ADEGA

Inicio / Novas / Todas / ADEGA oponse á construción da ponte do Malecón de...

07-09-2020

ADEGA oponse á construción da ponte do Malecón de Monforte, e apoia a elaboración dun rigoroso plan de mobilidade para a cidade

ADEGA reuniuse coa corporación municipal monfortina e a plataforma Salvemos O Malecón

O pasado mércores 2 de setembro, representantes de ADEGA mantiveron reunións ca alcaldía, co resto de representantes políticos de Monforte e finalizando a xornada, con membros da plataforma Salvemos O Malecón. O obxectivo destas reunións era coñecer de primeira man a postura do alcalde, e do resto de integrantes da corporación municipal ante o proxecto de construción dunha ponte no paseo do Malecón, que conta coa oposición de parte da veciñanza.

Na defensa dunha cidade deseñada para as persoas e non para os vehículos

Todas as partes coincidiron na necesidade dun plan de mobilidade para a cidade. Dende ADEGA consideramos fundamental a redacción dun Plan de Mobilidade sostible, obxectivo e rigoroso antes da construción de infraestruturas que afecten directamente ao tráfico. O alcalde indicou que se unha vez elaborado o plan de mobilidade, non se recomenda a construción da nova ponte, desbotaría a idea. 

A nova ponte proxectada, substituiría a actual pasarela peonil, e estaría inspirada na antiga Ponte de Ferro  que caeu no ano 1952. Os argumentos que xustifican a súa construción son a conexión do ambulatorio co hospital, ou a suposta mellora do tráfico de saída do centro de Monforte; argumentos que en todo caso consideramos non son suficientes para a construción dunha infraestrutura con tal impacto ambiental: rompería a harmonía do parque do Malecón e provocaría un incremento innecesario do tráfico na cidade. Cuestionamos esta necesidade de conectar o ambulatorio co hospital, ademais consideramos prioritario o  estudo de vías alternativas para o tráfico, de xeito que a cidade fora deseñada para as persoas, e non para os vehículos.

En calquera caso, creemos que un plan integral de mobilidade sustentable concluirá que a ponte é innecesaria, e contribuirá na posta en valor das zonas verdes e a contorna do Cabe ao seu paso pola cidade.

Saneamento integral do Río Cabe

Outro dos temas tratados foi o estado do Río Cabe, actualmente nunha situación moi preocupante xa que o actual sistema de depuración non ten capacidade suficiente para tratar as augas residuais, que acaban vertidas no río directamente. Valoramos positivamente que a Confederación Hidrográfica Miño Sil e o Concello monfortino estean a traballar conxuntamente para o tan necesario saneamento integral do río Cabe.

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Travesa dos Basquiños, 9-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal