"Rexeneración" de Riazor, Orzán e San Amaro: desbaldimento de cartos e agresión ao ecosistema Imprimir
Envia "Rexeneración" de Riazor, Orzán e San Amaro: desbaldimento de cartos e agresión ao ecosistema a FaceBookEnvia "Rexeneración" de Riazor, Orzán e San Amaro: desbaldimento de cartos e agresión ao ecosistema a Twitter
18 de febreiro de 2010. Coa escusa de "rexenerar" o medio, un proxecto de Costas pretende deitar 300.000 Tm de area de canteira sobre as praias coruñesas de Riazor e Orzán, e outras 10.000 Tm en San Amaro. Detrás desta medida, que artificializará aínda máis o litoral da Coruña, ampliando o ancho das praias en 30 m para aumentar en 5.000 os ocupantes, están unicamente determinados intereses turísticos. Tanto ten que os recurrentes aportes de area desnaturalicen o ecosistema, sexan moi custosos (12 millóns de €), e non servan para remediar a degradación das nosas costas. Trátase de imitar o modelo Benidorm/Sanxenxo con praias clónicas nas que a única función é acoller ao maior número de persoas posíbel. Acode á concentración do sábado 20 de febreiro ás 12:30h en María Pita convocada polo colectivo "Defendendo as praias" e apoiada por organizacións cidadás e ecoloxistas.

Nos últimos anos, a Demarcación de Costas do Estado en Galiza ven promovendo numerosos e custosos proxectos de "rexeneración" e "milllora ambiental" de praias, consistentes case sempre en aportes masivos de area (maioritariamente de canteira), construción de espigóns e outras instalacións etc. de dubidosa utilidade ambiental. Aos recentes proxectos de recheo das praias coruñesas do Orzán e Riazor, hai que engadir nos últimos tempos outros como o de "rexeneración" das praias de Beluso e Pescadoira, en Bueu, de Barraña e Tanxil (Boiro e Rianxo), a rocambolesca "millora ambiental" do areal de Doniños (Ferrol) ou o impactante proxecto da praia de Corcubión.
Todos estes proxectos teñen un denominador común: a súa inutilidade, artificiosidade, alto custo e o seu nulo respecto polos ecosistemas litorais. Nun cenario ambiental preocupante, no que son xa evidentes os impactos do cambio climático sobre a dinámica litoral en Galiza (prevense aumentos no nível do mar dos máis altos de Europa), a política das administracións é a do avestruz: ignorar o problema e seguir promovendo recheos masivos e infraestruturas no litoral que desaparecerán en poucos anos engulidos pola suba do mar e o incremento na frecuencia e intensidade dos fenómenos meteorolóxicos adversos.
A maioría destes proxectos lévanse a cabo sen unha planificación previa acaída e rigorosa, que avalíe as causas de fondo e analise os  impactos a medio e longo prazo. Priman os aspectos económicos sobre os ambientais, produto dunha política de intervención no litoral pouco respectuosa co medio natural. Os recheos son, pois, inútiles a medio prazo se non actuamos sobre as causas da alteración da dinámica litoral.
Cómpre lembrar a Costas que as praias non teñen unicamente unha función turística e que o problema da súa desaparición está moi relacionado con pasadas e desafortunadas intervencións humanas, moitas delas promovidas pola propia administración: recheos e infraestruturas portuarias, ocupación de zonas húmidas litorais, eliminación de áreas dunares pola ocupación urbanística, etc.
Daqueles pós veñen agora estas lamas: modificación da dinámica natural das praias con drásticas perdas de area,  perda de biodiversidade e de produtividade marisqueira, impactos no turismo... Paradoxalmente, o que se pretende con moitos destes recheos é  recuperar turistas, pensando que a afluenza ás praias está directamente relacionada coa súa superficie e non coa boa calidade ambiental destes espazos. Ao cabo, semella que segue persistindo a mentalidade "desarrolista" caracterizada polo binomio "sol e praia" ou "alpargata e tumbona", cuxos efectos son ben coñecidos no Mediterráneo.
Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com