ADEGA, Verdegaia e a SGHN cuestionan a calidade das augas que enchen a antiga mina das Pontes Imprimir
Envia ADEGA, Verdegaia e a SGHN cuestionan a calidade das augas que enchen a antiga mina das Pontes a FaceBookEnvia ADEGA, Verdegaia e a SGHN cuestionan a calidade das augas que enchen a antiga mina das Pontes a Twitter

pHregobalsa23 de agosto de 2012. A inauguración do mal chamado “lago de As Pontes”, en realidade unha balsa mineira, amosa numerosas incertidumes e máis que posíbeis riscos para a saúde e o ambiente. Para ADEGA, Verdegaia e SGHN a recente autorización do baño nestas augas resulta sorprendente, por canto Augas de Galiza continúa sen propocionar datos sobre a súa calidade. Esta información, imprescindíbel para avaliar o estado da balsa e, consecuentemente, os posíbeis riscos ambientais e cidadás, foille solicitada até catro veces ao longo deste último ano á Consellería de Medio Ambiente e segue sen aparecer na súa web. Cais son as razóns desta ocultación deliberada?

pHbalsaAs únicas previsións do que acontecerá na balsa son as achegadas por ENDESA no Proxecto e Estudo de Impacto Ambiental do enchido do oco da mina con auga do Eume. A empresa afirmaba que os níveis de metais pesados tras o proceso de enchido manteríanse en valores practicamente idénticos aos do escenario inicial. Para as nosas entidades, isto non é suficiente. Tendo en conta que os metais pesados (neste caso arsénico, manganeso, ferro e aluminio) acumúlanse no organismo humano, a utilización destas augas para o baño podería carrexar graves consecuencias para a saúde. Por iso, fronte a unha administración desaparecida, os nosos grupos imos realizar análises fisicoquímicas periódicas e facer públicos os resultados.

Para avaliar tamén a calidade da auga e o seu impacto na saúde e no ambiente, alén dos metais pesados analisaremos tamén, entre outros, parámetros como o pH (grao de acidez), osíxeno disolto e nitratos. Nunha primeira visita efectuada o 22 de agosto, comprobamos que o pH da masa principal está dentro dos parámetros correctos, arredor de pH6,6, se cadra un chisco ácido. Porén, a acidez dos aportes (augas de escorrentía e infiltración que chegan á balsa dende os taludes perimetrais) é moi alta, arredor de pH2,5 isto é, 10.000 veces máis ácido do normal, aproximadamente como un desincrustante industrial. Chama a atención tamén a baixa proporción de osíxeno disolto na auga, bastante inferior a 4mg/l. Estes valores, asociados a unha temperatura de 23-24ºC, indica unha saturación inferior ao 40%, co que o lago amosa malas condicións para a vida dos organismos acuáticos.

O2balsaOutra cuestión demandada a Augas de Galiza e non respostada refírese a se rematou o proceso de enchido (anunciado nos medios mais sen confirmación oficial) e a se, consecuentemente, tiñan rematado as detraccións de auga do Eume, xa que a licitación do proxecto quedaba condicionada á restitución do cauce natural do río. Porén, o Eume sufrirá para sempre un impacto permanente xa que os aportes de auga procedente das bacías dos ríos Maciñeira, Peleteiro e Bacía Norte elimináronse definitivamente, e só mediante rebordamento da balsa mineira podería ser compensado. Estes aportes non terán as condicións fisico-químicas e biolóxicas orixinais, e mesmo segundo as previsións do EIA, en veráns con baixos níveis pluviométricos non haberá rebordamento, precisamente o intre no que eses caudais son imprescindíbeis para manter o equilibrio do ecosistema sistema fluvial.

ADEGA, Verdegaia e a SGHN exiximos da Xunta máis responsabilidade e menos escurantismo, demagoxia e populismo neste asunto. É función dunha administración pública salvagardar a saúde ambiental e cidadá e non actuar como “palanganera” dunha empresa que despois de contaminar a caño libre durante décadas e obter inmensos beneficios cos nosos recursos, agora quere irse “de rositas” fuxindo da súa responsabilidade ambiental.


Outros parámetros analisados:

Nitratos: Son nutrientes imprescindíbeis para a vida vexetal.  Indican o grao de eutrofización. Atopáronse valores moi inferiores a 4mg/l, o que indica unha case ausenza de nutrientes.

Carbonatos: Indican a dureza da auga. Son altos en terreos calcarios. Están presentes pero en moi baixa cantidade (<30mg/l). A súa presenza provén dos continuos aportes de carbonatos e cal para correxir a acidez, unha operación -as enmendas calcarias- que deberá efectuarse de por vida.

NitratosbalsaCarbonatosbalsa

Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com