ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / ADEGA celebra o Día Mundial da Auga con saídas ao...

22-03-2024

ADEGA celebra o Día Mundial da Auga con saídas ao río para identificar especies invasoras

A asociación ecoloxista realizou esta semana alertas temperás no Bibei e no Arnego, nos espazos custodiados no marco do Proxecto Fluviatilis.


A asociación ecoloxista ADEGA celebra o Día Mundial da Auga este venres, 22 de marzo, con dúas saídas ao río Arnego e Bibei á procura de especies exóticas invasoras no marco do "Proxecto Fluviatilis: custodia para a resiliencia". Este proxecto ten como obxectivo principal a conservación e rehabilitación de ecosistemas fluviais, para aumentar a súa resiliencia ao cambio climático e a provisión de servizos ecosistémicos mediante a custodia fluvial, unha importante ferramenta para a xestión integrada do territorio.

A través desta estratexia de xestión, os retos deste proxecto, desenvolvido por ADEGA e o resto de entidades estatais que forman Fluviatilis, son promover a xestión compartida dos ecosistemas acuáticos continentais desde a sociedade civil; realizar accións para a mellora da provisión de servizos ecosistémicos; procurar adaptar ríos e zonas húmidas ao cambio climático mediante a aplicación de Solucións Baseadas na Natureza (SBN) e o eco-deseño; fomentar o desenvolvemento da economía circular e a bioeconomía da contorna local na que se actúe e traballar para integrar a cidadanía na mellora e conservación dos ecosistemas obxectivo do proxecto.

Alerta temperá para conservar a calidade da auga

Con estas saídas de Alerta Temperá ao Bibei e o Arnego, ADEGA pretende recoller, coa maior brevidade posible, información sobre a aparición de novas especies exóticas no territorio galego, o que permite unha resposta rápida para a súa erradicación. O obxectivo final é, pois, evitar a propagación de especies invasoras e conservar así os ecosistemas fluviais e unha boa calidade da auga.

Proxecto Fluviatilis

Fluviatilis é un traballo conxunto de cinco entidades que traballan nos seus propios territorios: Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) en Galiza, Asociación de Naturalistas do Sureste (ANSE) en Murcia, Grup de Natura Freixe (GNF) en Catalunya, Fundació LIMNE na Comunitat Valenciana e Red Cambera en Cantabria. Este proxecto benefíciase dunha convocatoria de axudas, impulsada pola Fundación Biodiversidad do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO), para grandes proxectos transformadores de índole científico-técnica enfocados á promoción da bioeconomía e a contribución á transición ecolóxica, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR) financiado cos fondos NextGenerationEU.

Auga pola paz, o lema do Día Mundial da Auga

As Nacións Unidas escolleron para o Día Mundial da Auga deste ano 2024 o lema "Auga pola paz". A ONU apunta que "a auga pode crear paz ou desencadear conflitos". E "cando a auga escasea ou está contaminada, ou cando as persoas teñen un acceso desigual ou nulo, as tensións entre comunidades e países poden aumentar". Máis de 3.000 millóns de persoas en todo o mundo dependen da auga que cruza as fronteiras nacionais. Porén, só 24 países teñen acordos de cooperación para todos os recursos hídricos que comparten.

"Para que a humanidade poida ter acceso a auga de calidade precísanse mitigar as agresións a nivel global. Impactos como o cambio climático ou as especies invasoras aumentan as problemáticas asociadas a auga. Necesítanse actuacións globais para protexer e conservar o noso recurso máis valioso", explica a Organización das Nacións Unidas con motivo deste día.

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal