![]() |
![]() |
![]() |
![]() |
|||
![]() |
Campionato de enduro no LIC do Candán: gas a fondo, pero nada de megafonía |
![]() |
![]() |
![]() |
![]() Trátase doutro exemplo do pouco respecto que a Xunta de Galiza ten cara o noso patrimonio natural: os espazos protexidos ou ben son chan barato para a especulación e a depredación (modificación da Lei do Solo, amnistías urbanísticas a discreción, Plano Acuícola, Lei e concurso Eólico, minas e canteiras...) ou son deixados esmorecer esquecendo as obrigas que os xestores públicos teñen cara eles, tal como establecen as leis. Proba evidente desta nefasta política ambiental é que a inmensa maioría dos espazos protexidos galegos, carecen aínda dos preceitivos Planos Reitores de Uso e Xestión (PRUX), e as especies emblemáticas da nosa biodiversidade, a maioría sen Planos de Conservación/Recuperación que garantan a súa supervivencia, fican ao chou. Non abonda con declarar protexido un espazo se non de desenvolven os instrumentos que garantan a protección dos seus valores, acompañados dunha dotación económica axeitada. Só deste xeito poderanse desenvolver actividades sustentábeis vencelladas á conservación deste patrimonio, que xeren postos de traballo, fixen poboación no rural e dinamicen a economía local, pero preservando sempre e mellorando os valores naturais, non destruíndoos.
![]() ADEGA non entra a valorar o carácter desta prática deportiva, mais sí o feito de desenvolverse nun espazo protexido no que os impactos xerados suporán unha importante deterioración dos seus valores naturais, patrimonio de todos e todas.
En relación coa autorización para esta actividade, a Xefatura do Servizo de Conservación da Natureza, denegou en anos anteriores esta autorizacion, mais semella que co cambio de goberno da Xunta, sopran ventos favorábeis para a impunidade destes eventos, tan impactantes nunha zona protexida. Se non se muda, o itinerario das probas infrinxe o condicionado da normativa no tocante a non pasar por sendas, xa que atravesa duas rotas de sendeirismo e tamen no que se refire aos cursos de auga (so poderan pasalos se hai ponte) ao cruzar cinco regos: o rego de Chedas, o de Zarnadela, o d'A Moa, o Candán, o d'A Franqueira, o rego d'O Ameixedo na rota de sendeirismo, e o rego de Zobra. De todos eles só tres teñen ponte, unha delas moi estreita e case caendo. Coidamos que as pontellas non se van usar polo seu deterioro e que coa proba, acabarán caendo definitivamente.
Entre os valores naturais máis salientábeis presentes no LIC Serra do Candán, atopamos unha poboación de cobra rateira (Malpolon monspessulanus) das máis noroccidentais da península Ibérica, e a salamántiga rabilonga (Chioglossa lusitanica) endemismo catalogado como "vulnerábel" e moi sensible ás alteracións do seu hábitat. Mais sobre todo destaca unha valiosísima avifauna, sobranceando o bufo real (Bubo bubo), con 1 parella reprodutora das 10 censadas en Galiza) ou a escasa curuxa das xunqueiras (Asio flammeus, 1-2 parellas). Tamén crían no Candán a aguia cobreira (Circaetus gallicus, 2-4 parellas), a gatafornela (Circus cyaneus, 1-3 parellas), e a tartaraña cincenta (Circus pygargus, 3-5 parellas), estas dúas últimas vulnerábeis. Sobrancean tamén entre as aves a pica alpina (Anthus spinoletta, 1-3 parellas), as máis occidentais da súa área de distribución mundial, o sisón (Tetrax tetrax) antigo nidificante na zona e en perigo de extinción e a becacina (Gallinago gallinago), vulnerábel. Ocasionalmente, era tamén posíbel contemplar á avetarda (Otis tarda), a maior ave voadora. Entre os mamíferos, destacan os morcegos (Rhinolophus hipposideros, Rhinolophus ferrum-equinum, Barbastella barbastellus e Myotis myotis), todos protexidos e un probable núcleo reprodutor de lobo (Canis lupus).
Moias destas especies, particularmente as aves, van ter que enfrontar as alteracións provocadas por este "evento" en plena época de cría. Iso sí, cando menos non terán que aturar os berros do locutor de turno e o ornear da música ambiental, grazas á política de conservación da Xunta. |