![]() |
![]() |
![]() |
![]() |
|||
![]() |
ADEGA e a asociación Dignidade achegan ao medio ambiente adolescentes en risco de exclusión social |
![]() |
![]() |
![]() |
![]() O programa de actividades comezará mañá, día 7 de febreiro, cunha visita ao elemento histórico e patrimonial máis importante da cidade de Lugo. Nesta xornada titulada “Ecoloxía na Muralla”, colaborará a plataforma Muralla Viva, á que pertence Bárbara Ruth Soto, quen explicará aos rapaces e rapazas os valores ambientais que acolle o monumento e a necesidade da súa preservación. O evento acompañarase dunha charla arredor desta temática no Centro de Intervención en Medio Aberto (CIEMA), onde a Asociación Dignidade desenvolve as súas accións. O xoves día 14, ADEGA coordinará unha visita ao Castelo de Pambre e ao equipamento eco-educacional A Eira da Xoana, que o colectivo ecoloxista rexenta na comarca do Alto-Ulla, na parroquia de Ramil (Agolada). Os adolescentes almorzarán nestas instalacións e, posteriormente, realizarán un roteiro ás beiras do Ulla guiado pola bióloga Adela Figueroa. O dia 19 de febreiro terá lugar a terceira actividade dentro do programa, que estará dedicada á nutrición e ao consumo de proximidade. Nesta iniciativa colaborará Celsa Sánchez, de Galiza Fala, entidade que traballa neste ámbito. Así mesmo, a xornada completarase cunha visita á Praza de Abastos de Lugo, como mostra exemplar do comercio de proximidade e que será coordinada por Ester Gómez, membro de ADEGA e da cooperativa de agricultura ecolóxica Bandullo Ecolóxico. O programa de actividades rematará o 28 de febreiro cun roteiro polas beiras do río Rato a cargo de Xosé Manuel Rodríguez, membro da Asociación de veciños de Albeiros, quen ten estudado a dinámica hidráulica do efluente no seu treito medio-alto.
|