Os roteiros de ADEGA-Lugo 2012-2013: A Galiza máxica II Imprimir
Envia Os roteiros de ADEGA-Lugo 2012-2013: A Galiza máxica II a FaceBookEnvia Os roteiros de ADEGA-Lugo 2012-2013: A Galiza máxica II a Twitter
galizamaxicaLugo, 30 de outubro de 2012. ADEGA Lugo vén de presentar o seu programa de roteiros para o curso 2012-2013 que, desta volta, estará dedicado de novo a descubrir lugares máxicos, encantados ou marcados por algunha lenda ou tradición oral. Dado o éxito da primeira edición do programa “A Galiza Máxica. Un país de lendas”, na que participaron unhas 500 persoas, e por votación maioritaria dos seus socios e socias, ADEGA-Lugo dá continuidade a esta temática como eixo arredor do cal vai xirar os roteiros deste ciclo 2012-2013.
Descarrega aquí o PROGRAMA DE ROTEIROS 2012-2013.

Os roteiros de ADEGA Lugo están concebidos como unha actividade de ocio e divertimento, pero tamén de divulgación e reivindicación ambiental. A través deste ciclo de roteiros dedicados á Galiza Máxica, ADEGA mostrará aos viandantes diferentes elementos naturais e paisaxísticos que forman parte, non só do espazo físico, senón do imaxinario popular, no que aínda viven e se desenvolven seres míticos e fantásticos que chegaron aos nosos días a través das lendas. A Galiza Encantada é o legado das crenzas e costumes dos nosos devanceiros e a través dela aprendemos a convivir coa natureza e a respectar o territorio no que vivimos.

roteiros2013

Desde a perspectiva reivindicativa, os roteiros de ADEGA Lugo servirán para reclamar máis atención das autoridades á preservación destes elementos patrimoniais non materiais, a través da promoción literaria, da investigación, da posta en valor e da conservación dos símbolos naturais e do espazo físico que os sustenta. A destrución do territorio físico tamén leva consigo a desaparición de moitos lugares míticos ou símbolos da Galiza máxica que hoxe en día están a esmorecer.

ADEGA-Lugo quere contribuír de forma activa a que os galegos e galegas coñezan estes elementos naturais e máxicos presentes aínda na nosa xeografía e na nosa memoria colectiva como testemuñas dunha visión particular do mundo. Durante os próximos oito meses iremos na busca da Porta do Alén en Guitiriz, da trabe d’ouro no Incio, dos encantamentos do Sil en Doade, do Santo Grial no Cebreiro, dos tesouros de Feranzos na Mariña e dos misterios de Santa Mariña de Augas Santas en Allariz e do Pico Sacro en Compostela.

O primeiro roteiro terá lugar o 11 de novembro e percorrerá a Serra do Courel na busca do Apalpador. O roteiro rematará cun magosto en Ferreirós de Abaixo.

Para a realización destas camiñadas, ADEGA contará coa colaboración de diversas entidades culturais e sociais e de persoas vinculadas estreitamente coa cultura galega.

DATOS DE INTERESE

Lugar de saída: Avenida de Ramón Ferreiro (fronte á Facultade de Formación do Profesorado, antigo Maxisterio), en Lugo.
Hora de saída: ás 9.00 horas, agás no roteiro de xuño que será ás 8.00 horas.
Prezos: 15 € (non socios/as), 12 € (estudantes, parados, xubilados), 10€ (socios/as) e 5€ (menores de 17 anos).
Reserva de praza. Chamar polo menos con 2 días de antelación a: 982240299 ou 679113718.
*No caso de que houbera algunha modificación no programa de roteiros será comunicada oportunamente.
*Prégase puntualidade e aviso previo no caso de ausencia.


Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com