ADEGA

Inicio / Novas / Todas / ADEGA Lugo reivindica o día da Auga con unha...

22-03-2022

ADEGA Lugo reivindica o día da Auga con unha exposición do lixo retirado no Río Rato

Este martes 22 de marzo, é o día da Auga, e dende ADEGA Lugo queremos visibilizar a grave situación na que se atopan os ríos por mor da mala xestión do lixo doméstico, e que podemos reverter mudando certos hábitos cotiás.

Quilos e quilos de toalliñas son retirados cada ano nas actividades de voluntariado ambiental, e queremos visibilizar este problema ambiental e económico a través dunha mostra do lixo retirado en tan só dúas horas por seis voluntarias, na Praza Maior, diante do Concello este día da auga, 22 de marzo dende ás 11 ata ás 19h.

Aquelas persoas que participades nas actividades de voluntariado ambiental sodes coñecedoras da cantidade de toalliñas e produtos de hixiene que aparecen no leito fluvial, teas sobre teas que tupen as raíces da vexetación de ribeira, e as marxes dos ríos, e nalgúns casos, cambian o fluxo da auga e que pouco a pouco vanse degradando ata converterse en microplásticos, e que finalmente acaban entrando na cadea trófica. Estas toalliñas proceden dos wc, os días en que as fortes choivas saturan as canalizacións de saneamento, e os pozos de tormenta liberan todo o fluxo residual ao río. Son unicamente as iniciativas particulares, ou como as promovidas por ADEGA as que traballan na súa retirada. É por iso que quixemos darlle visibilidade a través da exposición que levamos á Praza Maior o día da auga.

De que serve unha gran depuradora de augas, cunha grande inversión económica, se cada vez que hai fortes choivas as augas residuais rematan no río sen ningún tipo de tratamento? Existen na actualidade sistemas de desbaste que poden evitar que todo este lixo remate no río a través dos pozos de tormenta. Consideramos que o Concello debe responsabilizarse e dende a Área de Medio Ambiente traballar pola conservación dos leitos fluviais, con accións de limpeza e mantemento respectuosos co medio ambiente, e a mellora do actual sistema de evacuación de augas residuais.

Solicitamos ademais que o Concello de Lugo deseñe un programa de educación ambiental, dirixido a todos os sectores da cidadanía de Lugo, que promova a xestión do lixo dende redución e reutilización, ademais de promover a compostaxe, tanto individual como comunitaria como a mellor ferramenta para a xestión dos residuos orgánicos, facendo á veciñanza partícipe da solución e non do problema.

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal