![]() |
![]() |
![]() |
![]() |
|||
![]() |
Unha balsa mineira conectada á Rede Natura para abastecer á Coruña ou unha minicentral camuflada? |
![]() |
![]() |
![]() |
Esta é a verdadeira razón de ser deste delirante proxecto: producir quilovatios camuflando o proxecto como unha infraestrutura de subministro. Se o que se quere é usar a auga da balsa mineira como reservorio e desaugala polo río Barcés, como é que non se conecta directamente ao río, situado a poucos metros do mal chamado "lago" de Meirama? A opción de construir un túnel de 1,4 quilómetros e 3,5m de diámetro resulta técnicamente máis complicada e moito máis cara que facer un desaugue directo. No entanto, se o que pretende é turbinar a auga, non se pode facer a pé de encoro: Precísase unha significativa diferenza de cotas entre a captación (balsa) e o punto de entrega (central hidroeléctrica). Eis a razón do túnel, que actúa como tubaría de presión para a minicentral. Mesmo supoñendo que esta auga pretenda ser usada para o subministro da Coruña, dende ADEGA preguntámonos como é que a Xunta deixa de lado medidas de aforro e eficiencia para reducir o consumo e aposta por novas captacións. Sabido é que sen conter o desbaldimento, o incremento do subministro ficará sobardado en pouco tempo e pronto haberá que chuchar máis auga do medio: É unha fuxida cara adiante iracional e insustentábel. Mais o proxecto ten outras importantes eivas en absoluto avaliadas pola Xunta: 1. A calidade das augas dunha balsa mineira, que moi probabelmante teñan unha alta acidez e unha importante cantidade de metais pesados (particularmente arsénico) debido á natureza das rochas encaixantes (xistos cun alto contido en sulfuros metálicos) ademais dun baixa concentración de osíxeno. Esta é a caracterización fisicoquímica típica dos efluentes de labores mineiros como as de Meirama e As Pontes. En ningunha parte deste proxecto (como tampouco para o enchido da balsa de As Pontes) aparecen caracterizadas estas augas e cuantificado o impacto de posíbeis verteduras ácidas ao río Barcés e ao LIC Encoro de Abegondo-Cecebre, por non falar das inestabilidades sísmicas derivadas de encher de auga bacías sobre fallas activas. 2. Os impactos sobre a dinámica hídrica dun río, o Barcés, e sobre un LIC da Rede Natura con hábitats e especies protexidas. Non se pode pretender que as bruscas oscilacións de caudal debido ao réxime de turbinado non alteren a dinámica natural deste río e o que é máis grave, do espazo protexido no que desauga. Millóns de metros cúbicos de augas mineiras probablemente acidificadas e cunha alta carga de metais pesados van ir parar a un humidal protexido, parte da Rede Natura 2000. Nun exercicio case surrealista, a Xunta mesmo chega a fixar para a captación de auga da balsa mineira un caudal ecolóxico !!? 3. O incumprimento do Plano Hidrolóxico que non permite novos aproveitamentos hidroeléctricos nas bacías de Galiza-Costa (agás repotenciacións e "modernizacións"). Por moito que para a Xunta o destino final desta auga sexa o subministro da área metropolitana da Coruña, non pode obviarse que as obras descritas responden exclusivamente a un proxecto hidroeléctrico e non a unha captación, que en todo caso, non requeriría dun túnel de 1,4km, cámada de carga, central hidroeléctrica, liñas de evacuación... Dende ADEGA preguntámonos tamén quen vai beneficiarse deste aproveitamento hidroeléctrico e como é que se proxecta unha obra sen que haxa unha concesión administrativa previa para a explotación dos quilovatios. Agardemos que á Xunta non se lle ocorra "reactivar" a concesión que para o río Barcés solicitou durante a era Fraga "Hidroeléctrica del Arnoya". Esta empresa e os seus propietarios (Iglevaz e "Desarrollo Energético de Galicia") foron obxecto de numerosas concesións hidroeléctricas e eólicas "a dedo" posteriormente investigadas pola Fiscalía Anticorrupción. |