ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / Seguir tramitando eólicos no mar sen rematar a...

01-06-2023

Seguir tramitando eólicos no mar sen rematar a planificación nen avaliar os riscos levaranos a outro "fracaso ambiental"

Estes e outros déficits teñen sido manifestados nunha recente conferenza sobre os impactos da eólica na pesca no Parlamento Europeo

Parque eólico mariño Breogán

O parque "Breogán", promovido por Capital Energy Offshore SL, é o último tramitado até o de agora e coincide no mesmo espazo mariño co "Galwind", presentado hai 6 meses. Ao Ministerio acumúlaselle o traballo sen ter rematado o marco legal nin a planificación sectorial, e cunhas eleccións ás portas...

Dende ADEGA temos reclamado en múltiplas ocasións que sen ter modificado o marco legal (Real decreto 1028/2007, do 20 de xuño, polo que se establece o procedemento administrativo para a tramitación das solicitudes de autorización de instalacións de xeración de enerxía eléctrica no mar territorial) nin concluído a planificación do sector (o POEM é o marco xeral que precisa ser desenvolto para cada actividade), o Ministerio debería aplicar a súa propia moratoria (disposición adicional terceira do RDL 12/2021) e non tramitar ningún parque eólico mariño.

Porén, non só se trata do oitavo proxecto admitido a trámite nas costas galegas, senón que "Breogán" pula por ocupar a mesma área mariña que o "Galwind", presentado a finais do ano pasado. Xa que logo, aumenta a presión sobre os ecosistemas mariños e semella que definitivamente estamos diante dunha auténtica febre do megawatio offshore, na que as empresas compiten entre si por coller sitio antes de que conclúa a planificación do sector. A recente convocatoria de eleccións estatais introduce outro factor de incertidume para o sector pesqueiro e mesmo de inseguridade xurídica para as empresas eólicas. Co marco normativo pendente de actualizar e a planificación sectorial inconclusa e eivada, que vai acontecer cos proxectos en tramitación? Outra razón máis para decretar, como temos reclamado reiteradamente organizacións ecoloxistas e gremiais, unha moratoria efectiva e inmediata para os proxectos enerxéticos no mar.

Principio de precaución fronte ás incertidumes e os efectos negativos detectados en parques experimentais

Foto: Delmi Álvarez

Nunha recente xornada de debate sobre a pesca e a eólica mariña en Europa, organizada polo grupo Verdes-ALE no Parlamento Europeo, púxose de manifesto o grave problema que para os ecosistemas mariños e os recursos pesqueiros representa o actual "boom" da eólica no mar.

Casos de Bretaña, Países Baixos ou Suecia puxeron de manifesto que os parques mariños estanse a desenvolver de xeito pouco transparente e xa hai exemplos de que onde se implantaron, a convivencia co aproveitamento tradicional dos recusos resulta imposíbel. O caso portugués é paradigmático: segundo Nuno Teixeira, voceiro da Federaçao dos Sindicatos da Pesca, o parque experimental de Viana escorrentou o peixe arredor do polígono e da liña de evacuación.

Dende ADEGA insistimos na existencia de graves incertidumes e descoñecemento científico sobre os efectos destes aproveitamentos enerxéticos nos ecosistemas mariños, o que por si só debería activar a aplicación do Principio de Precaución, consagrado no tratado fundacional da UE. Continuar ignorando este feito podería conducir a outro "fracaso ambiental" tal como aconteceu en moitos casos coa eólica terrestre en determinados territorios como Galiza.

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal