Inicio / Novas / ADEGA Nacional / ADEGA celebrará mañá a súa 45 Asemblea Xeral na...
07-05-2021
Este sábado, 8 de maio, ADEGA convoca as súas socias e socios á súa 45ª Asemblea Xeral. Debido á actual situación de risco sanitario, ADEGA optou por desenvolver este encontro coa súa base social de forma telemática. Como en anteriores edicións, desta volta a organización ecoloxista galega dará conta da súa actividade durante 2020, fará o seu particular balanzo ambiental do ano e presentará as súas contas anuais e acordará as liñas estratéxicas para o ano 2021.
Nesta edición, ADEGA tamén terá que renovar a composición da súa Xunta Directiva, ata agora presidida por Virxinia Rodríguez Álvarez.
Previa á Asemblea Xeral Ordinaria, ADEGA celebrará unha Asemblea Extraordinaria para mudar parcialmente os seus Estatutos e Regulamento Interno. Así pois, a sesión extraordinaria dará comezo ás 9:45 horas, en primeira convocatoria, e a sesión ordinaria ás 10:15 horas.
Durante a Asemblea Xeral Ordinaria, as socias e socios de ADEGA participarán en varias mesas de traballo nas que se acordarán as propostas de acción para esta anualidade 2021. Concretamente promoverase o debate en tres ámbitos nos que ADEGA xa vén dedicando esforzos e iniciativas: a enerxía eólica e a súa irracional implantación en Galiza, a nova vaga eucaliptizadora e o plan forestal do PP, e propostas de decrecemento para poder afronter o reto climático e da sustentabilidade nos vindeiros anos.
ADEGA aproveitará este encontro anual cos seus socios e socias para anunciar o fallo dos premios Osíxeno e Dioxina para 2020, outorgados a persoas e colectivos que contribuíron, respectivamente, a mellorar ou a agravar a situación ambiental do país durante ese ano. A entrega formal dos galardóns realizarase nunha data aínda non sinalada e posterior ao levantamento do estado de alarma.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal