Nova Directiva de ADEGA na Coruña: máis azos a prol do ambiente Imprimir
Envia Nova Directiva de ADEGA na Coruña: máis azos a prol do ambiente a FaceBookEnvia Nova Directiva de ADEGA na Coruña: máis azos a prol do ambiente a Twitter
directiva2010A Coruña, 9 de maio de 2010. ADEGA vén de apresentar este pasado sábado a nova equipa directiva da delegación da Coruña, cidade na que precisamente naceu a organización hai 34 anos e que acolle á meirande parte dos seus socios e socias. No acto do Centro Cultural Alexandre Bóveda estiveron presentes a Presidenta de ADEGA, Virxinia Rodríguez, o Secretario Xeral, Froilán Pallín e todos os membros da recentemente constituída Directiva local, presidida por Amancio Sotillo. A delegación coruñesa márcase como obxectivos inmediatos reactivar a defensa ecolóxica da comarca, facer visíbeis as problemáticas ambientais neste eido de actuación e achegar a perspectiva e as propostas ecoloxistas aos asuntosde interese para a cidadanía.

ADEGA pretende, através da constitución desta nova directiva, repotenciar a actividade da organización na comarca da Coruña ante a necesidade de atender de xeito máis eficiente e directo as problemáticas medioambientais que están a afectar á zona. A ampliación do aeroporto de Alvedro, o saneamento urxente da ría do Burgo, a construción da depuradora de Bens, os recheos dos areais da cidade, ou as descargas de carbón a ceo aberto no porto son algunhas das temáticas que a nova directiva ten previsto afrontar de xeito inminente. O actual presidente da delegación, Amancio Sotillo, resaltou a necesidade de que a perspectiva e acción ecoloxista interveña na planificación e deseño dos proxectos ou iniciativas que atinxan ao presente e futuro da comarca, porque “se están formulando proxectos que representan un grande custo económico para todos nós, nos que ademais non se contempla o impacto ambiental ou social”, dixo.

Outra das finalidades da delegación coruñesa é a de achegar todos os proxectos de educación ambiental que ADEGA está a desenvolver  noutras zonas do país, como Proxecto Ríos, Fogares verdes, Compostaxe caseira, etc.,  á cidadanía da Coruña e dos núcleos de poboación próximos.  Tamén ten previsto impulsar un programa de roteiros pola zona e a realización de charlas-coloquio ou debates sobre os asuntos e problemáticas ambientais que máis están a preocupar á poboación da comarca, algúns mencionados  xa anteriormente.  Estes encontros celebraranse os primeiros mércores de cada mes no local social da delegación, sito na Rúa do Conto, 6-8 Baixo (A Coruña).  A sede estará  aberta ao público todos os mércores a partir das 19.30 horas.

A nova directiva de ADEGA –A coruña está composta por: Amancio Sotillo (Presidente), Pablo Leira (Secretario), Mario Maceiras (Tesoureiro) e  as vogais Fina Bastón, Anxos de la Fuente e María Xosé Pérez.  Todos eles manifestan unha gran ilusión e ánimo para afrontar o reto de reactivar a delegación, na que animan a participar ao resto da poboación local.
Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com