REGANOSA, ENCE e depósitos do Ferrazo: insubmisión legal, burla continua á xustiza e complicidade institucional Imprimir
Envia REGANOSA, ENCE e depósitos do Ferrazo: insubmisión legal, burla continua á xustiza e complicidade institucional a FaceBookEnvia REGANOSA, ENCE e depósitos do Ferrazo: insubmisión legal, burla continua á xustiza e complicidade institucional a Twitter

BOMBASRIAS11 de xuño de 2012. Hai uns días, o Tribunal Supremo declarou nula a modificación puntual do PXOM de Mugardos (ratificando outra anterior do TSXG) que permitíu a instalación de REGANOSA no corazón da ría de Ferrol por carecer da Declaración de Impacto Ambiental (DIA). Tamén recentemente, este mesmo tribunal fallou contra a declaración de supramunicipalidade da fatoría de ENCE, na ría de Pontevedra, deslexitimando de paso a Autorización Ambiental Integrada concedida no seu momento pola Xunta. E como non hai dous sen tres, o mesmo TS ratificou hai xa 3 anos a ilegalidade dos depósitos de hidrocarburos do Ferrazo, que FINSA-FORESA instalou na ría de Arousa. Como é posíbel que tras reiterados fallos xudiciais estas instalacións perigosas, contaminantes e ilegais poidan seguir funcionando impunemente? E como é posíbel que a Xunta evite respectar estes fallos e preocúpese máis de facerlle o xogo aos contaminadores para que poidan seguir ameazando as nosas rías e a nosa saúde?

Comunicado do COMITÉ CIDADÁN DE EMERXENCIA para a ría de Ferrol, do que fai parte ADEGA, sobre a recente sentenza do Tribunal Supremo

1.- A más alta instancia Xudicial do Estado acaba de declarar nula a modificación puntual do Plan Xeral de Mugardos que serviu de base á construcción da planta de gas de Reganosa, por carecer da Declaración de Impacto Ambiental (DIA). Este fallo ven a ratificar a sentenza 00311/2008 do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, do 22 de abril e que foi recorrida por Reganosa e o Concello de Mugardos.

2.- Esta sentenza dalle a razón ao Comité Cidadán de Emerxencia tras once anos de loita contra a recolocación da Planta de Gas no interior da Ría. En nome de todos os colectivos que conformamos este Comité queremos amosar a nosa satisfacción por este fallo inapelable do Tribunal Supremo.

3.- Esta sentenza confirma, tal como víñamos defendendo, que a planta de gas de Reganosa é unha instalación que ven funcionando ilegalmente desde hai mais de catro anos. A súa ilegalidade é insubsanable, estamos a falar non dunha instalación calquera, senón dun almacén que contén mais de 150.000 tons. de gas natural licuado (equivalente a 12 millóns de bombonas de butano de uso doméstico). Unha ameaza permanente para a vida de miles de cidadáns e que supón un importante dano ao ecosistema da Ría.

4.- A planta de gas de Reganosa e unha instalación deficitaria que nos custou a todos os usuarios no ano 2011 preto de 58 millóns de euros. A súa produción non acadou o 40 % da capacidade e durante este mes de xuño debe paralizar a súa actividade entre 8 e 12 horas diarias por falta de contratos de subministro.

5.- A planta de Reganosa é innecesaria. A demanda interna de Galicia pode quedar cuberta permitindo a entrada do gas por gasoducto, tal como viña acontecendo antes do 2007. Mais tendo en conta que o consumo do gas disminuíu desde entón en un 20 %.

6.- Este Comité Cidadán de Emerxencia esixirá a execución da sentenza e por tanto a paralización inmediata da actividade da planta de Reganosa.

Dende ADEGA, agardamos que as administracións acaten todas estas resolucións xudiciais, deixen de situarse do lado dos contaminadores e dos insubmisos legais e fagan valer os intereses xerais na defensa da saúde, o ambiente e o desenvolvemento sustentábel das nosas rías e os que habitamos nelas.

REGANOSA fóra da ría de Ferrol, ENCE-ELNOSA fóra da ría de Pontevedra e depósitos de FINSA-FORESA fóra da Arousa!

Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com