Por unha solución dialogada á problemática da compostaxe no Carballiño Imprimir
Envia Por unha solución dialogada á problemática da compostaxe no Carballiño a FaceBookEnvia Por unha solución dialogada á problemática da compostaxe no Carballiño a Twitter
7 de novembro de 2010. Ante o conflito que na Comarca do Carballiño está a xerar a actividade de Compost Galicia, ADEGA quere facer pública a súa opinión co obxectivo de contribuir a unha solución dialogada. En primeiro lugar, queremos expresar unha vez máis o noso apoio á compostaxe como alternativa ecolóxica e sustentábel para a xestión de residuos orgánicos. A compostaxe é un proceso natural e ecolóxico que permite o aproveitamento dos residuos orgánicos como fertilizante seguro, de calidade e hixiénico para as terras produtivas, evitando a contaminación doutras formas de tratar o lixo como o vertido ou a incineración. Os solos de cultivo en xeral, e especialmente os viñedos, teñen na actualidade un grande déficit de materia orgánica, problema ao que esta planta de compostaxe pioneira en Galiza pode axudar a resolver.

Tras visitarmos recentemente as instalacións de Leiro, observamos que estas contan cun proceso avanzado e cos elementos de prevención do impacto necesarios, polo que agardamos unha mellora no futuro inmediato da calidade ambiental nas zonas próximas. A empresa recoñeceu problemas de control de emisións, derivados da dificultade de adaptar en Galiza (maior humidade e maiores precipitacións) unha tecnoloxía desenvolvida para as condicións de Catalunya. Neste senso, cómpre recoñecer o carácter pioneiro desta planta no noso país, xunto cos esforzos da empresa por mellorar o control ambiental dos procesos. ADEGA tomou nota, ademais, das informacións facilitadas por expertos da Universidade de Vigo, que confirmaron a boa calidade do compost que se está a producir como consecuencia da decisión da empresa de proceder a unha selección de lodos e residuos orgánicos non contaminados (maiormente, procedentes da industria agro-alimentaria).

ADEGA visitou tamén o emprazamento previsto para as instalacións (invernadoiros e nave de maquinaria) de maduración do compost no concello de Cea, complementares da planta de Leiro, e reuniuse con veciños/as afectados/as. Se os riscos de cheiros poden ser minimizados na planta de compostaxe (Leiro), con máis razón deben ser mínimos ou incluso nulos nas instalacións de Cea, onde se desenvolve a maduración do compost e prepárase para a súa venda. Neste caso, xa non podemos falar de residuos senón de compost fresco (entrada) e compost maduro e estable (saída), e non cabe esperar outro tipo de impactos diferentes dos dunha actividade na que se manexa maquinaria convencional.

A planta de compostaxe de Leiro pódese considerar como unha planta de capacidade media, aínda que suficientemente grande en relación cos lugares nos que se localiza, xa que require do transporte dos residuos e do compost por estradas pouco axeitadas para esta tarefa. Son obxectivas, por tanto, as afeccións deste transporte aos veciños/as que viven ou realizan actividades nas inmediacións destas vías. Mais tamén estas pódense e débense corrixir.

Neste senso, a experiencia amósanos como as plantas de capacidade reducida veñen acadando os mellores resultados ambientais, de control do proceso e sociais. Por tanto, ADEGA anima tanto á empresa como aos colectivos veciñais e ás outras entidades implicadas no conflito a buscar solucións satisfactorias en base ao control do proceso e á minimización dos impactos, xunto coa limitación da capacidade que as instalacións en cuestión poidan acadar, sempre dentro dos condicionantes de viabilidade técnica e económica do proxecto.

Reproducimos deseguido un artigo sobre os valores do compost, a cargo de Manuel Soto Castiñeira, profesor de Enxeñería Química da Universidade da Coruña e membro de ADEGA:

O COMPOST: A FERTILIDADE E A SAÚDE DA TERRA

Non hai moitos anos, a mellor habitación das casas labregas era aquela situada directamente encima da corte das vacas. No inverno, o calor dos animais era a única calefacción que permanecía acendida toda a noite. E todo o día, pois o esterco, ese sistema tradicional de compostaxe, actuaba como acumulador e regulador do calor e axudaba a manter a temperatura no interior da vivenda. Non se percibía o tenue olor dos animais e do esterco como unha molestia, nin era causa de problemas de saúde. Os beneficios deste modelo integrado non remataban aí. O esterco, fresco ou maduro (completamente compostado) foi durante séculos o mellor alimento das terras e garante dunha produtividade agrícola que fixo de Galiza un dos países máis poboados da contorna.

Hoxe, as cousas mudaron. Renegamos do esterco e abrazamos a pulcritude do cemento, do asfalto, dos deterxentes e dos biocidas. Paseniñamente, o país envellece e sofre unha intoxicación ambiental e mental aguda. Pouco nos importa estercar de plásticos camiños e eidos, queimalos na lixeira municipal, ou mesmo no propio fogar. Sabemos ou ouvimos falar da grave contaminación da incineradoras de lixo e das dioxinas que xeran. Mais a intoxicación mental que sufrimos fainos mirar para o outro lado e acusar do problema a todo aquilo que cheira a esterco.

Venme todo isto á cabeza cando ollo esas mensaxes de “compost igual a contaminación”, “compost igual a dioxinas”… Esquecemos ou xa non sabemos que o que hoxe se chama compost e compostaxe non é máis que o mesmo proceso natural de fermentación dos residuos orgánicos de sempre, mediado, iso si, pola escala da instalación e a tecnoloxía de manexo do “esterco”. Pola contra, as dioxinas e os fumes cargados con metais pesados nada teñen que ver co compost, e si constitúen un grave problema ambiental e de saúde, como puxo de manifesto a estratexia europea de loita conta a contaminación por dioxinas, do ano 2001. A incineración do lixo, os pesticidas, algunhas industrias e mesmo a queima de plásticos no fogar ou nas pequenas lixeiras son as verdadeiras fontes de dioxinas.

Non caben pois tais acusacións de contaminación contra o compost. O que si cabe é delimitar a escala da instalación e esixirmos a correcta realización e control de todo o proceso. Da mesma forma que os xurros das granxas teñen o seu mellor destino na fertilización das veigas, os residuos orgánicos son o fertilizante imprescindíbel para unha agricultura de calidade, mesmo ecolóxica. E a compostaxe é a forma de preparar eses residuos para que poidamos utilizalos sen problemas na nosa horta, na viña ou na explotación agrícola.

Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com