Adega
INICIO Áreas temáticas Residuos / Contaminación
Residuos e contaminación
Os galegos e galegas xeramos aproximadamente 1 quilogramo de lixo por persoa e día nos nosos fogares, pero os residuos urbanos inclúen tamén os lodos de depuración e os residuos da construcción e derrubo (mal chamados entullos), de forma que, sumados todos eles, chegamos aos 3 kg por persoa e día. Todo isto non é mais que unha pequena parte dos residuos que botamos ao medio: na industria xérase tamén unha cantidade equivalente a 0,5 kg de residuos tóxicos e perigosos por habitante e día, e considerando os residuos inertes da industria e da minería, superamos os 60 kg/hab/día, cifra que aínda sobrepasa o cento cando temos en conta os residuos agrogandeiros. Por outra banda, unha cantidade superior aos 20 kg/hab.dia emítense continuadamente á atmosfera. Botemos contas e saberemos cantos millóns de toneladas de lixo deitamos na natureza cada día, cada ano ou ao longo dunha vida, e cal é a verdadeira herdanza que deixamos ás xeracións futuras. Estamos claramente diante dun modelo de vida, de producción e consumo, insustentáble.

O vertido de residuos e, sobre todo, a súa incineración teñen graves consecuencias ambientais. Os residuos orgánicos, presentes no lixo doméstico ou nas industrias agroalimentarias, por exemplo, degrádanse consumindo osíxeno e orixinando solos e augas putrefactas. Nese proceso libéranse nutrientes e medran os microorganismos patóxenos. Temos así a aparición de focos infecciosos puntuais, zonas degradadas e contaminación das augas.

Moitos residuos teñen propiedades perigosas, sendo de destacar a súa toxicidade. No propio lixo doméstico temos compoñentes tóxicos (productos de limpeza do fogar; cosméticos e productos de hixiene persoal; colas e adhesivos; pinturas, vernices e disolventes; insecticidas e antiparasitarios; aceites minerais de orixe doméstica; aditivos e outros fluídos de automoción; medicamentos e productos de uso terapéutico; fluorescentes) e na industria xéranse preto de medio millón de toneladas de residuos perigosos, maiormente na industria de tipo químico, nas celulosas, nas refinerías de petróleo, nas metalúrxicas... Os metais pesados (MP) como o mercurio, o cadmio, o cromo, o zinc, o chumbo... por unha banda, e os compostos orgánicos persistentes (COP), entre eles a ducia suxa (pesticidas, dioxinas e furanos, policlorobifenilos...) son as substancias que lle dan máis perigosidade aos residuos. Estas e outras substancias químicas poden causar intoxicacións agudas, xerar enfermidades no sistema nervioso e endocrino, causar cancro ou debilitar o sistema inmunolóxico. Na natureza, moitas especies sofren diferentes anomalías e doenzas debidas á contaminación, que é unha das causas da perda de biodiversidade.

Por todo isto, o vertido incontrolado está hoxe penalizado pola lei. Algúns vertedoiros foron substituídos por plantas incineradoras, pero hoxe hai numerosos exemplos de que estas incineradoras non son unha solución real ao problema dos residuos e da contaminación; ao contrario, en moitos casos o que fan é aumentar a toxicidade dos residuos finais. A incineración non destrúe o lixo: transfórmao en fumes contaminantes e en cinsas tóxicas; nuns e noutras distribúense os metais pesados e contaminantes orgánicos, e mesmo se xeran novas sustancias, como as dioxinas, e centos de compostos químicos que resultan da combustión, sempre incompleta. Nunha incineradora como a de SOGAMA, o tratamento de 500.000 toneladas anuais de lixo orixina máis de 2.000.000 de t/ano de gases, arredor dunhas 100.000 t/ano de residuos perigosos e 50.000 t/ano de augas residuais. A onde van todos estes residuos?: ao solo, ás augas ou á atmosfera, pois non hai outro destino posíbel.
Solucións ecolóxicas

A toxicidade dos residuos foi aumentando ao longo das últimas décadas, e tamén as cantidades xeradas. Por isto, desde hai tempo, o ecoloxismo propón a prevención, a través da reducción en orixe, como a principal medida para resolver o problema dos residuos: o obxectivo é estabilizar primeiro a xeración de residuos e despois diminuíla ano tras ano. Para isto hai que mellorar a eficiencia dos procesos de producción, substituír as materias primas perigosas (por exemplo o PVC), substituír os envases e embalaxes de usar e tirar (plásticos, botes metálicos...) por aqueles outros que poden ser reutilizados ou reciclados (vidro, papel/cartón...), empregar materias primas recuperadas dos residuos na fabricación, e limitar ou penalizar o consumo de productos que conlevan a xeración de grandes cantidades de residuos. A reutilización é, pois, a principal medida para contribuír á reducción do lixo doméstico.

Todos os residuos que se xeren deben ser recollidos de forma separada en orixe (recolla selectiva) e tratados para a súa reciclaxe. Coa reciclaxe aforramos novas materias primas, auga e enerxía, e tamén a maior parte do impacto ambiental asociado á producción de novos productos. A reciclaxe do papel é un exemplo claro.

A través da reducción en orixe, da reutilización e da reciclaxe e compostaxe (3R) podemos hoxe dar solución a mais do 80% do lixo. O aumento da eficiencia nos sectores productivos, a substitución de materiais ambientalmente non adecuados, as medidas de estandarización, etc., xuntamente coa educación ambiental, necesaria tanto para a elección dun consumo ambientalmente responsábel como para facer posíbel a participación cidadá na recolla selectiva, permitirán consolidar e aumentar esta cifra de prevención e reciclaxe. Esa outra fracción de refugallos non aproveitábeis, debidamente tratados, deberanse depositar nun vertedoiro controlado.

O traballo de ADEGA

Xa a mediados dos oitenta, cando a cantidade de lixo aínda non pasaba dos 0,5 kg/habitante e día, a metade que agora, ADEGA propuña a reducción en orixe e a reciclaxe dos residuos, xuntamente co vertido controlado. E facíao na cidade da Coruña, onde doce anos máis tarde se derrubaría o vertedoiro de Bens, ao non ter en conta naquel entón as propostas ecoloxistas.

Nos anos noventa intensificouse o traballo ecoloxista por unha xestión ecolóxica dos residuos. ADEGA organizou en outubro de 1995 unhas xornadas dirixidas aos xestores municipais, e a partir delas aparecería o pioneiro Proxecto de Reciclaxe e Compostaxe de O Morrazo. O derrubamento do vertedoiro de Bens converteuse nunha axuda ás reivindicacións ecoloxistas, xa que permitiu romper o cerco informativo e puxo de manifesto a irracionalidade da xestión do lixo que se viña facendo. Ao pouco tempo, ADEGA elaborou un preproxecto de xestión ecolóxica do lixo para toda a Mancomunidade da Coruña, preproxecto que sería adoptado nos seus aspectos fundamentais polo propio Concello de A Coruña e polo Consorcio de As Mariñas. Na mesma liña, apareceron os proxectos de reciclaxe e compostaxe da Serra do Barbanza e da Illa de Arousa. Foron catro anos, os que separaron as eleccións municipais de 1995 das de 1999, de grandes cambios na xestión do lixo, e hoxe estanse a consolidar algúns destes proxectos.

A campaña de reivindicación e concienciación social foi moi intensa, e tivo como principal actividade a iniciativa lexislativa popular (ILP) pola xestión adecuada dos residuos e a prohibición da incineración (1995-1996). Esta iniciativa acadou algo mais de 50.000 sinaturas en todo o país, sendo a mais referendada de cantas chegaron ao Parlamento galego. Simultaneamente, organizáronse numerosos actos e debates arredor da xestión dos residuos. ADEGA elaborou un proxecto alternativo ao de SOGAMA (FENOSA-Xunta), e publicouno no número 3 de ADEGA-CADERNOSEste proxecto describe as instalacións e os programas de xestión xuntamente cos orzamentos necesarios para toda Galiza. Posteriormente, ADEGA elaborou proxectos específicos para diferentes comarcas, seguindo o esquema do elaborado para a Mancomunidade de A Coruña.

As eleccións municipais de 1999 abrían a porta a novos proxectos de xestión ecolóxica do lixo, esperanza que foi perdendo peso a medida que as presións da Xunta e de SOGAMA sobre os Concellos se foron facendo máis estreitas. Os intereses antiecolóxicos de FENOSA e o autoritarismo do poder autonómico acabou por afogar esa esperanza, se ben os gobernos municipais de Vigo, Pontevedra, Lugo, Ferrol e Santiago continúan sendo partidarios da reciclaxe e da compostaxe no lugar da incineración.

O inmobilismo da Xunta en materia de residuos manifestouse en todo o traballo da Consellería de Medio Ambiente e afectou tamén aos planos de residuos agrarios, residuos hospitalarios, residuos industriais e residuos especiais. Os avances nesta materia derivados do goberno autonómico son practicamente nulos, e proba disto é a caótica xestión das recolla selectiva que fai SOGAMA a través do contedor amarelo.

recilcaxe.jpg

A campaña da iniciativa lexislativa popular pola redución, a reutilización e a reciclaxe foi o desencadeante dunha forte campaña de concienciación da sociedade galega sobre o problema do lixo

 

composteiro.jpg

A compostaxe ou reciclaxe da materia orgánica é un método de tratamento viábel, ecolóxico e pouco custoso en comparación coa incineración. ADEGA conta cun Programa de Fomento da Compostaxe Caseira que está a desenvolver en colaboración con distintos Concellos galegos

 

marchacerceda.jpg
Mais de tres mil persoas marcharon a pé en xuño de 1995 desde a central térmica de FENOSA até Cerceda, para expresaren a sua total oposición á incineración do lixo.



Subxestións presentadas por ADEGA ao Borrador da Estratexia Galega de Xestión de Resíduos PDF Imprimir Correo-e
Envia Subxestións presentadas por ADEGA ao Borrador da Estratexia Galega de Xestión de Resíduos a FaceBookEnvia Subxestións presentadas por ADEGA ao Borrador da Estratexia Galega de Xestión de Resíduos a Twitter

lixo.jpgADEGA agradece que se nos remiti-se para a realización de subxeréncias o borrador desta estratéxia, elaborado pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da Conselleria de Medio Ambiente da Xunta de Galicia. Porén, o borrador foi recibido no mes de agosto, polo que o prazo do 15 de setembro para a presentación de subxeréncias considerámo-lo escaso. Pensamos por tanto que se debe ampliar este prazo sometendo o borrador ao dictame do Consello Galego do Meio Ambiente, antes da sua aprobación definitiva.

Por esta razón, muitos aspectos concretos das directrices recollidas para os plans sectoriais, como por exemplo o plan de resíduos industriais, o de resíduos sanitários, e o de resíduos agrários (que deberia ser de resíduos agro-gandeiros e forestais) apenas poideron ser analisados por nós.

As subxeréncias que se fan a continuación van máis dirixidas por tanto á filosofia da Estratéxia, aos obxectivos que debe perseguir, e á sua función dentro do marco normativo e de planificación. Consideramos que se debe distinguir claramente entre os contidos dunha Lei xeral de Resíduos, da que hoxe carece Galiza, e os contidos dunha estratéxia, que nunca terá rango normativo de lei. Por tanto, sen elaborar esta lei e sen realizar cambios profundos no contido da presente estratéxia, este borrador converteria-se nun mero exercício de recapitulación e refrito de plans, normativas, definicións, obxectivos e recomendacións preexistentes, sin ningún critério prático nin función obxectiva.


1. EN RELACIÓN CO MARCO LEGAL E OS OBXECTIVOS DUNHA ESTRATÉXIA

A lexislación autonómica en matéria de resíduos resulta claramente escasa e deficiente ou caduca, ao non integrar as novas normas comunitárias e estatais xurdidas durante a presnte década. A recente Lei 10/1997 do 22 de agosto de Resíduos Sólidos Urbanos de Galicia é xa anacrónica, pois non responde aos principios, obxectivos nen ámbito de aplicación das suas homólogas comunitária (as Directivas 75/442/CEE e 91/156/CEE relativas aos resíduos) ou estatal (Lei 10/1998 do 21 de abril de Resíduos), que establecen unha lexislación básica sobre todos os tipos de resíduos. A lei galega refere-se en exclusiva aos resíduos sólidos urbanos, polo que os restantes tipos de resíduos que son obxecto desta estratéxia carecen dun marco legal autonómico de referéncia.

Neste sentido, o obxectivo ou función da presente estratéxia considera-mo-lo fora de lugar. Tal obxectivo clarifica-se no último parágrafo da páxina 11, no capítulo 2 de “Antecedentes”): “A Xunta de Galicia, en virtude das facultades que o vixente ordenamento xurídico lle confire, elabora a presente Estratéxia galega de xestión de resíduos, que establece o marco de actuación no que se deben desenvolver todos os Plans específicos de xestión de resíduos da Comunidade Autónoma”. Alén de que a redación xuxire un pretendido carácter normativo impróprio dunha estratéxia, semella claro que non hai ningunha norma xurídica no actual ordenamento que condicione o desenvolvimento dos plans de xestión de resíduos ao texto desta estratéxia.

Polo contrário, e sendo mui necesária unha norma básica que estableza o marco de actuación no que se desenvolvan os diferentes plans, tal norma só pode ter rango superior, e por tanto de lei.

Polo contrário, consideramos que o obxectivo básico dunha estratéxia de xestión de resíduos debe referir-se a como facer socialmente viable o acadar os obxectivos de xestión establecidos no marco legal e nos diversos planos de actuación, canalizando e fomentando a participación e responsabilidade dos diferentes axentes sociais i económicos implicados.

Non é por tanto de estrañar que, cando nos fixamos nos obxectivos descritos no correspondente capítulo 6, pax. 47 e 48, non se recolla nada substancial. O suposto obxectivo xeral é tan xeral que nen siquera é específico ou próprio desta estratéxia. En relación cos denominados obxectivos instrumentais, cumpre salientar que no texto da estratéxia non se crea ningún tipo de instrumento nen contén elementos que faciliten a coordinación entre as diferentes administracións nen tampouco se establecen os critérios básicos para as infraestructuras de tratamento.

Ou, por exemplo, nos princípios de desenvolvimento (capítulo 5, pax. 42), o princípio de subsidariedade tal como está enunciado significaria que a Xunta de Galicia renúncia a actuar en función das suas obrigas de inspeccción, seguimento e control ambiental no eido dos resíduos. Esta inibición constituiu un dos elementos máis graves dos últimos anos, ao permitir os vertedeiros incontrolados e a combustión do lixo nos mesmos, situación que ainda segue hoxe.

Este deficiente marco legal leva tamén a que algúns tipos de resíduos fiquen fora de toda lexislación e programación autonómica como por exemplo os lodos de depuración de augas resíduais urbanas, cuxa xestión é responsabilidade dos concellos, pero que non están incluídos en ningún dos plans previstos polo borrador da estratéxia (ver a pax. 50). Ou como no caso dos resíduos forestais, que non se mencionan nen fican explicitamente incluíduos nos chamados resíduos agrícolas.

Fundamentalmente, o texto da estratéxia consiste nun refundido de diferentes textos, contendo case exclusivamente consideracións cualitativas e proposas vagas e pouco definidas. Por todo isto, ADEGA considera que é preciso a elaboración dunha LEI DE RESÍDUOS DE GALICIA, e a elaboración separada dunha estratéxia, cada unha delas cos seus obxectivos contidos pertinentes.

Tais contidos deben procurar unha evolución positiva a longo prazo na xestión de resíduos, para o que nos sevirian as pautas contidas na referida Resolución do Consello (ponto 2 destas subxeréncias) e, na opinión de ADEGA, nos aspectos da actual evolución comunitária en xestión de resíduos subliñados no ponto 3 destas subxeréncias. Do contrário, corremos o risco de que a estratéxia non rexista os catro anos de vixéncia que a mesma anúncia, e fique caduca xa no momento da sua elaboración, como ten ocorrido con tantos proxectos da Xunta de Galicia na presente década, e nomeadamente co plan de RSU de 1992, e tamén o plan de Resíduos Perigosos e 1995.

 

2. EN RELACIÓN CO ESPÍRITO DA RESOLUCIÓN DO CONSELLO DE 24 DE FEBREIRO DE 1997 SOBRE UNHA ESTRATÉXIA COMUNITÁRIA DE XESTIÓN DE RESÍDUOS

Praticamente a totalidade do contido da Resolución están ausentes do borrador da Estratéxia galega, ou o espírito desta non concorda co contido da Resolución. Fixémo-nos, por exemplo, nos seguintes aspectos recollidos literalmente da Resolución:

  • "Recoñece [o Consello] a necesidade de ... distinguir mais claramente entre as operacións que son actividades de valorización e as que son actividades de eliminación" (parágrafo 9)

A Estratéxia galega non trata deste tema.

  • "Reitera [o Consello] a sua convición de que a prevención de resíduos deberia constituir a primeira prioridade de calqueira plano racional neste sector, tanto en relación coa máxima redución de resíduos como coas propriedades perigosas destes" (parágrafo 16).

A Estratéxia galega non clarifica este aspecto.

  • Invita [o Consello] á Comisión a que fomente, e aos Estados membros e aos axentes económicos a que establezan e persigan obxectivos cuantitativos de carácter indicativo para reducir significativamente a cantidade de resíduos que se produzan e incrementar os níveis de reutilización, reciclado e valorización (parágrafo 18)

A Estratéxia galega, ao igual que a Lei 10/1997 de Xestión de Resíduos Sólidos Urbanos de Galicia, non establece ningún obxectivo cuantitativo, nen siquera establece que tais obxectivos se fixen nos respectivos plans.

  • Insiste na necesidade de fomentar a valorización de resíduos co fin de reducir a cantidade destes destinada á eliminación e economizar recursos naturais, especialmente por medio da reutilización, reciclaxe, compostaxe e recuperación de enerxia dos resíduos (parágrafo 21)

Este parágrafo 21 introduce a diferenciación de catro níveis de xerarquia dentro do nivel xeral de valorización. No seguinte parágrafo 22 establece unha certa xerarquia de prioridade para as opcións de reutilización e de valorización de materiais (isto é, de reciclaxe e compostaxe). Porén o borrador da Estratéxia non introduce ningún tipo de prioridade relativa destas opcións, pondo ao mesmo nivel a reutilización, reciclaxe e compstaxe que a incineración (en realidade, é falso o que se afirma no segundo parágrafo da páxina 44, xa que a Resolución non propón a xerarquia que se estabelece na estratéxia, senon que esta procede da Directiva, actualmente en proceso de modificación). No ponto 3 abondaremos sobre a cuestión da xerarquia, pois a realidade europea está evolucionando rapidamente para reflectir unha maior prioridade da valorización de materiais frente á valorización enerxética, que con probabilidade se incluirá na próxima modificación da Directiva marco de resíduos.

  • Recoñece, polo que se refere ás operacións de valoraización, que a elección en cada caso concreto dunha posibilidade debe ter en conta os efeitos medioambientais e económicos, pero considera que no presente, e hasta que se leve a cabo o necesário avance científico e tecnolóxico, e exista un maior desenrolo das análises do ciclo de vida, debe considerar-se preferível polo xeral a reutilización e valorización de amteriais cando estas sexan as mellores opcións medioambienais (parágrafo 22).

  • Insta á Comisión e aos Estados membros, segundo o caso, a que fomenten sistemas de devolución, recollida e valorización (parágrafo 24)

Nen a Estratéxia, nen no seu ámbito o Plan de xestión de RSU fomentan sistemas de devolución de resíduos.

Estes e outros aspectos presentes na Resolución da Consello que dá orixen á presente Estratéxia non están presentes no borrador desta, que fica un paso atrás da actual lexislación comunitária, e lonxe reflexar a evolución actual e imediata dos países ponteiros na matéria de prevención ambiental no eido dos resíduos.

 

3. EN RELACIÓN CON ALGUNHAS TENDÉNCIAS EUROPEAS QUE SE DEBEN REFLEXAR NA ESTRATEXIA GALEGA DE XESTIÓN DE RESÍDUOS

 

3.1. Estabelecer unha xerarquia de máis de 3 escalas

Se ben a directiva-marco sobre residuos recolle unha xerarquia de tres niveis –prevención, valorización e eliminación- que arranca da decada dos setenta, as políticas de muitos dos 15 países mostra-nos que se evoluciona cara a 7 ou incluso 9 escalas como mínimo, segundo vemos na seguinte táboa.

Niveis de xerarquia en diferentes países da UE

1

Prevención

A, B, D, DK, E, F, FIN, It, L, NL, UK

 

> Prevención cualitativa

S

 

> Prevención cuantitativa

S

 

 

 

2

Recuperación

A, E, F, FIN, It, L, UK

 

> Reutilización

B, D, DK, NL

 

> Reutilización & Reciclaxe

S

 

> Reciclaxe

B, DK, NL

 

> Reciclaxe & Recuperación enerxética

D

 

> Recuperación enerxética

B, DK, NL, S

 

 

 

3

Eliminación

A, B, D, DK, E, F, FIN, It, L, S, UK

 

> Incineración

D, NL

 

> Vertedoiros

NL

 

 

 

Fonte: CER, 1998

 

En particular, a reutilización, é dicir a reutilización dun producto paro un uso similar ao seu uso orixinal, é hoxe en dia un eixo político maioritario en case a metade dos países europeos e gañariamos moito de clarificarmos mellor as posibilidades de desenvolver políticas en función dese obxectivo así como as obrigas a tomar en conta para lograr ese obxectivo.

Igualmente, a reciclaxe de materiais (sexan inertes ou compostábeis) debe ser claramente diferenciada e priorizada sobre a valorización, que no caso da incineración conleva a destrucción e perda dos recursos materiais.

3.2. Precisar o papel da valorización enerxética e prohibir o aceso dalgúns residuos aos vertedoiros

Debe establecer-se un status diferenciado a crear para a valorización enerxética en relación cun simple proceso de eliminación ou con procesos que recuperan enerxia destruindo os materiais: o lugar da incineración onde non existe un certo nivel de rendemento enerxético e o enmascaramento do rendimento enerxético polo uso de grandes cantidades de combustíbeis auxiliares ou complementários, xeralmente de tipo fósil e non renobábel, debe clarificar-se convenientemente.

A combustión de resíduos constituídos por materiais renovábeis e non contaminados, como poden ser muitos resíduos forestais debe diferenciar-se da incineración de resíduos constituidos por materiais fóseis e contaminados. A dixestión anaeróbia, que permite obter enerxia (na forma de biogás) simultaneamente coa reciclaxe da matéria orgánica (na forma de compost) debe ser convenientemente xerarquizada.

Deben desenvolver-se políticas co obxectivo de crear un vínculo de obrigatoriedade entre algúns fluxos de residuos e algúns procesos de tratamento así como de prohibir que algúns fluxos de residuos se atopen nalgunhas ramas de tratamento. Deste xeito, xa se formularon -ou estanse a formular– en diferentes Estados membros numerosas prohibicións relativas ao aceso a vertedoiros de resíduos combustíbeis, de residuos biodegradábeis, de residuos reciclábeis ou de resíduos tóxicos (vexa-se a táboa seguinte).

Prohibicións que afectan o tratamento de resíduos.

 

Estado Membro

 

Data

 

Tipos de residuos afectados

 

D

 

2005

 

Residuos combustíbeis

 

DK

 

1997

 

Residuos combustíbeis

 

F

 

2002

 

Todo menos Aresiduos finais@

 

FIN

 

1997

 

 

2005

 

 

Materiais reciclábeis

Pneumáticos

Residuos perigosos

Residuos sen selección previa

RSU cun alto contido orgánico

 

It

 

2000

 

Residuos non-tratados

NL

1996

 

 

1997

 

 

2000

RSU

residuos industriais

Certos residuos perigosos

Residuos de trituradoras

Entullo (construcción e demolición)

Cobertas agrícolos

Residuos procedentes da transformación de plásticos

S

2005

Residuos biodegradábeis

Residuos combustíbeis

Fonte: CER, 1998

Esta tendéncia pode ter continuidade non só no tocante aos vertedoiros senón tamén á incineración. De feito, na actualidade algunhas medidas ao nivel rexional ou nacional intentan prohibir que algúns fluxos de residuos cheguen á incineradora, por exemplo, os fluxos susceptíbeis de seren valorizados ao nivel dos materiais.

3.3. Promover medidas concretas que teñan como obxectivo a prevencion no ponto de orixen

En relación co eixo da prevención, perciben-se medidas concretas cara á reducción dos residuos na orixen, que se están a desenvolver ás veces ao nivel local, rexional ou nacional nos países membros. Pódense definir polo menos 8 categorias de medidas preventivas:

l Obxectivos cuantitativos

l Plans de prevención obrigatorias

l Pagar en función da cantidade xerada

l Subvencións e proxectos de demostración

l Ecotaxas

l Limitacións e proibicións de substancias

l Proporcións cuantitativas

l Reutilización (take back) secundária de envases retornábeis

En primeiro lugar citaremos as seguintes: marcar obxectivos de prevención con cifras, crear obrigas de plans de prevención, desenvolver conceptos de tarificación diferenciada sobre a recollida ou o tratamento dos residuos co fin de chegar a unha reducción da producción, establecer regras en materia de axudas públicas (axudas a proxectos de demostración, subsidios, subvencións) que se refiren sexa á prevención cuantitativa, sexa á prevención cualitativa.

Citemos tamén algunhas ecotaxas establecidas para productos concretos que pretenden reducir a súa entrada no mercado, tratando-se ás veces claras proibicións de entrada no mercado de substancias tales como os metais pesados ou o PVC. E tamén algunhas obrigas proporcionais continente/contido, é dicir entre un envase e o producto que contén.

Finalmente nas obrigas chamadas take-back ou retornábeis, podémonos preguntar se algunhas non teñen virtudes preventivas importantes, como pode ser, por exemplo, a obriga de recoller os sobreenvases nos puntos de venda, que con probabilidade levaria a que o sector da distribución lles esixa aos seus provedores productos con menos envases.

3.4. Regulación do mercado dos residuos por medio de instrumentos económicos

Os instrumentos económicos representan outro aspecto fundamental da xestión de resíduos. En todos os discursos estratéxicos, os instrumentos económicos recoñécense e decláranse como complementarios ás ferramentas lexislativas.

Na práctica, poden-se percibir dúas correntes na aplicación de instrumentos económicos ao nivel das rexións e dos diferentes países da UE.

A primeira tendéncia consiste en aprehender o producto como tal e sometelo a unha taxa. É sabido que en varios países, certos productos xa están suxeitos a ecotaxas (vexa-se a seguite táboa).

Productos suxeitos a ecotaxas.

 

Estado Membro

 

Productos suxeitos a ecotaxas

 

B

 

Coitelas de afeitar de usar e tirar

Cámeras de usar e tirar

Pilas

Envases de bebidas

 

D (nivel local)

 

Pratos de usar e tirar...

 

DK

 

Bolsas de papel e de plástico

Envases de bebidas

Materiais de construcción virxes

 

FIN

 

Envases de bebidas

Aceites lubrificantes

 

It

 

Polietileno

 

NL

 

Vehículos fóra de uso

Pilas

Marcos de portas e fiestras de plástico

 

S

 

Pilas

Fertilizantes

Pesticidas

Automóbeis

Materias de construcción virxes

CFCs

Fonte: CER, 1998

 

A taxación directa dun producto ten efectos imediatos sobre a súa preséncia no mercado e sobre o seu desenvolvemento. É tamén unha tendéncia que xera riscos importantes de discriminación con fins proteccionistas, así como riscos de distorsións da competéncia. Sen embargo, se queremos acadar un resultado, non podemos ignorar que é preciso aprehender o resíduo ao nivel do producto e que en relación con este producto, temos a ferramenta económica.

A outra tendéncia en materia de novas ferramentas económicas é a taxación dirixida a algunhas ramas de tratamento e evidentemente ás duas ramas de tratamento que nos gostaria ver diminuir: os vertidos e a incineración. Este tipo de taxas xa está en vigor na maioria dos países europeos pero aparecen con pesos e criterios bastante diferentes (vexa-se a seguinte táboa).

 

 

 

Taxas impostas segundo o método de tratamento empregado.

 

Estado Membro

 

Métodos de tratamento

 

Cantidade (ECU/t)

 

B

 

Incineración

Vertedoiros

 

6 - 20

30 - 100

 

DK

 

Incineración

Vertedoiros

 

28 - 35

45

 

F

 

Vertedoiros

residuos municipais

residuos perigosos

 

 

3

6

 

FIN

 

Vertedoiros

 

9

 

It

 

Vertedoiros

Incineración sen recuperación enerxética

 

10

5

 

NL

 

Vertedoiros

 

13

 

S

 

Vertedoiros

 

30

 

UK

 

Vertedoiros

residuos activos

residuos inactivos

 

 

10

4

Fonte: CER, 1998

Teñen unha incidéncia considerábel no desenvolvemento dalgunhas ramas de tratamento. O propio Parlamento Europeo xa reclamou que a Unión Europea formule taxas unificadas en ECUs sobre os vertedoiros e incluso sobre a incineración dos residuos.

 

3.5. A importante responsabilidade do productor: debe estender-se do sector de envases a outros dez grandes sectores

Outra evolución que non podemos ignorar é a da responsabilidade do productor. Isto quere dicir que a persoa que pon algo no mercado xa non pode vivir dicindo «o que pasa despois da utilización non é asunto meu». Debe estar implicado na xestión do seu producto posconsumo e esta implicación pode tomar formas extremadamente concretas de recuperación do producto usado ou ben formas diversas de implicación financeira na xestión do resíduo.

Esta evolución xa superou os sectores do automóbil e dos aparellos eléctricos e electrónicos. Realmente, polo menos 10 grandes sectores están a suscitar regras nalgúns países en materia de responsabilidade dos productores. Estes sectores son:

  • Envases
  • Automóbeis
  • Aparellos eléctricos e electrónicos
  • Pilas
  • Papel
  • Pneumáticos
  • Téxtiles
  • Materiais de construcción
  • Plásticos
  • Móbeis

A directiva sobre os veículos fóra de uso completará-se probabelmente non só cunha directiva sobre os aparellos electrónicos ou eléctricos, senón tamén con directivas sobre os materiais de construcción, o mobiliario en xeral, as materias de plástico, e en xeral sobre o conxunto dos ámbitos onde a responsabilidade do productor tende a ser un modo interesante de prevención e de xestión dos residuos.

4. EN RELACIÓN CO ACTUAL PLAN DE XESTIÓN DE RSU DA XUNTA DE GALICIA

O actual plano de xestión dos RSU de Galicia non recolle os aspectos máis avanzados da Resolución do consello 97/C 76/01, de 24 de fevreiro de 1997 sobre unha estratéxia comunitária de xestión de resíduos (DO nº C 76/3 de 11.3.97). Nesta última resolución, entre outros aspectos , o CONSELLO das C.E. "Reitera a sua convición de que a prevención de resíduos deberia constituir a primeira prioridade de calqueira plano racional neste sector, tanto en relación coa máxima redución de resíduos como coas propriedades perigosas destes.". Porén, o plano non prevé redución de nengún tipo, senon que incrementa a xeneración de residuos tóxicos e a pergosidade dos RSU e da sua xestión. O papel que a prevención xoga no plano de RSU de Galicia fica clarificado cando observamos os investimentos adicados a cada opción de xestión: á prevención destina menos do 5% dos recursos, frente a máis do 80% que destina á incineración.

Tamén, nesta mesma resolución, o Consello "Recoñece a necesidade de ... distinguir mais claramente entre as operacións que son actividades de valorización e as que son actividades de eliminación". Neste sentido, a elaboración de combustível e incineración neste plano só poden ser consideradas, a causa do baixo rendimento enerxético (praticamente nulo, ver ADEGA-CADERNOS nº 3), como actividades de eliminación.

A instalación da incineradora prevista no plano dificulta a adopción de medidas de redución e reutilización, como se desprende claramente do contido do borrador de convénio de SOGAMA para os concellos, no que se penaliza a redución da cantidade de lixo entregado polos concellos, por un periodo de 25 anos de vixéncia do convénio.

Na resolución, o Consello da UE pide á Comisión e aos Estados membros que adopten medidas concretas para promover mercados para os produtos reciclados que cumplan os requisitos comunitários (parágrafo 25). Porén, é ben notória a política da xunta de Galicia tendente non só a negar a posibilidade de saidas para o compost en diferentes aplicacións e con diferentes cotas de mercado potencial, senon tamén en obstaculizar as realizacións dos plans alternativos á SOGAMA para a promoción do uso do compost nas terras e no monte galego.

Concluímos por tanto que, para adpatar-se ao contido da Resolución do Consello, cumpre unha revisión dos contidos e obxectivos do plan de RSU de Galicia, abandonando ou cando menos reducindo substancialmente a capacidade da incineradora, que o borrador da estratéxia non prevé.

 

5. EN RELACIÓN CO PLAN DE XESTIÓN DE RESÍDUOS INDUSTRIAIS DE GALICIA

O borrador da estratéxia fai unha valoración do plano de resíduos industriais de 1995 dicindo que estableceu unha estratéxia de xestión adaptada a realidade industrial e social galega. En realidade, tal adaptación conxistiu en fixar a baixa os obxectivos de prevención recollidos no plan estatal do mesmo ano, de tal forma que o obxectivo de redución no plano galego ficou no 1,7% (11,1% se excluímos os barros vermellos) frente ao 40% do plano estatal. Segundo o plano, máis do 70% dos resíduos someterian-se a tratamento final, cando no caso do plano estatal o obxectivo era limitar esta porcentaxe ao 40%.

A única realiade galega á que ase adaptou foi á existéncia dunha planta de tratamento ou eliminación final (As Somozas), que requeria grandes volumes de resíduos, cuxo funcionamento era por tanto incompatíbel cunha redución significativa na xeración de resíduos. Recentemente, os resposábeis desta planta anunciaron que lles sobraba capacidade para importar resíduos doutras comunidades, o que consideran preciso para rentabilizar o funcionamento das instalacións.

Contrariamente ao que se afirma no borrador da estratéxia, no momento de elaborar o plan de 1995 existian as mesmas instalacións que hoxe, agás a planta de tratamento de pilas usadas. Das instalacións previstas, só se realizaron a referida ás pilas, mentrres que no referido á neumáticos, resíduos hospitalários e outros incluiduos neste plano, non se realizaron a dia de hoxe. As actuacións tamén son escasas no relativo á recuperación de solos industriais contaminados, incluida no mesmo plan.

En 1996 o Consello Galego do Meio Ambiente aprobou por unanimidade un dictame sobre este plan, no que facia unha série de subxeréncias ás que non se prestou atención. A Xunta debe responder a estas subxeréncias antes de elaborar novas estratéxias e plans nesta matéria.

ADEGA considera que a revisión do plan de tratamento de resíduos industriais é necesária, pero cumpre que na mesma colaboren os diferentes axentes sociais, para o cal deben dispor da información sobre a evolución da xestión deste tipo de resíduos nos últimos anos, asi como sobre o cumprimento dos obxectivos indicados no plan de 1995. A estratéxia deberia fixar os obxectivos claros de prevención-redución na orixen, reutilización e reciclaxe dos diferentes tipos de resíduos, determinar o modelo de financiamento e a programación temporal, cousa que non fai.

O mesmo plan de resíduos perigosos de Galicia de 1995 contiña un plan de xestión dos resíduos hospitalários que non se cumpriu e que o borrador da estratéxia parece esquecer. Cumpre unha análise da situación actual deste sector antes de entrar a valorar as directrices sobre o plan de resíduos sanitários que se inclue no borrador da estratéxia.

 


Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com
 
<< Inicio < Anterior 1 2 3 Seguinte > Final >>

Páxina 3 de 3


ADEGA