ADEGA

Inicio / Novas / Educación ambiental / ADEGA e Noia Limpa realizarán unha recollida de...

25-02-2022

ADEGA e Noia Limpa realizarán unha recollida de cabichas para concienciar sobre este tipo de contaminación

A iniciativa está encadrada dentro do programa ambiental “O lixo desde o teu Concello”, promovido polo Complexo Medioambiental da Mancomunidade da Serra do Barbanza


O obxectivo será concienciar sobre o impacto que este tipo de residuo ten sobre o medio ambiente, xa que hoxe en día, as cabichas, logo dos plásticos, son uns dos refugallos máis abundantes e contaminantes da nosa contorna.

As cabichas teñen un impacto significativo sobre a auga por conter elementos químicos e metais pesados. A súa incidencia contaminante é maior ou menor dependendo de se é auga doce ou salgada, do tipo de ecosistema no que fosen depositadas ou de se as augas son estancas ou están en movemento. Hai estudos que estiman que nun charco onde non hai renovación hídrica, os compoñentes químicos dunha única cabicha poden chegar a contaminar 10 litros de auga, ademais de que os restos plásticos do filtro da cabicha perdurarán milleiros de anos na auga, podendo mesmo ser inxeridos por aves ou animais acuáticos. Os restos plásticos non desaparecen, senón que se degradan en partículas cada vez máis pequenas (microplásticos).

Desde ADEGA, observamos que a prohibición de fumar en terrazas por mor da Covid-19 favoreceu que este tipo de residuo acadase maior presenza en chans e lugares afastados das zonas de ocio ou habitualmente concorridas polas persoas. Ante a falta de cinceiros, algunhas persoas optan por tirar os restos dos cigarros ao chan, un acto totalmente incívico e antiecolóxico.

Saída e charlas

O punto de encontro das persoas voluntarias para realizar a limpeza de cabichas será a Praza do Concello de Noia e comezará ás 11:00 horas. Alí, formaranse equipos de limpeza que se dividirán en diferentes zonas da vila.

Ademais da recollida, ADEGA e a organización LimpOcean impartirán para os asistentes á Praza do Concello dúas charlas sobre esta problemática ambiental. A organización LimpOcean, moi preocupada pola problemática das cabichas e o seu impacto na contaminación mariña, entregarán uns cinceiros portátiles feitos de materiais reciclables aos participantes da xornada.

O Complexo Medioambiental Serra do Barbanza colabora nesta saída organizada por ADEGA, coa participación do colectivo “Noia Limpa”, a través do programa “O Lixo desde o teu Concello”, destinado a concienciar esta bisbarra sobre unha correcta xestión dos residuos.


Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal