ADEGA

Inicio / Novas / Educación ambiental / ADEGA convoca a X Limpeza Simultánea de Praias...

08-10-2021

ADEGA convoca a X Limpeza Simultánea de Praias para os 15 e 16 de Outubro

A próxima fin de semana (os días 15 e 16 de outubro), máis de 20 entidades colaborarán nesta décima edición da Limpeza de Praias, entre as que se atopan centros de ensino, asociacións ecoloxistas, concellos, escolas de surf, e particulares, que non queren perder a oportunidade de axudar ao noso litoral. Este ano tamén contamos coa participación dos Concellos de Ares, Fene, Cabanas, Nigrán e Muros.


O obxectivo das limpezas de praias é o de eliminar parte dos residuos que están nas praias como símbolo de chamada de atención sobre esta a situación de contaminación que sofren as nosas praias e areais. As principais causas desta problemática ambiental débense situar no modelo de consumo e produción baseado no modelo “usar e tirar”, a deficiente xestión dos residuos que xeramos e a falta de concienciación dalgúns sectores da poboación. Todo iso fai que cada ano 10 millóns de toneladas de lixo rematen nos océanos, procedente en parte da industria do mar (pesca, extraccións...), pero tamén dos nosos fogares.

Recordamos que a finalidade desta iniciativa non é deixar a praias sen ningún residuo, senón visibilizar o impacto ambiental que a actual cultura de consumo de “usar e tirar” xera nos nosos areais. Desde ADEGA, volvemos a salientar con esta actividade que a Educación Ambiental é unha ferramenta moi útil para desenvolver accións de concienciación no medio natural.

Sexamos respectuosos cos nosos areais

ADEGA tamén fai fincapé na importancia de realizar estas limpezas de feito manual, xa que é a única maneira de facer unha limpeza “ecolóxica” na que se preserve a flora e fauna que está na contorna, tendo especial coidado coa biodiversidade dos ecosistemas dunares. Avogamos por este tipo de limpeza fronte ao uso recorrente de maquinaria pesada, pouco respectuoso co medio ambiente, para eliminar lixo das praias.

Súmate á limpeza de praias, enviando un correo a itziar@adega.gal, ou chamando ao teléfono 628378804.

Descargas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal