ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / ADEGA organiza un campo de voluntariado para o...

06-06-2023

ADEGA organiza un campo de voluntariado para o control de invasoras no río Tea

O fin de semana do 16, 17 e 18 de xuño ADEGA continuará realizando accións de xestión e control de Especies Exóticas Invasoras nos espazos custodiados no marco do Proxecto Fluviatilis: custodia para a resiliencia.


A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza, ADEGA, no marco do Proxecto Fluviatilis, continúa coas actividades programadas de xestión e control de flora exótica invasora co obxectivo de dar a coñecer as problemáticas ambientais que ameazan os ecosistemas fluviais e facilitar a participación cidadá a través de accións de voluntariado ambiental. A fin principal é fomentar actitudes e comportamentos que redunden nunha mellora dos ríos.

Tras unha primeira actuación no río Tambre, agora ADEGA centrarase no río Tea ao seu paso polo concello de Mondariz, a través dunha actividade de voluntariado de fin de semana, os días 16, 17 e 18 de xuño de 2023. Para inscribirse nela, é necesario cubrir a ficha dispoñible na web de adega.gal e escribir un correo a maria.amigo@adega.gal.

Así, o LIC Río Tea é unha das zonas de actuación propostas por ADEGA para a realización de accións de control de flora exótica invasora a través de xornadas de voluntariado. Supón, ademais, a continuación dos traballos de eliminación das especies Acacia dealbata, Acacia melanoxylon, Phyllostachys spp., Phytolacca americana, Robinia pseudoacacia e Crocosmia x crocosmiiflora nun espazo de elevado valor ecolóxico.

A actividade estará encamiñada tamén a seleccionar metodoloxías de eliminación de EEI adecuadas que permitan abordar futuras actuacións de restauración fluvial e implementación de solucións baseadas na natureza con éxito.

Proxecto Fluviatilis

As actividades, tanto de xestión e control de EEI como de educación, sensibilización e voluntariado ambiental dirixidas a diferentes públicos son unha das propostas do proxecto Fluviatilis, que conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea - NextGenerationEU.

Ligazóns

Descargas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal