ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / Eucalipto 3.0: A viscosa e un novo boom do...

01-12-2020

Eucalipto 3.0: A viscosa e un novo boom do eucalipto?

A Xunta de Galiza vén de anunciar o seu apoio á multinacional Inditex para poñer en marcha unha fábrica de roupa “sostíbel” a partir de fibras téxtiles que substitúan as sintéticas, coa dotación de fondos europeos para a produción de viscosa. Mais este proxecto reincidiría unha vez máis nunha das maiores lacras ambientais do país: a eucaliptización dos montes galegos. A Xunta de Alberte Núñez Feijóo e o imperio de Amancio Ortega queren elaborar roupa “sostíbel” a partir da viscosa ou pasta de celulosa que se obtén do eucalipto.

Segundo datos da Xunta, máis do 60% da madeira que se produce Galiza é eucalipto, unha especie que, a pesar de estar cualificada como exótica e invasora polo Comité Científico do Ministerio de Transición Ecolóxica, xa supera a día de hoxe o medio millón de hectáreas ocupadas no noso territorio. Aínda así, a Xunta séguelle dando pulo e presentando a proliferación do monocultivo de eucalipto como liña “estratéxica” para o desenvolvemento futuro do país, alternativa para a saída da crise e, curiosamente, como instrumento de loita contra o cambio climático.

Á agarda de coñecer os detalles concretos da iniciativa de Inditex, presentada como o “proxecto estrela” da Xunta de Galiza para a captación dos fondos europeos de recuperación Next Generation, o alardeado e decidido apoio da Xunta á produción de viscosa xa revela unha clara vontade do goberno de seguir apostando polo incremento da produción e, por tanto, da superficie plantada con eucalipto. Para ADEGA este anuncio contradí a intención expresada por Núñez Feijóo de reducir, aínda que sexa nun miserable 5%, a superficie ocupada por eucalipto de aquí a 2040. Mais, resulta coherente cos obxectivos tamén anunciados pola Xunta aumentar as cortas de madeira ao ano en tres millóns de metros cúbicos máis. Todo apunta a que a intención do goberno galego é a de promover un novo boom do eucalipto! Ademais, a parte da intensificación do eucalipto, habería que ver que impactos ambientais supón a produción de viscosa, xa que non é un proceso inocuo, pois precisa de procesos químicos altamente contaminantes e dunha inxente cantidade de auga.

O eucalipto: eixo central da política forestal de Núñez Feijóo

Ás expectativas de Inditex para coa viscosa de eucalipto, debemos sumar os obxectivos de empresas amigas do actual goberno autonómico ligadas ao sector forestal, como Greenalia ou Ence. A empresa da ex-conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato, prevé  alimentar a súa macroplanta de biomasa de Teixeiro (Curtis), non só con restos de madeira de eucalipto, senón tamén con cultivos enerxéticos que se acadarían á costa de ocupar grandes superficies de terreo agrario, bosques caducifolios ou espazos naturais de grande valor. Pola súa banda, Ence tamén se apunta a este negocio e á ocupación de novas superficies para a produción de enerxía a partir de biomasa, alén de seguir acaparando terreos de dominio público para engordar os seus beneficios de produción de celulosa para papel.

Á vista está que a Xunta non ten vontade de reducir a superficie forestal ocupada por eucalipto, nin de reconducir a situación de expansión descontrolada desta especie sufrida polo monte galego nas últimas décadas. As apostas “de futuro” que está a anunciar a Xunta de Galiza no sector forestal teñen como eixo central a promoción desta especie exótica e invasora, que agora se pretende promover en calquera recuncho do país. De saíren adiante as expectativas destes lobbys empresarias poderíamos chegar a abeirar en 2030  o millón de hectáreas ocupadas polo eucalipto (na actualidade Galiza conta cunha superficie forestal de 1,4 millóns de Ha), un 400% máis dos límites marcados para ese ano polo vixente Plano Forestal. Ademais, segundo un recente estudo da Escola Politécnica de Mieres e a Universidade de León, por mor do cambio climático, outras 587.448 ha de superficie poderían ser susceptibles de ser invadidas polo eucalipto ata 2050. Esta podería ser a expansión definitiva do eucalipto en Galiza, incluso a zonas ata agora menos permeables como a comarca do Deza, o sur e as serras orientais de Lugo ou toda a provincia de Ourense.

En tal suposto, as consecuencias ambientais e socioeconómica serían nefastas para o país, especialmente para a nosa contorna natural e o rural. Un novo boom do eucalipto constituiría a sentenza de morte do bosque galego e das especies forestais autóctonas, a causa da perda drástica da biodiversidade, a proliferación de lumes cada vez máis virulentos, a erosión e empobrecemento dos solos, o aumento da escaseza de recursos hídricos, a eliminación das últimas pegadas da paisaxe tradicional galega e un golpe definitivo contra o asentamento da poboación no rural.

Plan Forestal e transición “ecolóxica, ao servizo dos lobbys empresariais

Á versión Eucalipto 1.0, impulsada por Ence desde os anos 60 para a fabricación de pasta de celulosa, agora súmase a versión Eucalipto 2.0 patrocinada por Greenalia para produción de enerxía a partir de biomasa, e a versión Eucalipto 3.0, auspiciada por Inditex para a produción de pasta “dissolving” (viscosa), todo isto, baixo a etiqueta da sustentabilidade e da economía circular. Esta actualización do papel do eucalipto na conformación da futura economía “sostíbel” do país,  é unha clara mostra de que  Xunta de Galiza pretende seguir sostendo a súa política forestal, e agora tamén, de transición ecolóxica, nas expectativas e ansias de negocio de certos lobbys empresariais de presión, que se benefician do servilismo da Administración galega, e que agora ademais se erixen como abandeirados ecoloxistas no camiño cara a unha economía verde. Preguntámonos se será por iso que a revisión do Plano Forestal de Galiza leva máis de un ano pendente de aprobación. Haberá que darlle cabida nesta planificación ás versións eucalipto 2.0 e 3.0? 

Desde ADEGA preguntámonos tamén onde están os proxectos alternativos e candidatos aos fondos europeos Next Generation que realmente promovan unha economía sostíbel e resiliente fronte o cambio climático, proxectos, por tanto, que aposten pola multifuncionalidade do monte galego, pola industria da madeira de calidade, pola recuperación de espazos naturais fundamentais sumidoiros de carbono, pola ampliación da superficie agraria para o cultivo ecolóxico de alimentos, pola prevención dos lumes forestais, pola compostaxe, etc.

Malia os intentos da Xunta de confundir á opinión pública e “colar” o eucalipto como elemento estratéxico no marco de investimentos para a transición ecolóxica, esta especie non contribúe a mitigar o quecemento global nin a construír unha economía neutra en carbono, mais ben ao contrario. Así mesmo, resulta lamentable que para a promoción do Xacobeo 2021 a Xunta presuma de paisaxe e de “Galiza verde” equiparando as plantacións de eucaliptos (especies exóticas e invasoras) con bosques naturais (non existen "bosques" de eucaliptos fóra de Australia e Nova Guiné).

De non mediar un drástico cambio estrutural na política forestal do país, asistiremos á eliminación de calquera  alternativa forestal e de produción sostíbel no monte galego que poida aspirar a fixar poboación no rural e a compatibilizar a rendibilidade do monte con fórmulas de xestión do territorio máis ecolóxicas.

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal