Experiencia inolvidábel en Santiago de Albá con Son d'Aldea Imprimir
Envia Experiencia inolvidábel en Santiago de Albá con Son d'Aldea a FaceBookEnvia Experiencia inolvidábel en Santiago de Albá con Son d'Aldea a Twitter

aldea_23 setembro de 2011. Como todos os primeiros sábados de mes, este sábado tivemos unha  actividade na Eira da Xoana, pero nesta ocasión, trasladamonos á aldea próxima de Santiago de Albá, no Concello de Palas de Rei, para compartir unha actividade dinamizadora da cultura rural, e que se concreta no proxecto Son d`Aldea. Nesta exitosa experiencia participaron máis de 600 persoas. Son d’Aldea é unha actividade dinamizadora da cultura rural que procura amosala, proxectala e dignificala a través dunha xornada de participación activa da cidadanía. Trátase dunha aproximación ás coordenadas sociais e culturais do rural no pasado e dunha reflexión sobre novas vías de ruralidade no presente.

Son d´Aldea estivo ambientada nas décadas 40 e 50, anos nos que as aldeas centraban toda a actividade de Galiza até que o proceso industrial conlevou o crecemento das vilas e a marxinación do rural. Para revivir esta época de esplendor do rural galego e como recoñecemento á súa riqueza e á súa heteroxeneidade, esta xornada incluíu un Roteiro Teatral que se fixo en seis escenarios, distribuídos pola parroquia de Albá. Estes son: o monte, amosando os labores do campo; o forno, recreando o proceso de elaboración do pan; o lavadoiros, incidindo no significado da auga; na escola, salientando a relación entre profesor e alumno; na lareira, revivindo as longas conversas dos veciños mentres, por exemplo, se batía a manteiga; e no tundal, onde se levaban a cabo tarefas de carpintería ou mesmo se “grabuñaba” a gadaña. “Metátese Teatro”, un prestixioso e comprometido colectivo cultural que naceu en Palas de Rei no ano 1992 e integrado por veciños de todas as idades, foi o encargado de escenificar a vida no rural por aquel entón.

Se o pasado se revive con escenas teatrais, o presente e o futuro amósase mediante as mostras de oficios artesáns e de artesanía alimentaria que se emprazaron no campo da festa de Albá. Nelas participan profesionais que a día de hoxe seguen a residir e a vivir da actividade das aldeas. Un ferreiro do Carballal (Palas de Rei), un canteiro de Pontaferreira (Antas de Ulla), un carpinteiro de Ribón (Becerreá), unha cesteira de Carballal (Palas de Rei), e unha tecelá de Arbor, na Coruña. Tamén  se fixo unha Mostra de Artesanía Alimentária e outra de Oficios Artesáns, que pretenden amosar as novas formas da economía na aldea.

Unha radiografía subxectiva da situación do rural cargada de emoción e sensibilidade e con vontade de reflectir a filosofía vital do ser humano que habita esta contorna, e logo do xantar fíxose unha pequena malla, na que vimos xente claramente emocionada, demostrándose unha vez máis que os recordos tamén son vida.

A organización correu a cargo de A granxa e empresa exemplar desta aldea de Alba “Ecoagroturismo Arqueixal”, os colectivos palenses “O Parzamique” e “Metátese Teatro”, e contaron co apoio do Concello de Palas a Deputación de Lugo e de ADEGA.

Na mostra de artesanía alimentaria espuxéronse o viño da Ribeira Sacra (Adega da Veiga. A ermida. Belesar), os produtos lácteos de Arqueixal (Palas de Rei), o pan de Carteire (Panadería Irene, Palas de Rei), as Maruxas de nata de Cumbraos (Granxa Maruxa. Monterroso), as Galeguesas (Friguesía Santiago de Amorece), as menciñeiras do Coto (Milhalloa Soc. Coop. Palas de Rei), Estruga da Baixa Limia (Mestre Martín), e as Galletas Mariñeiras (Daveiga, Agolada). Estes produtos foron os que integraron o menú do Xantar.

A música de Buxaina, María Castaña e A Quenlla amenizaron toda a xornada.

En resumo, foi unha xornada única e moi emotiva na que todos saímos ledos e co compromiso de vernos o ano que vén. Noraboa a todas e a todos.

mallos_1mallos_2mallos_3mallacolexio_antes

Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com