O futuro dos montes galegos pasa pola súa xestión sustentable, integral, activa e participativa Imprimir
Envia O futuro dos montes galegos pasa pola súa xestión sustentable, integral, activa e participativa a FaceBookEnvia O futuro dos montes galegos pasa pola súa xestión sustentable, integral, activa e participativa a Twitter

xornadaspublicoMelide, 4 de xuño de 2011. As xornadas “O monte: oportunidade sustentable fronte a crise”, organizadas por ADEGA e a Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man común (ORGACCMM) dentro da Campaña en defensa do territorio “Ponte no medio. Móvete polo territorio” que hoxe tiveron lugar en Melide, concluíron con grande éxito de público. Centos de persoas achegáronse á vila melidente para escoitar máis dunha ducia de experiencias de comunidades de montes veciñais en man común de Galiza que apostaron pola xestión sostible do monte, é dicir, pola multifuncionalidade, a xestión integral, a creación do emprego, a busca do benestar social e o respecto do medio natural: eixos nos que se fundamenta o futuro do monte en Galiza. Os relatores animaron á sociedade galega a apoiar e defender  o monte comunal fronte as reformas legais que favorecen a súa privatización e, mesmo, á súa desaparición.

As conclusións extraídas de cada unha das palestras destas xornadas enuméranse a continuación:

PALESTRA 1: O MONTE XERADOR DE EMPREGO.

  • palestra1
  • O monte veciñal foi elemento indispensable do sistema agrario, base da economía tradicional galega. Esta importancia non foi recoñecida até décadas recentes.
  • Os usos tradicionais do monte están hoxe en crise debido ao cambio de modelo económico e as políticas agresivas das administracións públicas.
  • Débense buscar novos usos ao monte que manteñan a triple función (produtiva, social e ambiental), coa condición de que estes novos usos favorezan o mantemento da economía local para crear emprego e fixar poboación.
  • A xeración de emprego precisa de estruturas que favorezan a implantación de explotacións sustentables.
  • A formación de profesionais debe apostar pola profesionalización e contribuír á modernización das explotacións e a ofrecer servizos no rural.
  • O monte veciñal, malia á súa importancia territorial (22,5% da superficie galega), non ten presenza nos estudos da comunidade científica, nin na análise da administración, nin nos medios de comunicación, nin na opinión pública e está subexplotado. A sociedade galega debería darlle a importancia e a consideración que merece.
  • Débese manter o carácter xermánico do monte veciñal, evitando que as reformas legais posibiliten a súa privatización e, mesmo, a súa desaparición.
  • A Administración debe promover a explotación do monte de xeito multifuncional e sustentable, fronte as novas reformas legais que buscan a predominancia do monocultivo forestal e a promoción dos cultivos enerxéticos.
  • Débense promover plans de uso que contemplen novas posibilidades, de xeito integrado, no consenso de comuneiros e comuneiras.

PALESTRA 2: O MONTE SUSTENTABLE COMO OPORTUNIDADE

  • palestra2O monte e, nomeadamente o monte comunal, ten unha importancia estratéxica para afrontar o futuro como elemento de vertebración social e de vertebración territorial.
  • A multifuncionalidade e a diversificación do monte é a alternativa á crise e ao abandono. Hai que reverter a situación actual na que o 75% do monte galego está dedicado á madeira de piñeiro e eucalipto e cuxo destino é, na súa meirande parte, a trituración.
  • O uso sustentable do monte debe vir dado pola xestión integral. Os elementos claves da sustentabilidade son: a conservación do monte, a participación activa na xestión do monte por parte dos propietarios e comuneiros e a defensa da terra.
  • Xa estamos a vivir unha crise alimentaria que en poucos anos derivará en consecuencias drásticas para os países do Norte, os máis dependentes das importacións de alimentos. Para atenuala só cabe a promoción de prácticas agrícolas sustentables.
  • O monte de Galiza ten unha alta potencialidade para a boa xestión agro-silvo-forestal. De consegurimos xestionalo ben poderíamos acadar porcentaxes elevadas de autoabastecemento e, por tanto, menos dependencias exteriores.
  • Só a través do silvopastoreo compensa a produción de alimentos. Ademais este modelo permite unha xestión dun territorio vivo e atractivo, os beneficios obtidos son moi elevados en relación ao investimento que se precisa e é compatible cunha xestión forestal, sempre que esta sexa planificada, coordinada e na que se establezan prioridades. Pero na xestión sostible é imprescindible cotemplar tamén os beneficios sociais e o respecto medioambiental.
  • Debemos reintroducir no medio rural a AUTOESTIMA.
  • Débense recuperar os significados que se dilúen no concepto da “biomasa”: o pasto, o estrume e a leña.
  • O futuro dos montes galegos pasa por adaptar os vellos recursos ás novas demandas aplicando os coñecementos e as técnicas actuais. Actualmente, na planificación do monte hai que contemplar novos usos do monte, como por exemplo, a produción de carne ecolóxica, a produción de adubos e a enerxía.

PALESTRA 3: UN MONTE ACTIVO COMO VERTEBRADOR TERRITORIAL E SOCIAL.

  • palestra3A normativa galega sobre parques eólicos é moi prexudicial para as comunidades de montes, pois limita moito a negociación sobre as condicións de instalación e imposibilita que poida constituír unha fonte de recursos para o desenvolvemento rural.
  • O patrimonio cultural forma parte da riqueza e dos recursos do monte veciñal, débese promover a súa recuperación e posta en valor que evite a súa desaparición e fortaleza o seu disfrute pola sociedade en xeral, por iso débese contar coa colaboración das administracións públicas.
  • Resulta máis beneficioso o reinvestimento dos recursos que xeran as instalacións eólicas no monte que o reparto individual entre os comuneiros e comuneiras, pois favorece o desenvolvemento rural e a creación de postos de traballo.
  • Os parques de madeira permiten aos produtores acadar un maior beneficio dos produtos forestais, non só como madeira, senón como subprodutos desta.
  • Incrementando o beneficio do monte podemos mellorar a xestión dos nosos recursos: silvicultura, limpeza, tratamentos, etc., favorecendo así o desenvolvemento rural, creando máis postos de traballo e tamén na obra social e protectora do monte.
  • A explotación do gando debidamente regulado no monte é moi interesante para a xestión do monte veciñal.

PALESTRA 4: EXPERIENCIAS DE XERACIÓN DE EMPREGO

  • palestra4As xornadas demostraron que xa existen experiencias sostibles nos montes veciñais que están a funcionar baixo o criterio da multifuncionalidade como a facenda “O Agro” de Celanova (Ourense); a UXFOR Fonte das Meigas en Chantada; a cooperativa Monte Cabalar ou a Mancomunidade de montes de Val Miñor.
  • Todas as experiencias expostas coinciden en que Administración da Xunta non está a axudar nin a apoiar estas iniciativas e rexeitan o modelo de xestión conxunta que propoñen as SOFOR (Sociedades de Fomento Forestal) impulsadas polo actual goberno.
  • Fronte a crenza da Xunta de Galiza de que o despoboamento do rural non ten solución, estas experiencias veñen a demostrar que o rural está vivo e que pode ter futuro, polo que demandan o apoio da Administración pública.

 

Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com