Crónica: A Cultura do monte. Da tradición á actualidade. Imprimir
Envia Crónica: A Cultura do monte. Da tradición á actualidade. a FaceBookEnvia Crónica: A Cultura do monte. Da tradición á actualidade. a Twitter

mesa charla monteLugo, 6 de xullo de 2012. A Xornada “A cultura do monte” organizada por ADEGA o pasado 29 de xuño acolleu a expertos na cultura tradicional galega, nos montes veciñais en man común e no patrimonio cultural dos montes. O acto, que estivo apoiado pola Área de Cultura e Turismo da Deputación provincial de Lugo, celebrouse no Salón de Actos desta institución. Esta palestra foi a primeira do ciclo de charlas que ADEGA prevé para a segunda edición do proxecto “Cultura e Territorio”, enmarcada na campaña “Ponte no medio. Móvete polo territorio”, que pretende dar resposta ás agresións contra o noso patrimonio cultural e ambiental do país.

morgadeO primeiro da palestra en intervir foi Carlos Morgade, historiador e membro da Organización Galega de Montes en Man Común (ORGACCMM). Morgade titulou a súa exposición “Montes comunais: historia dunha supervivencia”, a través da cal fixo un repaso histórico das ameazas ás que se viron sometidos os montes veciñais galegos, únicos no Estado, que se rexen polo sistema xermánico de xestión no que os únicos xestores son os veciños e veciñas comuneiras. O feito de seren terreos alleos ao tipo de propiedade que se contempla no dereito romano convérteos en espazos indivisíbeis e inembargábeis tendo que superar ao longo dos tempos ás intencións dos ilustrados no século XIX e do franquismo no século XX, así como a desamortización de Madoz en 1855, de eliminalos, dividilos ou destinalos á forestación total. Carlos Morgade trasladou o debate sobre a situación dos montes comunais á época actual na que a nova Lei de Montes de Galiza pon en perigo, unha vez máis, a súa supervivencia como montes veciñais e de carácter xermánico e multifuncional.

reboredoO segundo en intervir foi o etnógrafo galego Xosé Manuel González Reboredo que abordou a idea de monte na cultura tradicional galega. A través das lendas descubrimos que o monte galego para a sociedade rural e tradicional do país era concibido como o lugar máis afastado da cultura da casa e representaba a incerteza, o caos e o fogar dos seres fantásticos animais ou con forma humana que eran a antítese dos labregos e labregas (os mouros e as mouras, as donas, os encantos, as serpes, o lobishome). A tradición oral galega narra que nos montes tiñan lugar encontros entre os seres máxicos e os campesiños dos que se tiraba sempre unha mensaxe real que contribuía a crear a moral galega e a afianzar a estabilidade da comunidade veciñal tradicional. Fronte a estes “inimigos” do monte aparecían os santos que, mediante o seu poder sacro, eran capaces de domesticalos e adoutrinalos. É por iso que o monte, non só era fonte de recursos para o subministro das necesidades básicas da veciñanza labrega, senón que tamén servía como elemento fundamental na configuración da moral e da cultura tradicional galega.

senenPola súa banda, o arqueólogo e museólogo Felipe Senén fixo fincapé no declive cultural que está a sufrir o país e, por tanto, na deshumanización do territorio. Aludiu a varios exemplos que retratan o troque da nosa cultura e a súa degradación polos intereses do capital que explota os recursos da nosa terra e atenta contra o patrimonio arqueolóxico, etnográfico, histórico e cultural de Galiza. É así que o monte galego está a perder o seu significado identitario coa desaparición ou alteración de elementos culturais que nos definen como pobo (monumentos megalíticos, feiras e festas tradicionais, montes sacros, etc). Para Felipe Senén, o declive da cultura non só se observa na degradación territorial, tamén se reflicte na concepción oficialista da nosa lingua, na que non se permite o uso de verbas galegas con connotacións rurais para definir situacións “modernas” (vencellar, xunguir…). O arqueólogo rematou o seu discurso animando á sociedade galega a preocuparse porcoñecer o seu patrimonio cultural para aprecialo e conservalo.

publico montesO acto completouse cunha exposición de produtos do monte na que participaron AGA, Caurelor, Delicias do Souto, Milhulloa, Ivo, Fungocerga, e Hifas de Terra, empresas que se dedican ao cultivo ecolóxico e que son mostra do rendemento económico e social que o monte galego aínda nos pode ofrecer sen ter que renunciar á súa calidade ambiental.

 

Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com