ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / A ría de Arousa rexeita o novo proxecto de...

03-07-2021

A ría de Arousa rexeita o novo proxecto de explotación para a mina de Touro e esixe a súa restauración

Na Arousa, 3 de xullo de 2021. Unha ampla representación da Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA): confrarías de pescadores e agrupacións de produtores de mexillón, alén da Plataforma mina Touro-O Pino Non, colectivos ecoloxistas e sociais, reiteramos a nosa firme oposición ao proxecto de reapertura da explotación da mina de Touro.
Logo de que en febreiro pasado Industria rexeitara definitivamente o anterior proxecto, a mineira volve a intentalo a traves de contactos coa veciñanza da mina e as confrarías da Arousa para convencernos das bondades dun eventual novo proxecto mineiro. A esta campaña de propaganda engádese o feito de que a empresa mineira xa presentou no concello de Touro unha nova solicitude de compatibilidade urbanística, trámite que supón o primeiro indicio oficial.
Perante esta novo intento de reanudar a actividade, os sectores sociais afectados queremos transmitir a Atalaya Mining e á Xunta unha mensaxe clara e inequívoca: non imos dar licenza social a un proxecto extractivo que pretenda explotar a ceo aberto o cobre en Touro, e esiximos que afronten a restauración da desfeita ambiental deixada pola mineira nos últimos 35 anos.

A chantaxe da mineira: haberá restauración só de autorizar un novo proxecto

Durante toda a peripecia administrativa, a idea da empresa foi condicionar a restauración á reapertura da mina, abandonada dende 1986. Agora, a mineira volve á carga co mesmo argumento, ao que engade afirmacións como que nos tempos da pimeira etapa da mina (1972- 1986) non había as esixencias de restauración ambiental vixentes hoxe.
Tais afirmacións, lonxe de afortalar a posición da mineira, debilítana: en primeiro lugar, porque recoñecer a necesidade de restaurar, implica asumir a responsabilidade da grave contaminación presente hoxe nun amplo territorio debido á súa actividade. E, en segundo lugar, é falso que a lexislación mineira vixente naquela altura non establecera a obriga de restaurar: tanto a Lei de Minas de 1973 como especialmente o RD 2994/1982 (substituido posteriormente polo 975/2009) sobre restauración do espazo natural afectado por actividades mineiras (aprobado 4 anos antes do abandono da explotación de Touro), establecían a necesidade de restaurar o dano causado ao territorio.
Que pasaran 35 anos e sigan abertos os ocos mineiros, as balsas de estériles sen encapsular, as drenaxes ácidas vertendo de continuo á bacía fluvial... só significa que a empresa non tivo vontade algunha de cumprir a lei nen tampouco houbo vontade por parte da Xunta de obrigar ao seu cumprimento. A súa credibilidade é nula.
O 29/01/2020, dous días despois de coñecerse a D.I.A. negativa para o proxecto Touro, o Conselleiro de Economía, Francisco Conde manifestou en sede parlamentar a esixencia á empresa de tramitar un plano de restauración que “salvagarde o estado ecolóxico” dos ríos da contorna, tributarios do Ulla. Ano e medio despois non cumpliu coa palabra dada NEN TOMOU MEDIDAS SANCIONADORAS. Connivencia cecais?

Medidas “compensatorias”: facer unha planta de tratamento de puríns, outra de residuos da construción e unha depuradora?

Para facerse coa tan ansiada “licenza social” a empresa ofrece o engado de desenvolver no seu territorio unha planta de tratamento de puríns, outra de refugallos da construción e unha depuradora para as augas da balsa de Vieiro. Estas propostas non son máis que unha estratexia para camuflar os graves déficits ambientais derivados do proxecto mineiro xa sinalados por Augas de Galiza nos seus demoledores informes ambientais e que levaron á denegación do proxecto. O proceso extractivo e de separación do cobre sigue sendo o mesmo e constitúe a orixe de toda a contaminación.
Os últimos documentos técnicos que a mineira está a trasladar a confrarías e veciñanza, son copia case literal dos que xa figuran no expediente administrativo do proxecto rexeitado, a empresa non pode ocultar que máis de 65Km2 da bacía fluvial que drena ao Ulla amosan unha grave contaminación polas drenaxes ácidas e os metais pesados da mina. Malia a que se insiste en argumentar que moi pouca desta contaminación chega ao Ulla e á ría de Arousa, as normas de calidade ambiental das augas obrigan a que en cada punto dos cursos fluviais, grandes ou pequenos, deben cumprirse os límites para as substancias contaminantes.
A empresa mantén que o efecto da dilución das augas do Ulla é moi importante, mais os metais son prexudiciais para a fixación da semente dos bivalvos e para a súa fixación, polo que a eliminación de calquera fonte deste tipo de contaminación é fundamental para garantir a calidade dos productos do mar, a viabilidade das explotacións e a biodiversidade da ría de Arousa. É ridículo e indigno descargar no río Ulla a responsabilidade de diluir as vergoñas da mineira! A empresa volta a insistir tamén na efectividade do tratamento con tecnosolos (mistura de residuos orgánicos e da construción) para a neutralización da acidez e a redución dos metais pesados. Porén, a enorme cantidade destes materiais deitados durante anos, particularmente na corta de Bama, non só non eliminou as drenaxes ácidas senón que o seu uso trouxo consigo novos problemas. A empresa non soubo explicar por que na bacía fluvial da contorna mineira os níveis de Hg (mercurio) en lugar de diminuir augas abaixo polo efecto da dilución, aumentan. Un dos problemas do uso de tecnosolos como elemento de restauración radica precisamente na cantidade de metais pesados que conteñen, procedentes das lamas de depuradora e outros refugallos que por centos de toneladas levan anos amoreándose na mina, coa excusa dunha falsa restauración.

Estamos pois diante dunha repetición do xa vivido: o novo proxecto non vai solucionar os problemas de contaminación da antiga mina xerados polo abandono da empresa e o desleixo da Admistración, senón que vai engadir outros novos: converter Touro e o Pino nun centro de recepcións de máis residuos, o que incrementa as ameazas sobre a ría. E na súa propaganda, a mineira tampouco di nada da recente alerta do CSIC sobre o estado das balsas que Atalaya Mining ten en Huelva, en risco certo de derrubamento, con gravísimas consecuencias para os máis de 111 km de territorio que as lamas percorrerían augas abaixo. A ría de Arousa está a menos de 50km da mina de Touro, e o núcleo de poboación de Arinteiro a 250 metros!!
A mineira pretende resucitar o seu proxecto esquecéndose da débeda ambiental contraída despois de máis de 35 anos de contaminación a eito e pretende voltar a poñer unha espada de Damocles sobre a ría de Arousa e das súas xentes. As organizacións asinantes lanzamos de novo un chamado de alarma á sociedade galega, un S.O.S pola vida da ría e da contorna de Touro.

ESIXIMOS A RESTAURACIÓN DA MINA ABANDONADA!
PAREMOS ESTA NOVA-VELLA AMEAZA!
MINA TOURO-O PINO, NON!

Asinan:

ADEGA
AMEGROVE
AMEVILA
A.P.D.R. DE PONTEVEDRA
A.P.M. A POBRA
A.P.M. RUA MAR DA ILLA DE AROUSA
A.P.M. SAN AMARO
A.P.M. SAN SATURNINO DE CAMBADOS
A.P.M. VIRXEN DO CARMEN DE ABANQUEIRO
ASMECRUZ
ASOCIACIÓN AMBIENTAL AMABUL DE VEDRA
ASOCIACIÓN DE MEXILLOEIROS ILLA DE AROUSA
ASOCIACIÓN DE MEXILLOEIROS XIDOIROS
ASPROMERI
C.I.G.
COLECTIVO ECOLOXISTA DO SALNÉS (C.E.S.)
CONFRARÍA “A PASTORIZA” DE VILANOVA DE AROUSA
CONFRARÍA DA ILLA DE AROUSA
CONFRARÍA DA POBRA DO CARAMIÑAL
CONFRARÍA DE CABO DE CRUZ
CONFRARÍA DE RIANXO
CONFRARÍA “SAN ANTONIO” DE CAMBADOS
CONFRARÍA “SAN MARTIÑO”DO GROVE
CONSELLO REGULADOR DO MEXILLÓN DE GALICIA
ECOLOXISTAS EN ACCIÓN
FUNDACIÓN MONTESCOLA
FRUGA
OPMEGA
OPMEGAL
P.D.R. DE VIGO
PLATAFORMA POLA DEFENSA DE CORCOESTO E BERGANTIÑOS
PLATAFORMA VECIÑAL MINA TOURO-O PINO NON
SOS SUÍDO SEIXO
VERDEGAIA
SINDICATO LABREGO GALEGO

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal