ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / #TiPodesParalos: ADEGA busca axuda para deter...

07-06-2023

#TiPodesParalos: ADEGA busca axuda para deter tres parques eólicos que ameazan os cabalos salvaxes e a arte rupestre en Pontevedra

Trátase de Touriñán III-2, na Estrada, Cuntis e Campo Lameiro; Cunca, en Vila de Cruces; e As Penizas, en Cerdedo-Cotobade e Forcarei.


A Asociación ecoloxista ADEGA suma tres novos desafíos á campaña de recadación solidaria para a interposición de recursos contencioso-administrativos contra o actual modelo eólico depredador e insustentábel promovido pola Xunta de Galiza. Trátase dos parques eólicos Touriñán III-2, na Estrada, Cuntis e Campo Lameiro; Cunca, en Vila de Cruces; e As Penizas, en Cerdedo-Cotobade e Forcarei. As autorizacións aprobadas pola D.X. de Planificación Enerxética foron publicadas no Diario Oficial de Galicia entre o xoves, 1 de xuño, e o martes, 6 de xuño.

Estes tres novos desafíos engádense a outros xa activos no marco da campaña "Ti podes paralos!", co obxectivo de emprender accións xurídicas tamén contra os parques eólicos Rodicio II, na provincia de Ourense; Monte da Croa, na da Coruña; Val de Pereira e Pico Seco na comarca do Deza; Vilartoxo e Troitomil, na Baña, Val do Dubra e Negreira; e Monte Festeiros, nos concellos de Silleda e Forcarei.

Para poder contribuír a estes tres novos desafíos #TPP, ADEGA acaba de facer públicas as seguintes plataformas online de crowfunding:

https://tipodesparalos.helpbysc.com/tourinhanIII2

https://tipodesparalos.helpbysc.com/cunca

https://tipodesparalos.helpbysc.com/aspenizas

O hábitat das Bestas de Sabucedo, en perigo

O P.E. Touriñán III-2, promovido por Greenalia Wind Power Touriñán, prevé instalar un total de cinco aeroxeradores cunha potencia total de 24 MW sobre un territorio montañoso que forma parte do hábitat das bestas de Sabucedo, entre as comarcas de Pontevedra, Caldas e Terra de Montes, uns animais claves para manter o equilibrio natural dos montes e que se atopan en risco de desaparición. O P.E. As Penizas, impulsado por Greenalia Wind Power, tamén é un perigo para estes mamíferos, ao igual que para morcegos, aves migratorias, réptiles e anfibios, como o caso da ra vermella, especie protexida.

Máis alá da biodiversidade en risco, estes proxectos eólicos ameazan espazos de alto valor arqueolóxico. A área de interese para o parque eólico Touriñán III-2 está considerada o lugar de Europa con maior concentración de arte rupestre ao aire libre. O futuro de diversidade de petróglifos, máis de 20 mámoas e tres Eiras dos Mouros ou lagoas artificiais quedará igualmente atado ao parque eólico As Penizas, que tamén causará un impacto visual significativo sobre o milenario Camiño de Santiago da Geira e dos Arrieiros. Toda unha historia arqueolóxica que ADEGA considera incompatible coa industrialización eólica, que provocará danos irreparábeis nestas zonas.

Pola súa banda, o P.E. Cunca, promovido por Green Capital Power, proxéctase sobre a comarca do Deza e forma parte dun macrocomplexo eólico fragmentado artificialmente canda aos parques Rodeira e Mesada, coa fin de esquivar unha rigorosa avaliación ambiental dos impactos en conxunto. En concreto, o P.E. Cunca que ADEGA propón para recorrer atópase a escasos cen metros da Rede Natura 2000 e a aproximadamente un quilómetro dunha área prioritaria para a protección de avifauna. Entre outros impactos, este parque ameaza un total de 51 especies protexidas, vulnerábeis e en perigo de extinción que foron localizadas na zona, pon en risco os recursos hídricos do sistema fluvial Ulla-Deza e afecta a paisaxe da contorna do BIC Mosteiro de Carboeiro.

Un mes para acadar o primeiro reto da campaña

O obxectivo mínimo de recadación colectiva establecido por ADEGA para os desafíos #TPPTouriñánIII2 e #TPPAsPenizas é de 7.300 euros. Porén, a recadación establécese en dúas fases. A primeira terá unha duración de 1 mes desde este mércores, na que será preciso acadar un mínimo de 3.650 euros para cada un dos proxectos, o que garantirá a presentación por parte de ADEGA do pertinente recurso administrativo de alzada e a elaboración do informe técnico ambiental, alén de poder cubrir outros gastos de xestión. Nunha segunda fase, dunha duración de tres meses, procurarase acadar outros 3.650 euros para a interposición do recurso contencioso-administrativo no Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, así como para a solicitude de paralización cautelar.

No caso do desafío #TPPCunca, o obxectivo mínimo de recadación sitúase nos 6.100 euros, dividido tamén en dúas fases correspondentes coas diferentes accións xudiciais que cómpre desenvolver.

Outros desafíos #TPP en activo

Todos e cada un dos desafíos #TPP de ADEGA que están actualmente activos, así como a información de cada un deles sobre a súa evolución na recadación solidaria, poden ser consultados na páxina web principal da campaña #TiPodesParalos: https://tipodesparalos.helpbysc.com/inicio. En concreto, os desafíos correspondentes aos parques eólicos Valdepereira e Pico Seco acaban de facer a súa primeira semana; mentres que o #TPPMontedaCroa chegou ao ecuador do reto 1.

ADEGA tamén ofrece a posibilidade de destinar as doazóns da campaña “Ti podes paralos!” a un fondo común non adscrito a ningún proxecto eólico en particular, e que servirá de apoio ao conxunto dos desafíos impulsados por ADEGA: https://tipodesparalos.helpbysc.com/fondocomun

Todas as doazóns que se efectúen á campaña “Ti podes paralos!” poderán desgravar até o 80% na declaración da renda.

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal