Adega
INICIO Áreas temáticas Transxénicos Comeza a campaña "Por unha Galiza Libre de Transxénicos"
Comeza a campaña "Por unha Galiza Libre de Transxénicos" PDF Imprimir Correo-e
Envia Comeza a campaña "Por unha Galiza Libre de Transxénicos" a FaceBookEnvia Comeza a campaña "Por unha Galiza Libre de Transxénicos" a Twitter
transxth.jpg7 de abril de 2008. Os 21 colectivos integrados na Plataforma Galega Anti-transxénicos vimos de encetar unha campaña informativa sobre os riscos dos produtos e os cultivos transxénicos. O estado español e o maior sumidoiro de lixo xenético de Europa: no 2007 sementáronse máis de 75.000 Ha de millo transxénico. En Galiza só para o 2008, hai 11 solicitudes de ENSAIOS DE LIBERACIÓN DE TRANSXÉNICOS por empresas biotecnolóxicas, e de seguro que xa hai leiras en transxénico para a produción comercial no noso país. Informar á cidadanía sobre as cosecuencias cultivar e consumir transxénicos é o obxectivo desta campaña, que ten como fin último a declaración de Galiza como Territorio Libre de Transxénicos. Baixa o Triptico TRANSXENICOS FINAL.pdf TRÍPTICO (2.81 MB) informativo.

logopgat.jpgrolda_tranx2.jpgroldatrans3.jpg

QUE SON OS TRANSXÉNICOS?
Os transxénicos, ou organismos xenéticamente modificados (OXM), son plantas ou animais criados artificialmente insertando nos seus xenes ADN doutros seres para dotalos de funcións e características que o organismo natural non posuía. Os xenes están formados por cadeas de ADN e neles residen as características que definen ao individuo, que transmitirá ás seguintes xeracións xunto coas modificacións provocadas. Con técnicas de laboratorio como o bombardeo das células con ADN alleo ou mediante bacterias ou virus, consíguese insertar nun organismo o ADN doutro. Deste xeito pódese introducir material xenético de orixe radicalmente distinto (dun virus, bacteria, planta, animal e mesmo ADN humano) á especie orixinal.
A día de hoxe os produtos transxénicos máis extendidos son o millo, a colza, a soia e o algodón. Tamén o arroz, os tomates, as patacas, a papaia ou a cabaza transxénica extenden cada vez máis o seu cultivo. Con eles elabóranse alimentos de todo tipo para o consumo humano e animal. No estado español o principal cultivo transxénico é o millo, que está modificado con xenes de bacterias para producir unha substancia insecticida que evite ataques de pragas e conferirlle resistencia aos herbicidas.

ONDE ESTÁN OS TRANSXÉNICOS?
Cada vez con máis razón pódese dicir que os transxénicos están por todas partes. Dende 1996 sementáronse en todo o mundo 220 millóns de Ha de cultivos transxénicos. En Europa a difusión dos OXM varía segundo o país. España é o estado da UE con maior superficie cultivada con transxénicos, unhas 75.000 Ha en 2007.

En Galiza estánse a realizar cultivos experimentais para avaliar o comportamento do millo transxénico no campo en concellos como Touro, Mesía, Val do Dubra, Ribeira e Arteixo (A Coruña), Castro de Rei, Vilalba e Chantada (Lugo) e Lalín en Pontevedra. É posíbel tamén que xa se estén cultivando parcelas para a producción comercial de transxénicos no noso país.
Porén, os OXMs non só están nos campos, tamén están presentes nos supermercados e portanto nos nosos pratos. Son moitos os produtos que consumimos diariamente con ingredientes elaborados a partir de soia ou millo transxénicos. As directivas europeas obrigan ao etiquetado destes produtos pero só se as cantidades de transxénicos son maiores 0,9% por ingrediente. E non hai obriga de etiquetar carnes ou peixes alimentados con pensos transxénicos. Galletas, chocolates, sopas, pastas e un longo etc. conteñen residuos xenéticos de millo ou soia transxénica. A realidade e que estamos consumindo produtos transxénicos sen coñecelo e sen o noso consentimento.

A QUEN BENEFICIAN OS CULTIVOS E OS PRODUTOS TRANSXÉNICOS?
As grandes empresas de biotecnoloxía conseguiron que os OXMs poidesen patentarse como un invento máis. Isto supón que unha compañía faise dona dun organismo vivo e o comercializa, cobrando polo seu uso. MONSANTO, SYNGENTA, NOVARTIS, BAYER... son multinacionais que manexan os OXMs a nivel mundial e que, coa excusa de rematar coa fame no mundo, introduciron de maneira “silandeira” os cultivos transxénicos a gran escala. Deste xeito, conseguen controlar a agricultura, dende a distribución de sementes até os herbicidas e pesticidas que se lle botan ás colleitas. E se hai algún problema sanitario, pois tamén comercializan os remedios.
É ben sabido que a fame non se debe a falta de alimentos senón ao mal reparto destes e ás dificultades da poboación para acceder ás sementes e á terra cultivábel. Deixar o acceso a estas sementes, e portanto aos alimentos, nas mans das grandes empresas transnacionais supón negar a soberanía alimentaria dos pobos e condenar á fame a millóns de persoas en todo o mundo.

COMO AFECTAN OS TRANSXÉNICOS AO MEDIO AMBIENTE?
O cultivo de variedades transxénicas empobrece a biodiversidade e afecta negativamente a procesos ecolóxicos chave: son auténtico chapapote xenético.
• É imposíbel predecir o comportamiento de xenes alleos en organismos que interaccionan en ecosistemas complejos. Descoñecemos os efectos que a medio e longo prazo poden ter os organismos transxénicos liberados na natureza, xa que o coñecemento científico sobre o funcionamiento dos xenes e as súas interaccións é aínda moi limitado.
• As plantas e microorganismos tranxénicos poden alterar negativamente a microflora do chan. As toxinas que producen os organismos transxénicos degrádanse lentamente convertíndose en partículas do solo, continuando coa súa actividade tóxica. Os efectos a longo prazo das toxinas sobre los microorganismos do chan e a fertilidade son descoñecidos e imprevisíbeis.
• As plantas transxénicas poden contaminar os cultivos tradicionais (a polinización cruzada pode acadar distancias de quilómetros) aos que poden pasar as características insertadas artificialmente, alén de reducir o número de variedades naturais. A coexistenza é, portanto, imposíbel.
• Aceléranse os fenómenos de resistencia a herbicidas e pesticidas, facendo necesario incrementar cada vez máis as doses.
• Este emprego masivo de produtos fitosanitarios xunto coas toxinas que producen as variedades transxénicas (antibióticos, por exemplo) aumentan a contaminación química dos solos.
• As toxinas producidas polas variedades transxénicas contra determinadas pragas poden afectar a outros insectos beneficiosos e necesarios para a polinización das plantas (por exemplo o millo Bt, resistente ao "taladro" provocou a morte masiva de bolboretas monarca).
• As propias plantas transxénicas poden virar en invasoras, en "malas herbas" para os cultivos próximos.

COMO AFECTAN OS TRANSXÉNICOS Á NOSA SAÚDE?
• As plantas modificadas xenéticamente producen maiores doses de substancias tóxicas aínda en moi pequenas cantidades, presentar restos de herbicidas, ou secretar toxinas e outros compostos en resposta aos herbicidas.
• Poden desenvolverse alerxias ás novas moléculas que producen as plantas transxénicas. Nos EE.UU. en 2000 o millo “Starlink” provocou graves casos de reaccións alérxicas.
• Poderían aparecer novas enfermidades ou incrementarse a virulencia e agresividade de determinados patóxenos por recombinación xenética nos microorganismos deseñados para atravesar a barreira das especies e usados para producir as plantas transxénicas.
• Os xenes de resistencia a antibióticos (como a ampiciclina, común en medicina veterinaria) que conteñen algúns transxénicos contribúen ao aumento da resistencia das bacterias patóxenas a estes antibióticos, e, portanto, fai máis difícil tratar determinadas enfermidades infecciosas.
• Maior presenza de tóxicos e agroquímicos nos alimentos debido ao seu uso masivo nos cultivos.

COMO AFECTAN OS TRANSXÉNICOS Á AGRICULTURA?
• Os alimentos transxénicos representan un paso máis no control polas multinacionais da producción e comercialización dos productos agrarios: as variedades transxénicas están protexidas por patentes e non se pode utilizar a semente que se obtén delas. Extendendo o seu uso amplíase a dependencia das sociedades agrarias destas empresas, perdendo a súa soberanía alimentaria.
• Moitas variedades transxénicas baséanse na resistencia a herbicidas que logo son intensivamente utilizados nos seus cultivos. As mesmas empresas que fabrican os transxénicos comercializan tamén os produtos fitosanitarios, aumentando o seu control sobre o mercado.
• Os cultivos transxénicos contribúen á perda das variedades tradicionais (e gratuitas) das que dependen a maioría dos labregos e labregas dos países en desenvolvemento.
• Son frecuentes os casos de explotacións tradicionais “infectadas” con plantas transxénicas por hibridación. As compañías poden demandar a estes produtores/as e acusalos por estar empregando sementes con xenes patentados.
• Os cultivos transxénicos benefician aos países ricos en detrimento dos pobres, e dentro dos primeiros, ás explotacións industriais respecto das que practican unha agricultura máis tradicional, moitas das cales veranse obrigadas a abandonar as explotacións.

QUÉ PODO FACER EU?
Fíxate nas etiquetas e rexeita mercar produtos que conteñan a lenda “modificado xenéticamente” ou “producido a partir de (ingrediente) modificado xenéticamente”.
• Infórmate mediante a Lista Vermella e Verde (Greenpeace) de que produtos conteñen transxénicos ou son sospeitosos de incorporalos.
• Merca produtos frescos da terra e en tempada.
• Merca produtos ecolóxicos. Na agricultura e gandería ecolóxica non esta permitido o uso dos transxénicos, nin dos seus derivados.
• Se eres produtor/a podes declarar a túa explotación Zona Libre de Transxénicos.
Infórmate através da Plataforma Galega Anti-transxénicos de como propor ao teu concello a declaración de Zona Libre de Transxénicos (ZLT). En Galiza, só Lalín (marzo de 2008) tense declarado ZLT.
• Esixe á administración que garanta unha alimentación libre de transxénicos nos centros públicos e comedores escolares.
• Demanda dos responsábeis públicos unha etiquetaxe máis estricta dos produtos que conteñan OXMs ou que usaran transxénicos na súa producción. O obxectivo é a trazabilidade total.
Colabora difundindo as iniciativas da Plataforma Galega Anti-transxénicos.

MÁIS PREGUNTAS PARA REFLEXIONAR...
Quen consultou á poboación se queremos comer transxénicos sen nós saber?
Quen preguntou aos labregos/as se querían poñer o futuro da súas leiras en mans de grandes multinacionais?
Por que non se etiquetan convintemente os OXMs se son tan inocuos para a saúde e tan necesarios na loita contra a fame?
Por que non se aplica o Principio de Precaución se non hai evidencias da súa bondade a longo prazo e mentras acálanse as evidencias de alerxias e os estudos contrarios ao seu uso?

Plataforma Galega Anti-Transxénicos

http://www.galizasentransxenicos.org/

Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo

Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com
 


ADEGA