ADEGA-Lugo celebrará mañá o Día das Aves Migratorias arredor da Muralla Imprimir
Envia ADEGA-Lugo celebrará mañá o Día das Aves Migratorias arredor da Muralla a FaceBookEnvia ADEGA-Lugo celebrará mañá o Día das Aves Migratorias arredor da Muralla a Twitter

cirriosLugo, 23 de maio de 2013. A Plataforma Cidadá Muralla Viva, formada por varias entidades como ADEGA, A Cova da Terra, AENDA/AVAFES e coa colaboración de Luz Darriba, a Sociedade Galega de Ornitoloxía e XAN (Xestión agrogandeira e natureza) convoca a toda a cidadanía de Lugo para mañá, 24 de maio, a participar nunha xeira de actividades de celebración do Día Mundial das Aves Migratorias. Este día conmemórase por primeira vez en Lugo dando a benvida simbólica á colonia de cirrios máis importante de Galiza: a que habita o noso monumento Patrimonio da Humanidade e que chega a finais de abril para estar só tres meses connosco. O acto tamén servirá para manifestar o rexeitamento social á fumigación da Muralla con produtos tóxicos para as aves e outros animais, ademais de para as persoas.

O obxectivo é dar a coñecer esta fermosa especie e, de xeito xeral, chamar a atención sobre a necesidade de formar redes mundiais para protexer as aves migratorias e os seus hábitats. Subliñamos especialmente a necesidade fundamental de valorizar, respectar e protexer o noso patrimonio natural, herdanza de séculos, base da nosa vida e orixe da diversidade de culturas humanas arredor do mundo ao mesmo nivel que o noso patrimonio cultural.

Ademais con este acto, Muralla Viva reivindica por terceiro ano consecutivo á Consellería de Cultura o mantemento ecosostible da Muralla, coa eliminación do emprego de pesticidas químicos nos labores de control de vexetación. O mantemento tradicional da Muralla, supervisado por expertos e feito de maneira coidadosa, periódica e intensiva, a man ou por procedementos mecánicos, ademais de ser unha solución eficaz e totalmente sa, xerará emprego verde estable asociado á Muralla e proxectará unha imaxe e exemplo inmellorables cara ao resto do mundo.

Os pesticidas están na base de enfermidades emerxentes e son parte de problemas ambientais como o cambio climático. Tamén, as grandes multinacionais agroquímicas, cuxos produtos son usados na Muralla Patrimonio da Humanidade dende 1997, son responsables de moi graves problemas sociais en diferentes puntos do planeta como a Arxentina ou a India. Varias comarcas e cidades do mundo, incluíndo cidades de España, están xa prohibindo o emprego de pesticidas para protexer a saúde da súa poboación e do seu contorno.

PROGRAMA DE ACTIVIDADES (24 de maio)

Ás 10 h (Porta de San Pedro): Comezo de “Mans para As Aves Migratorias”: Acción artística de Luz Darriba sobre os xardíns arredor da Muralla. Muralla Viva hónrase de contar coa colaboración de Luz Darriba, quen presentará e dirixirá a elaboración colectiva da súa acción artística efémera “Mans para As Aves Migratorias”. As persoas voluntarias simularán o voo das aves migratorias con luvas que suxiren as redes de mans humanas traballando xuntas na súa protección dende diferentes puntos do mundo. Este acto realizarase nos xardíns arredor da Muralla e irá dando a volta ao monumento no senso das agullas do reloxo (cara á Porta da Catedral). A obra permanecerá só ao longo deste día nos xardíns da Muralla polo que chamamos á cidadanía a inmortalizala.

Luz Darriba é ben coñecida en Lugo e internacionalmente polas súas intervencións artísticas, moitas a prol de causas sociais, ten feito preto de 300 exposicións por todo o mundo e recibido 50 premios internacionais. Foi a autora do “Cumulum”, intervención artística elaborada no ano 2000 nas paredes da Muralla na que se enchera o monumento de libros reivindicando e apuntalando a candidatura da nosa Muralla como Patrimonio da Humanidade ante a UNESCO.

Ás 17:30 h. (Praza Maior): Obradoiro de papaventos para nenas e nenos. Pola tarde tamén se fará recollida de sinaturas polo mantemento ecolóxico da Muralla de Lugo.

Ás 20:00 h. (Rampa Porta Santiago): Roteiro de Avistamento de Aves dende a Muralla. Estará guiado pola Sociedade Galega de Ornitoloxía.

Durante todo o día: Ciberacción e divulgación: Chámase á cidadanía de Lugo a subir ás redes sociais as súas fotos sobre esta xornada e os seus comentarios. Ademais, ao longo de todo o día, membros da Plataforma Muralla Viva repartirán pasquíns informativos rexeitando a limpeza da Muralla de Lugo con produtos químicos tóxicos.

Máis información: Muralla Viva Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo .

Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com