Industria tramita unha explotación mineira en pleno parque natural, LIC e ZEPA da Enciña da Lastra |
![]() |
![]() A empresa "Cantera Peña Argel S.L." vén de solicitar permiso de investigación do dereito "La Oliva" para recursos da sección C dentro de 6 cuadrículas mineiras. Todas elas fican íntegramente dentro do P.N. da Serra da Enciña da Lastra, designado tamén LIC e ZEPA da Rede Natura. Este permiso, de concederse, permitiría á empresa furar durante 3 anos, prorrogábeis outros 3, o macizo calcario da serra en busca de recursos da sección C (rochas ornamentais). A eventual concesión de explotacións derivadas deste permiso de investigación podería atinxir 30 anos, prorrogábeis até os 90. O clima mediterráneo, a litoloxía de natureza calcaria e o illamento físico déronlle á Serra da Enciña da Lastra unha grande orixinalidade e valores ecolóxicos únicos en Galiza. Encadrada na rexión bioxeográfica mediterránea, nela hai aciñeirais e matogueiras espiñentas máis propias doutras latitudes. A vexetación de paredes rochosas refuxia até 62 endemismos que teñen nesta área as súas únicas poblacións en Galiza. A Enciña da Lastra salienta tamén pola súa avifauna, especialmente as aves de rapina, con alomenos 21 especies: o voitre branco (Neophron percnopterus), única parella do país, a águia real (Aquila chrysaetos) 1 parella; a águia cobreira (Circaetus gallicus) 2-3 parellas, e bufo real (Bufo bufo) 1 parella, entre outras. Tamén destacar as súas comunidades de morcegos, todas protexidas. En canto á xeomorfoloxía, as rochas calcarias e dolomíticas conformaron unha paisaxe cárstica, onde as covas e palas, as paredes rochosas, os canóns no Sil e os xacementos de fósiles (fauna arrecifal do periodo Ordovícico) caracterizan a xea deste parque natural declarado en 2002. Nos últimos tempos, a Serra da Lastra estivo ameazada por unha longa lista de obras como as infraestruturas de comunicación, minicentrais, parques eólicos e canteiras, tanto no lado galego como castelán. Semella que as catro figuras de protección con que conta hoxe este espazo (Parque Natural, ZEPVN, LIC e ZEPA) non parecen suficientes para salvagardar a súa enorme riqueza natural. Dende ADEGA agardamos que a Xunta cumpra por unha vez o seu papel e rexeite de plano esta nova ameaza. |