ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / 25-S: ADEGA demanda maiores compromisos na Lei de...

25-09-2020

25-S: ADEGA demanda maiores compromisos na Lei de Cambio Climático

Este 25-S celébrase outro Día Mundial de Acción polo Clima. Aliás de participar en mobilizacións e na organización de numerosas actividades, ADEGA esixe das lexisladoras un maior compromiso na Lei de Cambio Climático e Transición Enerxética nestes intres en tramitación no Parlamento do Estado.

Redución das emisións: máis e máis rápido

O texto da Lei de Cambio climático a debate non asume as recomendacións da ONU e do IPPC para conquerir o obxectivo de que a temperatura media non aumente máis de 1,5ºC a finais de século. As prestensións do goberno español nesta lei están moi por debaixo do necesario para acadar este compromiso, pretendendo reducir as emisións un 20% para 2030 cando, en consonancia co recomendado pola comunidade científica, esta redución debera ser cando menos do 50%.

Do mesmo xeito, a penetración das enerxías renovábeis no consumo de enerxía final fíxase nun escaso 35% para o 2030, cando debería ser cando menos do 75%. Polo que atinxe ao sistema eléctrico, novamente as previsións do goberno (70% de renovábeis en 2030) son pouco ambiciosas e non están, nen á altura do desafío, nen apostan polas capacidades destas enerxías: o sector eléctrico debería e podería ser 100% renovábel en 2030, adiantando o peche das centrais de carbón ao 2025 e das nucleares ao 2030.

E polo que atinxe ás axudas ás enerxías fósiles, debería eliminarse calquera subvención pública aos produtos enerxéticos de orixe fósil e reorientala ao fomento das enerxías limpas, á mellora da eficiencia dos sectores afectados e á promoción dunha transición xusta, con preferenza a aqueles territorios máis afectados polo peche das centrais de carbón.

Regulamentar e socializar a enerxía hidroeléctrica: máis eficiencia antes que máis encoros

A enerxía hidroeléctrica malia a ser renovábel non está exenta de impactos ambientais (sobre as canles e ribeiras, o rexime hídrico, a paisaxe, o clima, a biodiversidade...) e sociais (deterioro de servizos ecosistémicos, ocupación de terras, expropiacións, fragmentación rural...).  

Coas concesións caducadas ou prontas a caducar hai unha oportunidade de revertir estes impactos, ben através da supresión das máis impactantes ou segundo o caso, da reversión ao dominio público das súas instalacións. Para isto último faise preciso constituir empresas públicas ou mixtas que xestionen estes recursos con criterios de sustentabilidade e de xustiza social, na procura dun retorno dos beneficios económicos á cidadanía, comezando polas comunidades afectadas por estas instalacións.  

A xestión da demanda, a suficiencia, a eficiencia e a sustentabilidade ambiental e social deberán prevalecer sobre a xeración, de xeito que a construción de novas centrais supeditarase a estes criterios e non aos do mercado, aliás de cumprir cos condicionantes da DMA, os planos de bacía e os obxectivos de conservación da RN2000.

Conservar a biodiversidade é chave para amortecer os efectos da mudanza climática (e previr pandemias)

No actual contexto de mudanza climática, faise preciso unha urxente actualización e adatación dos instrumentos de xestión do patrimonio natural protexido (planos de conservación e recuperación de especies e espazos protexidos, PORN, PRUX, etc.), así como unha revisión dos catálogos de especies vulneráneis e das estratexias de conservación.  

Polo que atinxe á RN2000, debería garantirse unha maior representatividade territorial daqueles hábitats chave para a millorar a resiliencia natural fronte á mudanza climática e a preservación dos servizos ecosostémicos, tais como zonas húmidas (brañas, turbeiras, breixeiras húmidas, augas libres, lagoas e marismas litorais, bosques de ribeira...), incorporándoos a novos espazos da RN2000 ou alongando os existentes. As zonas húmidas, e particularmente as turbeiras e brañas, fixan 3 veces máis carbono (C) que os bosques maduros e almacenan no seu conxunto unha cantidade deste elemento superior á de todos os bosques do planeta. Incorporar estes hábitats a novos espazos protexidos é fundamental para evitar a súa destrución e recuperar aqueles degradados.  

Alongar a rede de humidais protexidos baixo a convención Ramsar especialmente en zonas litorais, bacías endorreicas e cabeceiras fluviais, resulta chave para amortecer os impactos da mudanza climática (maior erosión costeira, aumento dos fenómenos meteorolóxicos estremos, maior incidencia das secas…) e aumentar a resiliencia dos ecosistemas.  

Toda a RN2000 debería estar conectada por corredores ecolóxicos para garantir a súa coerencia e a preservación das súas funcións como amortecedora de impactos e reservorio de biodiversidade.

Moratoria do eucalipto: non é un sumidoiro de C, é unha fonte emisións polos lumes e a biomasa

O monocultivo do eucalipto empobrece os solos, diminúe a fertilidade e a cantidade de auga dispoñíbel, reduce a biodiversidade e favorece os lumes forestais en frecuencia e intensidade, agravando os efectos da mudanza climática. Xa que logo, a Lei de Cambio Climático debería contemplar unha moratoria en todo o Estado para novas plantacións de eucalipto, recollendo tamén a prohibición do aproveitamento de especies que como o E. nitens teñen un alto potencial invasor e da transformación de hábitats de pasteiros e mato en forestais

Contemplar a protección dos servizos ecosistémicos que prestan estes sumidoiros naturais debería ser unha prioridade fronte á forestación. E determinados monocultivos forestais de ciclo curto, como os de eucalipto para pasta de papel e especialmente para a xeración eléctrica, mesmo amosan un balanzo de C neto positivo, polo que non deberían ser considerados sumidoiros.

Ligazóns

Descargas

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal