Adega
INICIO Últimas novas ADEGA pregunta ao conselleiro Juárez onde está o PORN de Corrubedo licitado pola Xunta en 2007
ADEGA pregunta ao conselleiro Juárez onde está o PORN de Corrubedo licitado pola Xunta en 2007 PDF Imprimir Correo-e
Envia ADEGA pregunta ao conselleiro Juárez onde está o PORN de Corrubedo licitado pola Xunta en 2007 a FaceBookEnvia ADEGA pregunta ao conselleiro Juárez onde está o PORN de Corrubedo licitado pola Xunta en 2007 a Twitter

LIC-Corrubedo-mix1 de setembro de 2010. A intención da Xunta de meterlle man ao Parque Natural de Corrubedo através da redacción dun novo PORN, que segundo o conselleiro Juárez “satisfaría a importante demanda veciñal relacionada con cuestións construtivas, vale dicer os intereses político-especulativos do PP, bate coa realidade dos feitos: un novo PORN para o LIC de Corrubedo foi xa licitado (DOG nº 234, 5/12/2006), adxudicado (DOG  nº 102, 29/5/2007), redactado (28/12/2007), e ademais sometido a avaliación ambiental estratéxica (21/1/2008 –documento de inicio- e 11/6/2008 –documento de referenza-). Por que non aproban entón esta proposta? Que necesidade hai dun novo PORN? A resposta está... no cemento!

Este novo PORN listo dende 2008 e agora agochado, alén de adaptarse xa á nova lexislación europea, estatal e autonómica (outra das excusas do Sr. Juárez) establecía unhas condicións ambientalmente máis dignas para este emblemático espazo: unha ampliación da superficie do LIC nun 79% (máis de 16.500 ha) e a conexión co sector norte, no concello de Porto do Son, através dun corredor ecolóxico. Agora estas milloras, que aparecían incorporadas ademais na proposta de ampliación da Rede Natura 2000 elaborada polo bipartito en 2007, semellan non ser do agrado dos actuais xestores da biodiversidade galega.

Alén de retratarse como perfectos ignorantes da lexislación ambiental e urbanística (un PORN nunca pode someterse a un PXOM e facelo é prevaricar) e mesmo das súas propias propostas (un eventual PORN “á medida do ladrillo” contradí frontalmente as determinacións das recentemente apresentadas DOT e do flamante POL), Juárez e García-Borregón son ademáis uns pésimos xestores: van tirar pola borda un traballo xa feito e que custou ao erario público 80.000 €.

Á marxe desta evidente falta de austeridade, Conservación da Natureza debería primeiro explicar por que non lle vale o novo PORN de Corrubedo elaborado pola USC, adxudicataria da redacción do documento, e rebater as iniciativas conservacionistas que propuña, consideradas por ADEGA no seu momento como axeitadas mais excesivamente cativas: xa dunha primeira redacción foron eliminados 308.000 m2 para acoller a futura piscifatoría da Laxe Brava.

Ao compararmos a superficie afectada deste novo PORN redactado pola USC coa extensión actual do LIC, entendemos o por que da “UTE” (unión temporal especulativa) entre o Concello de Ribeira e a actual Xunta: as novas áreas terrestres propostas coincidían con terreos moi gorentosos para os intereses urbanísticos e industriais.

No mapa pódese comparar a extensión do actual LIC (morado) e a da fallida ampliación (verde). As frechas vermellas indican as zonas “conflitivas”:

Zona 1: intereses empresariais na zona da Penisqueira (macrodepuradora de Ribeira) e Couso-A Graña (polígono industrial)

Zona 2a: intereses urbanísticos en Carreira e Vixán.

Zona 2b: intereses urbanísticos en Corrubedo (Av. de Bos Aires, zona da Ladeira e Teira). Esta área proponse como corredor ecolóxico de unión entre os sectores N e S do LIC (complexo húmido de Corrubedo e costa de Porto do Son).

Zona 2c: intereses urbanísticos na zona de Espiñeirido.

Zona 3: piscifatoría da Laxe Brava (308.000 m2 “caidos” xa da proposta orixinal).

Á vista destes datos, cabe preguntarse a que intereses serven os actuais xestores da biodiversidade galega. Se os Sres. Juárez e García-Borregón non son quen de entender que o seu deber é garantir a conservación do noso patrimonio natural aplicando as leis e non actuar como a brigada de demolición destes, entón millor sería que renunciaran ás súas competencias en conservación. Teñan por seguro que dende ADEGA non imos asistir impasíbeis á violación das leis ambientais e á deconstrución dun dos espazos naturais emblemáticos do noso país: o complexo húmido de Corrubedo.

Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com
 

Redes sociais

adegafacebook

twittergal



ADEGA