![]() |
![]() |
![]() |
![]() |
|||
![]() |
Megawatios por lixo: as indecentes cambadelas da Xunta e os seus amigos |
![]() |
![]() |
![]() |
![]() A folla de ruta do novo PXRUG ten outra fita este mes de decembro. Segundo o conselleiro Hernández, o plano estará aprobado denantes de fin de ano e deberá ter en conta a proposta de infraestrutura de "tratamento" presentada por Estela Eólica, que estará con toda seguridade baseada na incineración. A este respeito, na estratexia da Xunta hai dúas importantes eivas. A primeira, a derivada da conflitividade social e conseguinte erosión eleitoral (municipais en 2011) que seguramente provocará unha incineradora para 900.000 Tm ano no sur de Galiza. E a segunda é a temporalización: a incineradora prevese que esté operativa en 2014, mais tendo en conta que a construción -supoñendo que a licitación sexa en 2011- demorarase uns 2-3 anos, que a empresa quererá ingresar algún rendemento polos seus novos parques eólicos denantes de desembolsar 230 millóns de €, e que en 2013 hai eleccións galegas, o máis probábel é que non chegue a construirse en prazo. Á Xunta tanto lle ten: dispón dun "colchón" de 2-3 anos, alongábel a discreción, logo da recente ampliación do vertedoiro da Areosa, en Cerceda, no que seguir amoreando lixo sen tratar durante o tempo que faga falla. A Xunta de Feijóo so quere cumprir o expediente fronte a Europa, dándose por satisfeita co "recrecido" do vertedoiro: máis lixo enriba do lixo, e tiramos até as eleccións de 2013.
Por iso, tanto as infraestruturas do propio PXRUG como os investimentos vencellados á resolución do concurso eólico son virtuais: os primeiros non se chegarán a executar nesta lexislatura, e os segundos nunca o farán. Aí están os ridículos investimentos asociados ao desenvolvemento eólico durante a era Fraga. Básicamente as empresas adicáronse a aplicar a estratexia de "colle os cartos e corre", fuxindo dos seus compromisos de criar portos de traballo através de planos industriais asociados (ver o estudo do economista da U. de Vigo Xabier Simón "Plans eólicos empresariais no sector eólico galego"). ![]() O concurso eólico é portanto outro instrumento de propaganda (con incineradora apegada) ao servizo da Xunta para camuflar a enaxenación dos nosos recursos naturais aos tabeiróns da especulación enerxética. Trátase simplemente de privatizar o vento e os refugallos coartando calquera posibilidade de desenvolvemento socialmente xusto e ambientalmente sustentábel. |