ADEGA

Inicio / Novas / Educación ambiental / Comeza o curso técnico de compostaxe...

05-10-2022

Comeza o curso técnico de compostaxe descentralizada en Tomiño

O pasado luns día 3 pola mañá comezou nas instalacións da Escola Obradoiro de Goián do concello de Tomiño, o curso de técnico de compostaxe descentralizada que imparte o persoal técnico da asociación ecoloxista ADEGA, no que están participando 16 persoas. O curso, que se vai desenvolver durante o mes de outubro, está financiado pola Fundación Biodiversidade e o Fondo Social Europeo no marco do Programa Empleaverde para 2021.

Na xornada de apertura do curso, a concelleira Medio Ambiente, Ana Belén Casaleiro, e mais o persoal técnico en biorresiduos, Sandra Alonso e José Manuel Prado, achegáronse ata Goián para agradecer a boa acollida que tivo o curso e a animar a que finalicen con éxito dita formación. A concelleira de Medio Ambiente, Ana Belén Casaleiro, deulle a benvida a todas as persoas que están participando no curso. “Esperamos que este curso cumpra coas vosas expectativas e que sexa unha formación de proveito”. Ademais, engadiu que “dende a Concellaría de Medio Ambiente traballamos cada día para mellorar a compostaxe”.

Por parte de ADEGA, a coordinadora do curso e da docencia, María Amigo, agradeceu ao Concello de Tomiño a colaboración para ceder o espazo no que se imparte o curso e dixo que “Tomiño é un concello que apostou moi forte pola reciclaxe da materia orgánica, como pon de manifesto a súa infraestrutura en compostaxe, o que sen dúbida aproveitaremos neste curso para facer a práctica o máis realista posible, e por iso temos grandes expectativas con este curso”.

O curso realizarase do 3 ata o 31 de outubro, en horario de 9.00 a 14.00 horas, nas instalacións da Escola Obradoiro de Goián. Consta de 60 horas de formación teórica, 40 horas de prácticas e 25 horas de traballo autónomo. A formación divídese en bloques temáticos sobre a xestión dos residuos, a compostaxe como sistema de xestión dos residuos orgánicos, proxectos de compostaxe, CECoP (Comunicación, Educación, Concienciación e Participación), e a compostaxe na práctica. O obxectivo principal deste curso é formar a persoas desempregadas para que acaden a necesaria capacitación e coñecemento para exercer como profesionais nos diferentes procesos e técnicas de compostaxe dos residuos sólidos urbanos. Algunhas das destrezas que as 16 participantes acadarán ao rematar o curso teñen a ver con saber determinar a calidade do compost e o seu ámbito de aplicación ou co manexo dos composteiros domésticos e as áreas de compostaxe comunitarias.

Certificado de mestría en compostaxe

O curso técnico de compostaxe descentralizada é o terceiro dos catro ciclos formativos que ADEGA pretende executar ao longo do ano 2022. Ao finalizar o curso, as persoas participantes que o superen recibirán un certificado de mestría en compostaxe emitido pola entidade estatal Composta en Red, así como o asesoramento e a orientación oportuna na procura de emprego que facilite a súa inserción laboral.

Ademais, poderán optar a unha bolsa de traballo. Este proxecto está subvencionado pola Fundación Biodiversidad do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico a través do Programa Empleaverde, iniciativa para o impulso e a mellora do emprego, o emprendemento e o medio ambiente. Todas as accións desenvoltas neste curso son gratuítas para as persoas participantes ao estaren cofinanciadas polo Fondo Social Europeo (FSE), no marco do Programa Operativo Emprego, Formación e Educación 2014-2020, para conseguir formación e un emprego de calidade.

Calquera persoa interesada nos cursos, que estea en situación de desemprego, pode poñerse en contacto con ADEGA no correo electrónico compostaxe@adega.gal

“Acción gratuíta cofinanciada polo FSE”. “Conseguir formación e un emprego de calidade”

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal