ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / A Xunta renuncia a ingresar máis de 4 millóns de...

04-01-2023

A Xunta renuncia a ingresar máis de 4 millóns de ¤ por non apoiar a estratexia do lobo

Deixará de percibir recursos económicos equivalentes á suma do total investido no lobo nos últimos 6 anos


ADEGA considera unha manobra “trumpista” con graves consecuencias para o rural galego, a negativa da Xunta a apoiar a “Estratexia para a conservación e xestión do lobo e a súa convivencia coas actividades do medio rural” presentada polo Ministerio. A súa actitude obstrucionista fixo que se deixaran de ingresar 4,3 milóns de € destinados a Galiza para axudas ás explotacións gandeiras e investimentos tanto en melloras preventivas en zonas lobeiras (adquisición e mantemento de cans de defensa, peches fixos e pastores eléctricos, axudas para melloras no manexo do gando...), como para pagar compensacións ou indemnizacións polas perdas, nunha contía que melloraría enormemente o que se viña pagando até o de agora.

A negativa da Xunta a asinar a Estratexia do lobo non só prexudica gravemente ás explotacións das zonas lobeiras, senón que impide avanzar na protección da especie. O prexuízo que se causa en materia de conservación e de xestión é moi grave e vai contra toda lóxica científica e económica. A coexistencia amable entre o lobo e gandaría pasa por aceptar a protección desta especie e apoiar a súa Estratexia, e a administración galega vén de amosar que está en contra desa necesaria coexistencia.

A Xunta ficou soa xunto coa Comunidade de Madrid (cunha poboación de lobo testemuñal), na confrontación política que mantén co Ministerio de Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico. As CC.AA. de Castela León, Asturias e Cantabria, que inicialmente mantiñan a mesma posición, e que continúan cos seus recursos contra a inclusión do lobo no LESPRE (Listado de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial), finalmente apoiaron a Estratexia na Conferencia Sectorial de Medio Ambiente para poder así acceder aos importantes fondos de compensación de danos e medidas preventivas. Ao contrario que os seus correlixionarios de Castela e León, Rueda preferíu aliñarse co “ayusismo trumpista” prexudicando non só ao lobo senón tamén aos intereses dos gandeiros e gandeiras.

Foi no ano 2004 cando por primeira vez a Xunta de Galiza dispuxo axudas para pagar danos ás explotacións por ataques de lobo e para prevención. Dende aquela até hoxe a Xunta destinou un total de 7.695.375 € a estes conceitos (4.958.034 € foron a danos, e 2.737.341 € a prevención, ver táboas). A Estratexia de xestión do lobo é un documento imprescindíbel para determinar os criterios de xestión da especie e o xeito de distribuir os máis de 20 millóns de euros que se destinarán anualmente na súa execución, en coordenación coas CCAA que contan con lobos ibéricos.
Coa negativa a apoiar a Estratexia na Conferenza Sectorial de Medio Ambiente, a Xunta sabía que ía perder eses fondos, aos que si accederon o resto de CC.AA. (excepto Madrid). Para Galiza, a cantidade perdida (4,3 M€) supón o equivalente ao importe que se ten destinado ao lobo dende o ano 2017 e á metade do total histórico de axudas dende 2004.

Descargas

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal