ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / A devesa de Anllares, maltratada polas eléctricas...

28-10-2020

A devesa de Anllares, maltratada polas eléctricas e cercada polos eucaliptos

O bosque atlántico máis occidental do continente, degradado polo desleixo institucional

A devesa de Anllares, ao carón do río Xallas, leva décadas sofrindo as consecuencias do esquecemento -intencionado- das institucións. Recurtada, fragmentada e agora ameazada polos eucaliptos, urxe xa a súa protección!

Un dos -até hai pouco- bosques atlánticos millor conservados de Europa e o máis occidental do continente, segue a sofrer as consecuencias da nefasta política de conservación da Xunta. Malia a figurar nas propostas de ampliación da Rede Narura 2000 de 2008 (bipartito) e 2012 (PP) o desleixo das administracións, a cobiza de Ferroatlántica e a presión do eucalipto (con novas talas, pistas, e recentes plantacións...) están a provocar a rápida degradación deste espazo.

En 2015 milleiros de metros cadrados de carballeira e bosque de ribeira (hábitats de interese europeo e prioritario) ao longo dun treito de máis de 2 km de río foron destruídos polas obras de "modernización" de 3 minicentrais case consecutivas que Ferroatléntica explota no Xallas. Daquela, un informe asinado por investigadores/as das tres universidades galegas, denunciaba os impactos causados polas obras das minicentrais de Villar-Mir sobre os hábitats e as especies protexidas, algunhas en perigo de extinción, do río e do bosque de ribeira. A Xunta fixo caso omiso da comunidade científica e permitíu a continuación das obras.

Agora, novas plantacións de eucaliptos arrodean e penetran cara o corazón da Devesa, acelerando o reloxio da súa degradación definitiva. As excusas de mal pagador dadas recorrentemente pola Xunta (non hai cartos; "estamos trabajando en ello", "non toca", etc...) xa non colan. O desleixo dunha administración faina cómplice da desfeita.
Non abonda con actuar sobre estas últimas plantacións recentemente denunciadas por ADEGA e outros colectivos da comarca. Cómpre xa a urxente ampliación da ZEC Carnota-Monte Pindo (e da RN2000 no seu conxunto) para incluir á Devesa dre Anllares, unha medida cuxa tramitación paralisaría a acelerada degradación deste espazo.

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal