![]() |
![]() |
![]() |
![]() |
|||
![]() |
A Xunta convirte a lagoa da Frouxeira nun humidal a tempo parcial violando varias normas de protección |
![]() |
![]() |
![]() |
A Web oficial da Xunta tamén recolle que “Esta actuación forma parte das directrices do Plan de Conservación do Humidal Protexido Lagoa e Areal de Valdoviño, que está a tramitar a Consellería de Medio Ambiente, a través da Dirección Xeral de Conservación da Natureza”. Pero de qué Plano de Conservación falan? O 24 de xaneiro de 2012, tras baleirar a lagoa, o Director Xeral de Conservación da Natureza prometeu, como en múltiples ocasións anteriores e insultando a intelixencia dos cidadáns “que procederá de xeito inmediato a redactar un Plan de Xestión do Humidal da Frouxeira e que estaría redactado para antes do verán de 2012”, Plan de Xestión, que a estas alturas de ano nin sequera se publicou no DOG o correspondente “inicio do procedemento para a súa redacción”. Como se recordará derivada da situación xerada tras a apertura intencionada da lagoa que provocou a súa alteración hidrolóxica en 2009, o Parlamento Galego adoptou un acordo, por unanimidade de todos os grupos políticos, que instaba á Xunta a buscar unha xestión racional e coherente cos obxectivos de conservación do humidal, e non autorizar, con carácter cautelar, novas aperturas da lagoa.
A Xunta e a Demarcación de Costas estiveron máis de 2 anos de brazos cruzados, sen formular e menos aínda executar, medidas para corrixir os defectos construtivos dun paseo marítimo somerxíbel e dunha rede de saneamento irracional que como o propio Director Xeral de Conservación da Natureza Sr. Borregón declarou “fíxose sen ter en conta a dinámica natural da lagoa”, pero esquecendo dicir que foi esa mesma administración a que autorizou ese trazado. Con base a qué normativa ambiental, plan de conservación, estudos ou criterios científicos procede a Consellería de Medio Ambiente a abrir a lagoa de novo? O máis dramático desta situación é que a Consellería de Medio Ambiente non ten ningún criterio ambiental críbel no que poda apoiarse para proceder a baixar o nível da lagoa. A única razón para a apetura é puramente urbanística, isto é evitar que a auga chegue a un paseo construído na zona de inundación natural da lagoa. E ahí está a grave irresponsabilidade e as grandes mentiras reiteradas desta Consellería. Onde están todas esas promesas (actuar sobre o paseo marítimo, a canalización das augas residuais, aprobar o Plano de Conservación do Humidal...) que dixo ía realizar en xaneiro de 2012 para evitar ter que actuar sobre a lagoa? Esas promesas non se cumpriron, e por causa da súa incompetencia e deixazón, de novo a Consellería volve a actuar sobre a lagoa para“baixar o nível de inundación”. ADEGA considera que esta nova actuación Dirección Xeral de Conservación da Natureza supón unha nova e reiterada vulneración da Directiva 92/43 CEE de Hábitat e un novo incumprimento da Lei 42/2007 e do Decreto 127/2008 de Humidais de Galicia. Por todo isto, dende ADEGA queremos denunciar: -A incomprensible e irresponsable vulneración do acordo do Parlamento galego por parte da Xunta, en concreto da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, no que se instaba ao governo a buscar unha xestión racional, coherente cos obxectivos de conservación do humidal, e non autorizar con carácter cautelar, novas aperturas da lagoa. -A actitude reiterada de ocultación de información practicada pola Dirección Xeral de Conservación da Natureza, sobre os proxectos, estudos, seguementos que dicían ter e que supón un claro incumprimento da Lei 27/2006, de acceso á información ambiental. De novo ADEGA solicita que se faga público ese suposto Plan de Conservación do Humidal e do seu documento técnico, que en calquera caso, ao non estar publicado como un Decreto, carece de validez legal para actuar sobre a lagoa. -A pasividade durante case 2 anos nos que non sen formularon e menos aínda executaron, medidas para corrixir os defectos construtivos dun paseo marítimo somerxible e dunha rede de saneamento irracional. ADEGA segue defendendo unha xestión racional do humidal, comezando pola eliminación de todas as accións humanas negativas (paseo marítimo inadecuado, nefasta xestión urbanística,...), antes de seguir empregando maquinaria pesada e excusas de mal pagador por parte da Xunta como a "seguridade pública" para actuar sobre un espazo protexido sen ningunha xustificación ambiental e, como sempre, de xeito improvisado ante a suba do nível da lagoa. |