ADEGA

Inicio / Novas / Todas / A simplificación administrativa para o PP:...

17-02-2021

A simplificación administrativa para o PP: arredar á cidadanía e minimizar a administración para deixar todo o poder ás empresas

Con esta nova norma, xunto coa “Lei de Depredación” e o uso espúreo das leis de acompañamento, a Xunta afonda na privatización da xestión dos recursos públicos como o vento, a auga ou a biodiversidade.

O grupo maioritario do PP no Parlamento, brazo secular da Xunta, vén de aprobar a “Proposición de lei de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia” tramitada pola vía de urxencia. A urxencia para a Xunta consiste, sob a excusa de “favorecer a recuperación económica”, en eliminar máis “molestos trámites” en determinados proxectos industriais para que algunhas empresas poidan acaparar a chuvia de euros dos fondos europeos anti-COVID. Ese perigoso percurso lexislativo iniciado en 2017 coa coñecida “Lei de Depredación” continúa e afóndase con esta norma, que convirte definitivamente á administración pública nun portelo receptor de proxectos, cuxa avaliación favorábel está case garantida á marxe dos seus impactos ambientais e sociais.

Reducir ao mínimo a participación da sociedade: canto menos saiba, mellor

A proposta de simultanear determinados trámites (ambiental, sectorial, e de utilidade pública, por exemplo) que antes se desenvolvían correlativamente, reduce xa de por si a participación da cidadanía que agora disporá dun único periodo para facer achegas e non de varios. A isto hai que engadir a redución efectiva dos prazos de exposición pública o que dificulta aínda máis a axeitada análise da documentación técnica dos proxectos, máis abondosa pola condensación de trámites. Para determinados proxectos o periodo de infomación pública, xa condensado e reducido, fica ao abeiro da administración ou mesmo elimínase, como na modificación das instalacións enerxía eléctrica en determinadas condicións (que non soliciten a utilidade pública, por exemplo).
Para ADEGA ningún caso deberían eximirse do trámite de información pública procedementos que poderían incidencia sobre o ambiente, independentemente do seu carácter ou dimensión. Que non se solicite a utilidade pública non significa que non poidan verse afectados bens públicos. E os titulares de bens privados (as terras, por acaso) só terían coñecemento dos proxectos que lles afectan unicamente através da relación coa empresa promotora do proxecto!!
Estas propostas semellan redactadas no consello de administración dalgunha electrica na que poderían xubilarse algúns dos responsábeis politicos que promoven esta lei.

Xibarizar a administración pública até facela irrelevante

Redúcense tamén os prazos internos que os distintos departamentos das administracións teñen para facer as súas valoracións e emitr os seus informes. En principio, todo o que supoña unha redución de prazos internos, isto é, do tempo que a administración tarda en facer o seu traballo na tramitación dos procedementos, podería ser aceitábel. Porén, para conquerir este obxectivo de maior eficiencia precisariase afondar na mellora dos medios, humanos e materiais cos que conta a administración: máis persoal técnico, maior formación e especialización, con maiores investimentos e orzamentos…, aspectos estes que para a Xunta fican fóra da norma.
Deste xeito, recurtar prazos e axilizar procedementos faise en detrimento das garantías e da calidade que debe ter o traballo da administración pública, e en definitiva a costa dos intereses da cidadanía.  Ademais para algúns dos informes sectoriais (Patrimonio Natural, Augas de Galiza, Cultura, Urbanismo…) obrigatorios en determinados proxectos, a proposta de lei considera de que non entregarse en prazo –xa substancialmente reducidos- terán carácter positivo.
O papel da administración fica pois reducido ao dunha mera receptora e dispensadora automática de autorizacións e subvencións a proxectos.

Privatizar as funcións de avaliación, inspección e control dos organismos públicos

A nova lei recolle que a longo da tramitación administrativa e como elemento de axilización efectiva (substanciais reducións dos prazos, por exemplo), poderán “externalizarse” determinados servizos a persoas, organismos e empresas privadas. Dende a colaboración de “suxeitos expertos” e “entidades sen ánimo de lucro” (eiquí poderían entrar, por exemplo, Asociación de Empresarios, a Cámara Mineira ou Federación de Caza…) na elaboración dos informes sectoriais, até a participación de “entidades de colaboración ambiental” (consultoras privadas) en todas as fases da tramitación, incluídas a avaliación e a inspección ambiental.
É a situación ideal soñada polas enerxéticas, mineiras ou pasteiras: seren xuíz e parte (através por exemplo, das súas consultoras e certificadoras) na tramitación dos seus propios proxectos. Estas “entidades de colaboración ambiental” cobrarían ademais polos seus servizos, co que o beneficio para as empresas é completo: presentar un proxecto, avalialo, autorizalo e facer o seguemento, e por riba cobrando os trámites. Negocio redondo!

Total descontrol eólico

Por se non foran poucas as prebendas administrativas que acadan as empresas ao tramitaren proxectos coa Xunta, as eólicas contan cunha medida de graza excepcional: Nas disposicións derradeiras desta "Lei de simplificación" o PP consagra a simplificación máxima: Poder presentar proxectos fóra da planficación sectorial (Plano sectorial eólico), sempre que a criterio da Xunta teñan unha "clara incidencia territorial" (sic).
Con esta disposición o PP dinamita a planificación eólica en Galiza para permitir facer parques a discreción en calquera lugar no que haxa vento que e non estea expresamente prohibido. Deste xeito e agás o 12% do territorio en Rede Natura (no que tamén hai parques da época de Fraga) Feijóo entrega ás empresas enerxéticas o 88% do territorio galego. Iso é ter un amigo!

Descargas

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal