14 de abril de 2012. Este pasado 14 de abril, cabodano da República, centos de persoas desafiando unha choiva por veces torrencial, marchamos para pedir a declaración do Parque Natural do Monte Pindo. No medio dun ambiente festivo e fraterno, e acompañados polas gaitas, fixémoslle saber á Xunta con berros de " Monte Pindo, Parque Natural", " Queremos salvar o noso Pedreghal", " A xente di que si, a Xunta di que non", ou " Máis inversións, e menos intencións" ou "Que a Xunta protexa o Olimpo Celta", que non imos renunciar á xusta reivindicación de que o Monte Pindo sexa o sétimo parque natural de Galiza. A manifestación convocada pola Asociación Monte Pindo Parque Natural percorreu os 3 quilómetros que separan o Ézaro do Pindo, nunha demostración do masivo respaldo que a proposta de dotar ao Olimpo Celta desa figura de protección e desenvolvemento sustentábel, suscita na comarca e en todo o País.
A marcha contou co apoio dos alcaldes de Carnota e Dumbría, e foi secundada por destacados persoeiros da vida cultural, empresarial e política, asi como por un extenso listado de entidades sociais de todo tipo (que figuran ao pe desta nota). No remate, que coincidiu cunha esperanzadora saída do sol, liuse o seguinte manifesto:
MANIFESTO POLO PARQUE NATURAL DO MONTE PINDO O 7 de setembro do ano 2010, a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) e a Sociedade Galega de Historia Natural presentan unha proposta no Observatorio Galego da Biodiversidade, para a declaración do Monte Pindo, Parque Natural. Ao abeiro desta proposta un grupo de persoas concienciadas con ese sentimento reúnense para crear unha asociación que apoie e defenda esa proposta. Así é como o 17 de outubro do 2010 nace a Asociación Monte Pindo Parque Natural, cuxo fin non é outro que apoiar a a declaración do Monte Pindo como parque natural. Pensamos os membros da asociación o que moitos galegos e galegas xa viñan dicindo fai tempo: que xa abonda, que o Monte Pindo non pode seguir abandonado á súa sorte, que todos xuntos temos que facer algo por recuperalo. Por outra banda a Xunta de Galiza, o noso máximo organismo, aquel que ten que mirar polos galegos e todo o seu, tamén ten que mover ficha, non pode ficar de paparolo ollando como o noso patrimonio natural é destruído. Nós coidamos que o parque natural é a figura axeitada para a protección integral do Monte Pindo. Despois de máis dun longo ano de xa duro traballo e numerosas reunións e encontros a Xunta de Galiza di que tal como está agora xa está ben protexido. U-la protección? O Pedregal sofre devastadores incendios cada década, os vehículos a motor campan ás súas anchas por toda a serra, atinxindo dano a flora e a fauna e estragando os camiños tradicionais, o noso patrimonio arqueolóxico é atacado e saqueado, lembrémonos do ataque vandálico a inscrición de Penafiel. Este non é desgraciadamente o único acto rexeitábel, pois por todas partes aparecen pintadas que destruen a beleza natural do Olimpo Celta. O 4 de febreiro do ano 2012, a Comisión 7ª do Parlamento Galego ven de rexeitar unha Proposición non de lei apoiada polos grupos da oposición para instar a Xunta a declarar o Monte Pindo parque natural, unha vez máis a Xunta volve a rexeitar o criterio de de numerosos científicos, profesores universitarios, viciños, e ducias de colectivos sociais e sectoriais. O Olimpo Celta está clasificado como punto xeolóxico do estado español, polo seu abrupto relevo de rochas graníticas a rentes do mar. Ten un total de oito especies de plantas protexidas polo Catalogo Galego de Especies Ameazadas. Tres especies de fauna protexidas polo Catalogo de Especies Ameazadas, e sete especies protexidas polo Libro Vermello de Vertebrados de España. O estado español valorou declarar o Monte Pindo parque natural no ano 1917, ¡levamos 100 anos agardando que se faga realidade! ¡100 anos de oportunidades perdidas!. Porque reclamamos o parque natural para o Monte Pindo? Porque o parque natural pode desenvolver as medidas necesarias, vixilancia, para a prevención de incendios forestais. O Monte Pindo é un lugar cun alto potencial turístico, deben fomentarse os usos turísticos e recreativos sustentábeis, que non fagan minguar a calidade ambiental da área, nin poñan en perigo a conservación dos seus valores naturais e culturais. Que se creen partidas e postos de traballo para impulsar e programar actividades de información, interpretación e educación ambiental e o recoñecemento do patrimonio natural e cultural, que logren o respecto imprescindíbel para logralos obxectivos de conservación. O parque natural pode promove-la salvagarda dos bens e valores históricos, artísticos, culturais e arqueológicos, porque a Xunta de Galiza está obrigada a velar pola conservación e restauración nos casos que se requira dos valores arqueolóxicos histórico artísticos e etnográficos, e en xeral por todas as manifestacións artísticas que existan nun parque natural. No ano 2011 presentouse no Instituto Universitario de Xeoloxía Isidro Parga Pondal, da Universidade da Coruña, a tese doutoral “Xéneses de cavidades graníticas en ambientes endóxenos e esóxenos”. Foi presentada por Juan Antonio Mayor Rodríguez, e dirixida polo profesor Juan Ramón Vidal Romaní. Sobre a importancia do macizo do Pindo o relator da tese é claro: “No referente a vertente humana e social, cremos que estas formas que acabamos de estudar deben ser consideradas como monumentos naturais e polo tanto ser obxecto de especial protección polas autoridades competentes. Ser referentes no que atinxe a súa xeomorfoloxía granítica, como xa o son noutras partes do mundo como por exemplo os Yosemites en California, Castle Rock en Idaho, ou Kangaroo Island en Australia. Son referentes en primeira liña a fervenza do Xallas, os tafoni-cova e os tafoni-pía, o cume da Moa e ás formas graníticas que se atopan o longo do seu percorrido. Por todo elo é ben merecida a aspiración a parque natural como figura legal pertinente de esta zona”. Hoxe 14 de abril do ano 2012, reclamámoslle a Agustín Hernández, Conselleiro de Medio Ambiente da Xunta de Galiza, que sen máis dilación declare o parque natural do Monte Pindo. E isto significa xa. Reclamamoslle que non peche os ollos a petición dos galegos e das galegas hoxe aquí xuntados. Non imos parar ate ter os nosos obxectivos cumpridos. Máis cedo que tarde o noso soño de ser parque natural vai-ser realidade. Parque natural XA!
CONVOCA Asociación Monte Pindo Parque Natural
APOIAN (por orde cronolóxica) Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) · Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) · Asociación Profesional do Sector Turístico da Costa da Morte (APTCM) · Galiza Nova · Bloque Nacionalista Galego · AC Canle (Lira) · Cooperativa de Agricultura Ecolóxica Rainha Lupa (Quilmas) · Plataforma pola defensa de Quilmas (Quilmas) · Plataforma pola defensa do Xallas (Costa da Morte) · Xurde Caldebarcos (Caldebarcos) · Comunidade de Montes de Caldebarcos · Galinus, Taller de Novos Medios · Asociación Galega de Amigos do Camiño de Santiago (AGACS) · Lonxanet · Club Montañeiros Celtas · Colectivo Urbano Lugrís · Confraría de Pescadores do Pindo · Proxecto Pindo Mariño · Confraría de Pescadores de Lira · Proxecto Mar de Lira · Cántigas da Terra · AC Cultura do País · Amigos da Terra · Asociación de Veciños Os Castros (Pontedeume) · Asociación de veciños Atocha, Monte Alto e Torre de Hércules (A Coruña) · ARCD Palavea Bravú (A Coruña) · FRUGA (Federación Rural Galega) · Luar na Lubre · AEC Verbo Xido (Terra de Montes) · Real Academia Galega · Amorim + Doporto Arquitectos · Comités · CostaMeiga.com · ACDR O Patín (Carnota) · Ecogalego.org · Asociación Neria · Asociación Galega de Horticultura Urbana · Banco de Tempo Fervello · Amigos dos Museos de Galicia · ASOAR-ARMEGA · Associaçom Galega da Língua · Asociación ecoloxista Naturviva · Asociación Veciñal do Saviñao (Lugo) · Asociación Xuvenil para o Estudo da Natureza (AXENA) · Colectivo Nacionalista de Marín · Encontro Irmandiño · Agrupación Micolóxica Naturalista Liboreiro (Bueu) · Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo · Zocamiñoca · Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) · Instituto Universitario de Xeoloxía Parga Pondal · Clube Espeleolóxico Máuxo (CEM) · Verdegaia · EQUO · Plataforma pola defensa da Serra do Galiñeiro · Asociación Motivos d'Aldea (Bueu) · A Ría non se vende · aCentral Folque · Asociación Galega de Apicultura (AGA) · Club de Montaña e Escalada Azimut · Finisterrae · Galiza non se vende · Permacultura Eiras do Minho · Plataforma Pola Defensa da Ría de Vigo CÍES · Salvemos Monteferro · Asociación de Empresarios Costa da Morte · Asociación Galega de Custodia do Territorio (AGCT) · Asociación Socio-Cultural O Iríbio (Triacastela) · Árbore Consumo Consciente · Federación Ecoloxista Galega (FEG) · Foro Social de Cangas · Sociedade Galega de Ornitoloxía · Partido da Terra · Asociación Pro Enfermos Mentales (APEM) · Colectivo Ecoloxista do Salnés (CES) · Fundación Sen Esquencer · Fundación Gonzalo López Abente (Muxía) · Confederación Intersindical Galega (CIG) · Asociación Ambiental Senda Nova · Asociación Cultural Monte da Estrela (Arteixo) · Indicación Xeográfica Protexida Castaña de Galicia · Asociación Cultural Mar de Muros · Charanga Tabernícolas do Leiradal · Parque Natural de Barbate
|