ADEGA

Inicio / Novas / Educación ambiental / Un milleiro de persoas participou na XV Limpeza...

29-09-2022

Un milleiro de persoas participou na XV Limpeza Simultánea de Ríos

Unha vez máis, fomos moitas as galegas e galegos que nos mollamos polos ríos na XV Limpeza Simultánea do Proxecto Ríos de ADEGA. Houbo moita diversidade nos grupos de voluntarios/s, máis e menos numerosos, de nenos e nenas e de maiores. Limpáronse grandes ríos e tamén pequenos regatos, pero todas e todos tiñamos o mesmo obxectivo: coidar os nosos ríos e concienciar á sociedade da necesidade de que estean ben conservados.

O domingo 25 de setembro de 2022 realizouse a XV Limpeza Simultánea de Ríos en 41 concellos de toda Galiza. En cada localidade a actividade foi coordinada por diferentes entidades, dende asociacións ecoloxistas, culturais, centros de ensino e concellos, chegando ás 62 entidades. Houbo concellos nos que participaron varias asociacións limpando diferentes ríos como foi o caso de Gondomar, Santiago de Compostela, Tomiño ou Verín, entre outros. Este ano fíxose a limpeza en 51 treitos de río e participaron 948 persoas.

Neste ano continúan a sumarse á iniciativa concellos, asociacións culturais, xuvenís, ecoloxistas, centros de atención á diversidade, scouts… de moitos lugares de Galiza. Outros grupos levan participado nesta iniciativa dende o inicio, e ao longo destes trece anos podemos observar unha diminución de lixo nos treitos dos ríos apadriñados por estas entidades, aínda que en 2022 volveron a aparecer moitas rodas de automóbiles, e outros voluminosos.

Aínda se verten moitos residuos aos ríos

Desta volta recolléronse refugallos moi variados, e coma sempre abundaron os plásticos: botellas, garrafas, bolsas, sacos... Apareceron rodas, cristais e latas; tamén pilas, restos de madeira, mobles, ferralla, unha valla de sinalización, entullos. Retiráronse uralitas, roupa, calzado, etc... As toalliñas húmidas para hixiene persoal volveron a aparecer en abundancia e tamén máscaras. É preciso reflexionar sobre o uso destes artigos, e aínda máis sobre o lugar que empregamos para desfacernos deles, xa que ao tiralos polo retrete rematan nos nosos ríos contaminando os cauces e ribeiras.

Algunha das entidades participantes, como a Asociación para a Defensa do Val do Liñares, notificaron a presenza dun vertedoiro no río Freán.

Proxecto Ríos é un proxecto promovido por ADEGA dende o ano 2005 e financiado por Augas de Galicia e a Confederación Hidrográfica Miño-Sil.
Para esta actividade contamos coa colaboración dos concellos de A Estrada, Allariz, Ares, Ames, Carballo, Fene, Gondomar, Meis, Nigrán, Ponteareas, Pontevedra, Rianxo, Ribadumia, Salceda de Caselas, Santiago de Compostela, Teo, Tomiño, Verín e Xinzo de Limia.

No reconto, calculamos que os residuos de tódolos concellos suman máis de 8 toneladas, pero debemos lembrar que o noso principal obxectivo non era este. O voluntariado ambiental non é man de obra barata que poida suplir o traballo da administración, somos, por outra banda, unha masa de xente que axuda a concienciar á sociedade. O voluntariado denuncia que a situación dos nosos ríos debe mudar, e para iso facemos actividades como esta.

Queremos voltar a agradecer a todo o voluntariado galego o seu compromiso cos nosos ríos, un ano máis a sociedade galega Mollouse Polos Ríos!!

Ligazóns

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal