polo medio ambiente, polos seus compeñeiros e compañeiras de oficio, e pola sociedade galega no seu conxunto, a cal viviu co Prestige a súa peor catástrofe ambiental e social.

Dioxina Colectivo 2023: Comisión Obreiras (CC.OO.)

O premio dioxina colectivo 2023, outorgado por ADEGA, recae desta volta no sindicato Comisións Obreiras (CC.OO.) de Galicia, por emprender xunto coa administración galega e o lobby eólico unha campaña pública de desprestixio e inxurias contra as organizacións ecoloxistas e os maxistrados do TSXG que están a resolver a paralización cautelar de numerosos polígonos eólicos ao atopar indicios de ilegalidade nos procedementos de avaliación ambiental. Altos cargos do sindicato chegaron a afirmar publicamente que “os xuíces non teñen nin idea e son pancas do Estado”, poñendo en cuestión a súa capacitación profesional e a súa imparcialidade xudicial. O sindicato pon en contraposición ese suposto servilismo do poder xudicial ao Estado coa “honorabilidade”, rigorosidade e bo facer do funcionariado público encargado de avaliar ambientalmente os proxectos eólicos. Este discurso ofensivo, simplista e populista de CC.OO. adoece da máis mínima crítica sobre as agresións ambientais e sociais que implica o actual modelo de implantación eólica masiva para o conxunto do país.

Acto de entrega

Os galardóns serán entregados no decurso da 48ª Asemblea Xeral de ADEGA, o sábado, 11 de maio, ás 13:30 horas no Edificio de Multiusos de Melide, na Sala de Conferencias.
Como galardón será entregada unha escultura do artista Nacho Porto.

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal