Inicio / Novas / ADEGA Nacional / ADEGA achega ás escolas as problemáticas dos ríos...
15-03-2023
A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza, ADEGA, no marco do Proxecto Fluviatilis, comeza as actividades programadas da man de centros de ensino co obxectivo de dar a coñecer as problemáticas ambientais que ameazan os ecosistemas fluviais, así como fomentar actitudes e comportamentos que redunden nunha mellora do estado dos ríos.
A primeira das instalacións da exposición sobre especies exóticas invasoras 'Unha invasión silenciosa. A biodiversidade baixo ameaza' e a visita guiada vinculada a ela terán lugar no centro de educación secundaria IES de Brión. Será este xoves, 16 de marzo, en sesión de mañá.
Na exposición e na visita guiada darase a coñecer a problemática que supoñen as especies exóticas invasoras para os ecosistemas fluviais, ao destacar os impactos desde o punto de vista ambiental pero tamén económico e para a saúde humana. Así mesmo, sinalaranse exemplos das problemáticas comentadas, tanto desde o ámbito do territorio peninsular como do territorio galego, e mostraranse as principais especies exóticas invasoras presentes nos ríos de Galiza.
Realizarase tamén unha saída ao río para coñecer de primeira man esta problemática e para explicar como se realiza unha análise da calidade do ecosistema fluvial mediante indicadores biolóxicos como os macroinvertebrados.
As actividades de sensibilización e educación ambiental dirixidas a diferentes públicos, entre eles centros de ensino, son unha das propostas do proxecto Fluviatilis, que conta co apoio da Fundación Biodiversidade do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea - NextGenerationEU.
Para máis información:
Ramsés Pérez (616 23 80 50)
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal