ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / O proxecto eólico Monte da Croa, novo desafío...

23-05-2023

#TPPMonteDaCroa será o primeiro proxecto eólico a recorrer por ADEGA na Costa da Morte

O proxecto eólico Monte da Croa, novo desafío #TPP de ADEGA contra a depredación macroeólica

As instalacións autorizadas destruirían a zona de cría dunha manda estable de lobos (Canis Lupus), especie incluída no Listado de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial


O pasado día 16 de maio, a asociación ecoloxista ADEGA lanzaba a campaña de recadación solidaria #TiPodesParalos para conquerir fondos para poder emprender accións xurídicas contra os proxectos eólicos autorizados pola Xunta de Galiza en xaneiro deste ano, e que son produto dun modelo enerxético desordenado, insustentábel e inxusto co pobo galego. Unha semana despois do lanzamento da campaña e do seu primeiro reto, ADEGA propón un segundo desafío: recadar o importe necesario para poder recorrer no Tribunal Superior de Xustiza de Galiza o proxecto eólico Monte da Croa, promovido por Villar Mir Energía SLU na Costa da Morte, nos concellos de Vimianzo e Dumbría, e cuxa autorización, outorgada pola Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais da Xunta, foi feita pública no DOG o pasado 11 de maio.

Para acadar este segundo desafio #TPP (ou #TiPodesParalos) correspondente ao P.E. Monte da Croa, a asociación ecoloxista galega ADEGA pon a disposición pública desde hoxe a seguinte plataforma online: https://tipodesparalos.helpbysc.com/montedacroa

P.E. Monte da Croa: coroa da saturación eólica da Costa da Morte

O polígono eólico Monte da Croa, promovido inicialmente por Villar Mir Energía SLU, e transferido á empresa “Cartera Vimira 24, SLU”, afecta aos concellos de Vimianzo e Dumbría; concretamente, ás parroquias de Cambeda, Castrelo, Baíñas e Berdoias, pechando un círculo de aeroxeradores arredor da capital da Terra de Soneira e a poucos metros de varias aldeas, especialmente: Lavandeira, Piñeiros, Sanfíns e Rasamonde.

Os 7 aeroxeradores que o conforman, que suman unha potencia total de 27,90 MW, están agrupados en 2 conxuntos separados entre si por varios quilómetros, polo que as infraestruturas afectan a unha superficie desproporcionada na que habitan ata 26 especies con distintos graos de protección, como a salamántiga rabilonga, a víbora de Seoane ou as aves migratorias que visitan as lagoas de Castrelo. Ademais, desde hai máis dun lustro, está confirmada a presenza nesa zona dunha manda estable de lobos, cuxa zona de cría se ocuparía con varios do aeroxeradores.

O impacto do macroproxecto sobre o patrimonio cultural tamén é moi relevante, pois sitúase nunha área que, por si soa é un museo etnográfico ao aire libre, nas que se rexistran polo menos: 7 eiras de mallar, 21 muíños hidráulicos, 64 fornos de pedra, 99 hórreos... E outros elementos como fontes ou lavadoiros cuxos acuíferos se poden ver afectados polas obras na contorna de mananciais. Tamén afecta ás necrópoles megalíticas de Baíñas, que nese punto conta cunhas 20 mámoas. E a varios achados arqueolóxicos de Castrelo, como o Castro do Sino.

O outro conxunto eólico está xusto entre o petróglifo do Cotriño, os 14 muíños fluviais de Cambeda, as 6 mámoas da parte de Caxadas e as 7 mámoas da parte de Rasamonde, e deixaría a turística vila de Vimianzo sen ningún punto do seu horizonte libre de eólicos ou liñas de alta tensión.

O efecto acumulativo do cento de eólicos en funcionamento no Concello de Vimianzo, máis os que están en tramitación, fai que este desenvolvemento industrial sexa incompatible cos nosos ecosistemas e coa propia convivencia humana, un problema que afecta a toda a Costa da Morte. Lembramos que a propia Xunta de Galicia, nunha Declaración de Impacto Ambiental de xaneiro de 2023, recoñeceu que "entre Vimianzo e a ría de Noia non caben máis eólicos porque xa están a afectar ás aves".

Un mes para acadar o primeiro reto da campaña

O obxectivo mínimo de recadación colectiva establecido por ADEGA para poder completar con garantías todas as accións xurídicas vinculadas co recurso da autorización previa e de construción do P.E. Monte da Croa nos tribunais pasa por acadar 7.300 euros.

Porén, a recadación establecerase en dúas fases. A primeira terá unha duración de un mes desde hoxe, ata o 23 de xuño, será preciso acadar a metade do importe total, é dicir, 3.650 euros, o que garantirá a presentación por parte de ADEGA do pertinente recurso administrativo de alzada e a elaboración do informe técnico ambiental, alén de poder cubrir outros gastos de xestión. Nunha segunda fase, procurarase acadar outro tanto para a interposición do recurso contencioso-administrativo no Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, así como á solicitude de paralización cautelar.

Outros desafíos #TPP en activo

Desde o pasado 16 de xuño, ADEGA mantén activa a campaña de recadación “Ti podes paralo! P.E. Rodicio II”, proxecto cun gravísimo impacto ambiental e sobre a avifauna protexida na contorna do ZEC Bidueiral de Montederramo, nos concellos de Maceda e Montederramo. Este desafío, unha semana despois do seu lanzamento, está próximo a acadar o 30% da primeira fase de recadación. Pódense facer achegas a esta campaña particular en: https://tipodesparalos.helpbysc.com/rodicioii

Por outra banda, ADEGA tamén ofrece a posibilidade de destinar as doazóns da campaña “Ti podes paralos!” a un fondo común non adscrito a ningún proxecto eólico en particular, e que servirá de apoio ao conxunto dos desafíos impulsados por ADEGA para recorrer xuridicamente a invasión eólica que estamos a sofrer no país. Ata o momento, as achegas ao fondo común xa superan os 2.500 euros. As persoas ou entidades interesadas en contribuír a este fondo común da campaña poden facelo a través da seguinte ligazón: https://tipodesparalos.helpbysc.com/fondocomun

As doazóns poderán desgravar na declaración da renda das persoas doantes, físicas ou xurídicas. Todos e cada un dos desafíos #TPP que están actualmente activos, así como a información de cada un deles sobre a súa evolución na recadación solidaria, poden ser consultados na páxina web principal da campaña #TiPodesParalos: https://tipodesparalos.helpbysc.com/inicio

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal