Adega
INICIO Novas de EA Máis de 500 persoas na limpeza simultánea de praias polo día dos océanos
Máis de 500 persoas na limpeza simultánea de praias polo día dos océanos PDF Imprimir Correo-e
Envia Máis de 500 persoas na limpeza simultánea de praias polo día dos océanos a FaceBookEnvia Máis de 500 persoas na limpeza simultánea de praias polo día dos océanos a Twitter

DSC 1007Limpeza simultánea de praias. Día Mundial dos Océanos. Malia ter unha fin de semana máis propia de outubro que de xuño, centos de persoas puxeron os impermeables e achegáronse á costa para limpar os areais de Galiza. Nin a chuvia nin o frío freou a máis de 500 persoas que quixeron facer unha chamada de atención sobre o plástico nos mares. Dende a mañá  ata a tardiña as limpezas fóronse desenvolvendo por todo o litoral galego. Houbo centros de ensino, escolas de surf, ONG ecoloxistas, asociacións culturais, asociacións de mulleres rurais e até mergulladores. Todas e todos tiñan o mesmo fin: limpar a praia e crear conciencia. Álbum de PICASA coas fotos da xornada.

Recolléronse máis de 4.000 kg de lixo, a maioría de orixe plástico. Cordas de todo tipo, aparellos de pesca, caixas, botellas, tapóns, e ata petróleo do Prestige que aínda aparece polas nosas costas aterrado baixo a area. Alén das limpezas, nalgúns lugares a xornada tamén serviu para dar a coñecer a importancia e biodiversidade dos areais e dos ecosistemas dunares: fixéronse tarefas de identificación de cetáceos varados ou clases de educación ambiental para os alumnos de algún instituto. Aínda que se buscou na maioría das praias onde adoita estar, este ano non observamos niños de píllara das dunas (Charadrius alexandrinus), ave ameazada que pon os seus ovos na area. A todos/as, moitas grazas polo voso compromiso co ambiente! Podes ver as fotos enviadas polos participantes e o mapa das limpezas.

Imagen1A maioría das cousas que usamos ou consumimos están feitas con algún material plástico, un material feito para durar sempre pero que utilizamos durante un periodo de tempo limitado, moitas veces ínfimo. A mentalidade do usar e tirar é relativamente recente, se o pensamos ben, non fai moito os recipientes da maioría dos produtos eran reutilizables (vidro, aluminio…) e duraban moito máis. Actualemnte recupérase só un 5% do plástico producido mundialmente (225 millóns de toneladas anuais). Un 50% remata en vertedoiros ou incinerado, e unha grande parte “desaparece” no medio, moitas veces nos océanos.

A contaminación por plástico é un grave problema que afecta aos ecosistemas mariños. Estes residuos causan a morte de máis dun millón de aves mariñas, e de 100.000 mamíferos mariños e tartarugas cada ano. Estes animais confunden o plástico (tapóns, bolsas, etc.) con alimento e acaban morrendo de inanición cos estómagos cheos de lixo. Outros acaban enredados nestes residuos e morren igualmente.

O plástico nunca desaparece, acaba convertíndose en pequenos anacos chamados  microplástico ou “plancto plástico”. Estas partículas atraen substancias como DDT, PCB ou outros pesticidas daniños para a saúde, incrementando os seus niveis e polo tanto a súa perigosidade. É por iso que os pequenos plásticos no océano non son inocuos. Estas substancias altamente canceríxenas acaban pasando a cadea trófica en peixes que viven libres nos océanos, e que rematan nos nosos pratos, afectando directamente á nosa saúde.

IMG 2204

ADEGA quere subliñar que as limpezas de praias no día dos océanos non debe ser un feito illado, e convida a calquera persoa a recoller o lixo do noso litoral sempre que poida. As limpezas de praias deben facerse de xeito manual, respectando os ecosistemas dunares, e tendo especial coidado coa fauna e flora que nelas habita. O obxectivo principal deste tipo de actuacións é crear conciencia e alertar da cantidade de plástico que producimos e tiramos, e as consecuencias que isto ten.

ADEGA editou para esta actividade un protocolo de actuación para unha limpeza de praias “ecolóxica” descargable en pdf ou que se pode recoller en papel no local nacional. ADEGA agradece enormemente a participación de todas as persoas que participaron nas limpezas. Moitas grazas e morte ao plástico!

Imagen1

Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com
 


ADEGA