Crónica do primeiro RoteiRíos do ano 2013: Curso alto do Lérez Imprimir
Envia Crónica do primeiro RoteiRíos do ano 2013: Curso alto do Lérez a FaceBookEnvia Crónica do primeiro RoteiRíos do ano 2013: Curso alto do Lérez a Twitter
dsc_7725.jpgEste 28 de abril realizamos o primeiro Roteirríos de 2013. Desta volta percorremos un itinerario polo curso alto do río Lérez, no concello de Forcarei. Logo de adiar o roteiro en dúas ocasións polo mal tempo, á terceira foi a vencida. Iniciamos o roteiro quedando cos participantes na vila de Forcarei para desprazármonos até a aldea de Dúas Igrexas. Dende alí comezamos a camiñar cara o río que pasa a escasos 500m de dito lugar. Antes de chegar ao río e comezar a andar polo camiño de pescadores, Ramsés Pérez, comentou aos asistentes os detalles do itinerario e os diferentes motivos polos que se escolleu o río Lérez.
 
O principal foi a creación dun treito de pesca dsc_7602.jpgsen morte a iniciativa da CMVM de Presqueiras en colaboración coa sociedade de Caza e Pesca de Forcarei, ademais de outras como a Asociación Cultural Pataqueiros de Millerada ou a Asociación de Mozos/as de Forcarei. A creación deste treito de pesca sen morte fíxose ao abeiro do programa de Custodia Fluvial Ulla, Umia, Lérez que desenvolve ADEGA para o GDR-20 con fondos LEADER. Outro motivo, non menos importante, foi dar a coñecer aos participantes a fermosura e biodiversidade do río Lérez no seu treito alto.

Xa ao carón do Lérez, puidemos coñecer diferentes especies de flora nemoral que aínda se poden atopar nas marxes do río, así como a flora acompañante de carballeiras que medran en lugares de altitude media como os arandos (Vaccinium myrtillus) e fentos como o espiña de peixe (Blechnum spicant). Tamén tivemos oportunidade de coñecer outra flora vinculada estreitamente aos medios acuáticos. En canto á fauna, puidemos ver varios exemplares de Limpafontes ibérico (Lissotriton boscai) e Carabus galicianus, escaravello moi ligado aos cursos fluviais de augas limpas, endemismo de Galicia e Norte de Portugal, e catalogado como vulnerable no Libro Vermello de Invertebrados de dsc_7667.jpgEspaña (2006).

Continuamos a ruta pola marxe do río até a aldea de Pereiro, onde o río forma un profundo canón. Puidemos apreciar, dende unha zona elevada, o excelente bosque de galería que acompaña ao río en todo o seu treito alto, así como as diferentes gamas de cor verde das distintas árbores que forman dito bosque, que en contraste co amarelo intenso de toxos e xestas, conformaba unha paisaxe espectacular.

Chegando á aldea de Andón e ao carón da súa ponte medieval dispúxose un apurado xantar pola ameaza constante de choiva. Logo de comer, recollemos as cousas e nos achegamos ata o bar do pobo para quentarnos cun café de pota. Como iamos ben de tempo achegámonos ata o Mosteiro do Acibeiro, que foi restaurado e reconvertido a hotel.

dsc_7658.jpgLogo destas visitas, continuamos o roteiro polo monte para ir baixando de novo cara o río e chegar de volta ata a ponte de partida. Neste percorrido pasamos ao carón dunha fervenza que verte as súas augas ao Lérez. Xa como final do camiño, continuamos pola beira do río ata a Ponte dos Cregos, onde fixemos unha foto de grupo e nos despedimos ata a próxima actividade do Proxecto Ríos. Asistiron un total de 25 persoas a este primeiro Roteirríos de 2013 que tivo unha lonxitude de 10 Km.

Podes ver as fotos da xornada no seguinte álbum de Google+.

Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com