Avións espía en Trasmiras? 50 anos despois, benvido á Limia Mr. Marshall Imprimir
Envia Avións espía en Trasmiras? 50 anos despois, benvido á Limia Mr. Marshall a FaceBookEnvia Avións espía en Trasmiras? 50 anos despois, benvido á Limia Mr. Marshall a Twitter
3 de marzo de 2011. O anuncio do Minsterio de Defensa de considerar a localidade ourensana de Trasmiras para instalar unha fábrica-campo de probas de avións espía non tripulados, xera logo da inicial sorpresa, non poucas incertidumes. É unha das dúas posíbeis ubicacións para esta infraestrutura (a outra é Arenosillo, en Huelva) e Defensa aínda non ten decidido nada. Mais... por que na Limia? ADEGA chama a atención sobre estes proxectos-miragre que baixo a promesa dos postos de traballo e progreso, agochan instalacións contaminantes ou fábricas de morte, como é o caso. No millor estilo do desarrollismo franquista e 50 anos despois da desecación da lagoa de Antela, o estado pretende agora trocar na Limia, coa aquiescencia da Xunta, os arados por espadas e as aves protexidas por paxaros de metal.

O asunto xurdíu en 2009 cando a empresa EADS-CASA con participación de destacadas empresas armamentísticas (Northrop, Grumman e Boeing) e da NASA, anunciou mediante unha formidábel campaña publicitaria unha auténtica chuvia de postos de traballo na Limia (7.000 empregos directos e 25.000 indirectos, case coma a fatoría de Citroën) vencellados ao proxecto. Foi o clásico globo sonda co que determinadas corporacións pretendían revestir dun verniz cuase-filantrópico os seus proxectos para acadar posicións ventaxosas nas posteriores negociacións cos gobernos e fartarse de subvencións.

Por outra banda, os poucos datos iniciais aportados pola empresa falaban da criazón de enormes infraestruturas (no "mundillo" chaman ao proxecto "o monstro"): un centro de avións non tripulados de EADS, unha base europea de empresas americanas -Northrop, Grumman e Boeing-, unha base secundaria da NASA, e o centro de desenvolvemento europeo do programa BAMS (vixianza marítimo-terrestre dos USA). Estes usos en contradicción co desenvolvemento sustentábel e a conservación daos valores naturais da chaira da Limia, un espazo maltratado históricamente pola megalomanía da ditadura franquista e actualmente ameazado pola construción da SOGAMA II. Cómpre preguntarse cais van a ser os límites que se lle imporán a este macro complexo industrial que supostamente traerá riqueza e prosperidade inmediata, pero que estragará definitivamente os valores naturais da Limia comprometendo os aproveitamentos tradicionais e a conservación da biodiversidade.

Que hai detrás deste inusitado desarrollismo que "aterra" na Limia baixo a promesa de “un novo concello, feito dende cero”, como ten dito o alcalde de Trasmiras? Nunha comarca salferida de núcleos de poboación que vive fundamentalmente da terra, cabe preguntarse polo sentido dun proxecto que xerará contaminación ambiental e acústica ás portas dun dos santuarios de aves (ZEPA da Limia) máis importante de Galiza, con especies únicas en perigo de extinción.

Facendo memoria lembramos tamén outros proxectos-lotaría-milagre que ao final quedaron en burdas manobras político-especulativas na procura de subvencións e que consumiron tempo e recursos públicos: os parques solares do "chino Nan" (2008) foron abandonados por que non conseguiron as prebendas públicas agardadas. E a busca de petróleo fronte ás rías galegas, que acadou dimensións de febre do ouro negro, consumiu abundantes recursos públicos nas prospeccións para que algunha empresa puxera a traballar un barco inactivo.

Máis aló da propaganda, dos eufemismos e das cortinas de fume, que hai destrás do “complexo aeronáutico” de Trasmiras? Pois unha fatoría militar-industrial para a fabricación e ensaio de avións espía non tripulados de baixa velocidade. Xusto os usados en masacres como a de Gaza polos israelitas ou a “guerra contra o terrorismo” de EEUU e a OTAN en Irak e Afganistán. Este proxecto poñería a Galiza no mapa dos conflitos violentos de todo o mundo, facendo necesario “blindar” o complexo militar con medidas de seguridade propias de países en guerra e non da sociedade pacífica que somos hoxe.

Este e outros moitos proxectos megalómanos deben ser tomados con moita cautela e ilustran o debate sobre o modelo de desenvolvemento que queremos para o noso país. Contra a crise... tecnoloxía militar “made in Galicia”? NON. Dende o ecopacifismo, ADEGA quere facer un chamado a manter os pés na terra e a traballar favor do desenvolvemento sustentábel e dunha sociedade en paz.
Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com