No Ano das Florestas, 11000 Ha de espazos protexidos queimadas en 15 días ante a pasividade da Xunta Imprimir
Envia No Ano das Florestas, 11000 Ha de espazos protexidos queimadas en 15 días ante a pasividade da Xunta a FaceBookEnvia No Ano das Florestas, 11000 Ha de espazos protexidos queimadas en 15 días ante a pasividade da Xunta a Twitter

lumesourensetn22 de outubro de 2011. Nos 15 primeiros días deste mes os lumes de Ourense arrasaron 10.909 Ha só en 4 espazos protexidos da Rede Natura: O Macizo Central perdeu máis dun 12% de territorio, principalmente nas serras do Invernadoiro e Queixa; a Baixa Limia-Serra do Xurés perdeu un 11%, tamén nas zonas de maior valor; e en Pena Maseira e Pena Trevinca ardeu o 7,6% e 5,7% da superficie. Perante a manipulación dos datos pola Xunta, que teima en minimizar a superficie queimada e a afección aos espazos protexidos, os satélites da NASA non deixan lugar a dúbidas: trátase dunha das catástrofes ecolóxicas máis importantes acontecidas no país dende o Prestige. Nen nos lumes de 2006 a afección aos espazos protexidos foi tan importante (<2000 Ha). Pola súa nefasta xestión, incompetencia e desleixo, ADEGA esixe a demisión de Samuel Juárez e a declaración da súa consellaría como "zona catastrófica". Facemos tamén un chamado á sociedade galega a participar este sábado 22 na concentración na Pobra de Trives (Pza. do Concello, 12h) e na manifestación en Ourense (Parque de S. Lázaro, 19h)

concentraciontrivesDende fai anos tense claro que o millor xeito de atallar os lumes é mediante a prevención, xa que a extinción non é máis que un parche momentáneo dun problema de maior calado que como vemos, retorna ano tras ano se a climatoloxía é adversa.

Á falla de atención ao medio rural de montaña, á ausenza dunha politica forestal coerente, de investimentos e de propostas para uns espazos interiores cunhas potencialidades enormes, hai que engadir a incompetencia e o desleixo dos seus xestores, para os que “o medio rural está condeado a desaparecer” en palabras do propio conselleiro Juárez. Eis unha auténtica declaración de intencións, a proba do nove da incapacidade e o desleixo institucional.

Terra-MODIS.vis.18102011.250O governo do PP decidíu retomar a mesma política de escaparate da era Fraga, isto é, adicar 100 millóns de euros a extinción (1% do orzamento da Xunta) e anular a maioría das medidas de prevención postas en marcha. Ademáis de criticar abertamente unha norma, a Lei 3/2007 de Prevención e Defensa contra os Lumes Forestais, que debería aplicar (xa pretende modificala através dunha nova Lei de Montes), a Xunta ten reducido significativamente os operativos de loita contra o lume, eliminado o Voluntariado do Monte, suspendidas as BIIF (Brigadas de Investigación dos Incendios Forestais), desactivado as UXFOR e aberto a porta á especulación coas SOFOR, mentres intensificou a súa política escurantista no plano informativo. Mesmo ten decretado que, indepedentemente da climatoloxía, os lumes teñen que acontecer de xuño a setembro e punto. Así resultou patético ver ao conselleiro Juárez apresentando o balanzo triunfal da tempada 2011 que poucos días despois, a realidade encarregábase de corrixir.

Na cuestión dos incendios a Xunta está pois, máis preocupada do plano mediático (o que poida saír na prensa) que de afrontar as causas destes: máis pendente do fume que do lume. A política informativa de Medio Rural, ao igual que a súa política forestal está sendo escurantista e manipuladora. Téntase minimizar a dimensión do problema en todo momento, empregando todo tipo de estratexias: só se informa dos lumes que superan as 20 ha; fálase de quilómetros cadrados e non de hectáreas (1 km2 equivale a 100 ha, polo que o efecto visual reduce en dous díxitos a dimensión); non ten publicado os traballos de prevención realizados no territorio nen o grao de cumprimento dos planos de prevención; nen respectado a obriga de informar e concienciar sobre as normas establecidas na Lei 3/2007 (distancias das prantacións ás casas e vías de comunicación, obriga de limpeza das parcelas, etc).

Á vista da incapacidade da administración para atender á verdadeira dimensión do problema ADEGA demándalle que estableza prioridades á hora de loitar contra o lume e as súas consecuencias: despois das zonas habitadas, os espazos protexidos ou con valores naturais de interese deben centrar os esforzos de contención. Non hai que agardar a que cheguen as choivas: hai que tomar xa medidas urxentes de restauración, loita contra a erosión e de recuperación da biodiversidade nas zonas queimadas, particularmente na Rede Natura. A perda de solo e os arrastres de cinsas e sedimentos podería significar unha segunda catástrofe ecolóxica para estes espazos e facer moito máis difícil a súa recuperación.

No caso dos espazos afectados (Macizo Central, O Invernadoiro, Queixa, A Limia, O Xurés, Trevinca, Pena Maseira…) cómpre a declaración de zona catastrófica para unha inxección directa de axudas e medios, comprometendo os orzamentos precisos para os planos de recuperación hidrolóxico-forestal e de recuperación ambiental. Deberiase comezar por protexer da erosión as zonas queimadas, acondicionando faixas de protección contra a escorrentía e evitando no posíbel o uso maquinaria pesada en espazos sensíbeis. Outras medidas complementarias deberían ser a prohibición temporal da caza non só nas zonas queimadas senón tamén no seu perímetro xa que a fauna tende a refuxiarse nestas áreas, dispoñer alimento de urxencia para gando e fauna salvaxe, ademáis de medidas proactivas para recuperar a nosa biodiversidade máis sensíbel e ameazada. Ula a Dirección Xeral de Conservación da Natureza?

Para acadar estes obxectivos a colaboración coas comunidades de montes, sector agrogandeiro, concellos, sector turístico e a implicación activa do voluntarido como elemento de concienciación e compromiso cun medio rural vivo, resulta fundamental. Finalmente, habería que acometer reformas estruturais de maior calado na sociedade e no territorio, para conquerir por exemplo, estreitar o cerco social e xudicial contra os pirómanos; elaborar un novo plano forestal que abandone as pirófitas e potencie a multifuncionalidade; unha Lei de Montes que contemple as funcións social, económica e ecolóxica… e tantas outras medidas para fomentar o desenvolvemento sustentábel do medio rural.

Dende ADEGA cremos nun mundo rural vivo e non nun espazo “condeado a desaparecer” do que algúns só se acordan cando arde e perigan os votos.

Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com