Adega
INICIO Últimas novas ADEGA denuncia a Hernández por prevaricación e delictos contra a facenda pública no caso Barreiros
ADEGA denuncia a Hernández por prevaricación e delictos contra a facenda pública no caso Barreiros PDF Imprimir Correo-e
Envia ADEGA denuncia a Hernández por prevaricación e delictos contra a facenda pública no caso Barreiros a FaceBookEnvia ADEGA denuncia a Hernández por prevaricación e delictos contra a facenda pública no caso Barreiros a Twitter
roldabarreiros1Santiago, 29 de xuño do 2011. Tras a aprobación por parte do Consello da Xunta do proxecto sectorial para legalizar e pagar con cartos públicos as ilegalidades urbanísticas no concello de Barreiros, o ordenamento territorial carece xa de valor. A mensaxe é a seguinte: tanto teñen as ilegalidades cometidas confirmadas por sucesivas sentenzas xudiciais: a Xunta vai acudir ao quite para salvar a cara a concellos e promotoras sen escrúpulos, usar a lexislación para amparar os chanchullos e o que é pior, adicar cartos públicos a tapar os buracos deixados polos promotores. Non hai cartos para políticas sociais nen para educación; non hai cartos para medio ambiente e investir no rural na prevención dos lumes; pero para amparar ilegalidades de concellos amigos e agasallar a construtores e especuladores hai 14 millóns de € de cartos públicos (e os que virán). Certificados falsos, diñeiro negro, prevaricación, malversación de fondos públicos, persecución política e represalias á secretaria municipal... Barreiros, a "Marbella" galega. Denuncia_Fiscalía_HERNANDEZ (PDF 180 Kb)

roldabarreiros2Non só o deseño do planexamento urbanístico en Barreiros fixérono os promotores e especuladores, senón que agora exímeselles de cumprir coa obligación de cesións de espazos e por riba se lles prima. Non só trátase de licenzas ilegais senón que ademáis multiplícase até o 300% o aproveitamento fixado no planexamento. Con isto, confírmase que non todos somos iguais: hai que ser promotor-especulador para recibir agasallos públicos.

BARREIROS, CRÓNICA DUN ESCÁNDALO URBANÍSTICO:

Non resulta doado xustificar que nun concello como o de Barreiros que dende os anos 80 ven experimentando unha perda continua de poboación (dende os 4113 habitantes no ano 1981 ata os 3244 habitantes do 2009) resulte racional que en apenas un anos (dende xaneiro do 2006 ata o 15 de febreiro do 2007, en que a Xunta de Galicia decreta a suspensión das súas Normas Subsidiarias de palneamento) téñanse outorgado licenzas de edificación para máis de 3500 novas vivendas e téñanse visado no colexio de Arquitectos de Lugo proxectos de edificación para outras tantas novas vivendas.

Nada doado resulta tampouco xustificar que estas licenzas de edificación podan ter sido outorgadas sen contar con garantías de subministro eléctrico ou sen contar coas redes viarias e as dotacións de abastecemento e saneamento adecuadas a tal incremento de edificación e presunta poboación.

E, dende logo, resulta absolutamente inexplicable que todas estas licenzas de edificación poidan ter sido outorgadas en base a unhas Normas Subsidiarias do ano 1994, sen para nada ter en conta a Lei 9/2002 que obriga a distinguir entre solo urbano consolidado e solo urbano non consolidado.

Dende o punto de vista dos intereses públicos polos que toda Administración, local ou autonómica, está obrigada a velar, resulta tamén inexplicable que todas estas licenzas sobre solo urbano, que conforme a Lei 9/2002 non pode ter outra categoría que a de solo urbano non consolidado, poidanse ter outorgado todas estas licenzas de edificación sen esixirlle aos promotores as preceptivas cesións de solo para dotacións e servizos publicos e para vivendas sociais e viais públicos.

A maiores, e unha vez que a Xunta de Galicia ten decretado a suspensión das normas Subsidiarias do Concello (Decreto 15/2007); que unha vez que a Xunta de Galicia se ten visto obrigada á impugnar na vía contencioso administrativa a maior parte das licenzas outorgadas durante o ano 2006 ante a negativa do Concello de proceder á súa revisión de oficio; ou cando xa hai sentenzas que confirman a ilegalidade das licenzas concedidas (sentenza 389/2009 do contencioso-adminsitrativo nº 1 de Lugo), que esa mesma Xunta, sen sequera ter procedido á revisión de actuacións anteriores, poida chegar a propoñer, promover e aprobar un Plan Sectorial para a legalización de todas as licenzas impugnadas con cargo ademais ao erario público, non pode menos que resultar manifestamente delictivo.

Esta é a razón de que no día de hoxe teñamos presentado ante o Ministerio Fiscal unha denuncia contra do Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestrutura. Trátase, efectivamente dun Plan Sectorial para a mellora e ampliación das infraestruturas básicas de saneamento, abastecemento e rede viaria no concello de Barreiros que xa dende o seu mesmo título, vén a confirmar a ilegalidade das licenzas outorgadas ao recoñecer que o solo urbano sobre o que foron autorizados non contaba no momento de concesión da licenza, nen conta aínda hoxe dos servizos urbanísticos mínimos para ser considerado como solo urbano consolidado.

Agardamos da administración de Xustiza o imprescendible compromiso coa legalidade vixente para non permitir, nen na vía contencioso administrativa nen na vía penal, que este tipo de actuacións podan continuar ou podan quedar impunes. De ser así, estaríamos ante inaceptable trato de favor e agravio comparativo fronte a outros promotores e cidadáns obrigados a cumprir coa lexislación urbanística e coas súas obrigas fiscais e ante, sobre todo, unha inaceptable arbitrariedade na aplicación da legalidade vixente por parte da Xunta.

ADEGA ven realizando tradicionalmente labores de educación, sensibilización ambiental e reivindicación, e non adoitamos xudicializar estas cuestións. Mais neste caso, está máis que xustificado acudir á xustiza para mirar pola legalidade. Como xa advertimos no seu momento ao Sr. Conselleiro, por Barreiros e Touriñán non imos pasar. De non mudar de actitude, isto non fixo máis que comezar. ADEGA vaise poñer no medio en defensa do noso territorio e da legalidade.

Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com
 

Redes sociais

adegafacebook

twittergal



ADEGA