Adega
INICIO Áreas temáticas Montes Podemos vencer o lume
Podemos vencer o lume PDF Imprimir Correo-e
Envia Podemos vencer o lume a FaceBookEnvia Podemos vencer o lume a Twitter

Manifesto promovido pola Organización Galega de Comunidades de Montes (OGCM) e apoiado por diversas organizacións, entre elas a Federación Ecoloxista Galega (FEG).

Durante séculos, o monte significou en Galicia unha fonte imprescindible de recursos. Abonda con recordar que foi soporte básico da economía agraria tradicional e que, aínda hoxe, representa os dous tercios do territorio galego. Daquela o lume non era un problema.

Esta simbiose monte-veciñanza ráchase basicamente a partir dos anos 40 coa intervención da Administración. A Lei Hipotecaria, pola cal os montes veciñais en man común son usurpados polos concellos, a Lei do Patrimonio Forestal, que promove as repoboacións masivas dos montes con eucaliptos e piñeiros, e o paso dunha economía de autoconsumo a outra de mercado, viñeron a significar o desartellamento definitivo do modelo tradicional e a emigración forzosa da poboación rural, co conseguinte abandono de terras e que os montes quedarán "a monte". Nesta situación ten o seu comezo a problemática dos incendios forestais, condicionada despois por diversos factores de tipo político, económico, social e mesmo psicolóxico.

Pola contra, a Administración autonómica mantén, verbo deste fenómeno, unha postura fatalista. Os lumes son algo inevitable, coma as xeadas ou as chuvias do inverno, achacables ás condicións naturais ou atmosféricas. Desde esta óptica, para a Administración o monte é un problema en lugar dunha das bases do desenvolvemento harmónico do país. E o mellor xeito de loitar contra o lume forestal é tentar de ser eficaz nos labores de extinción (con bastante fracaso, por certo) e non afrontar unha política preventiva que supere as causas que o provocan. Esta política é a que botamos en falta.

Por todo o anterior, manifestamos a nosa convicción de que os incendios forestais erradicaranse o día en que o monte volva cumprir nidiamente as funcións que tradicionalmente desenvolvía, cando haxa vida á súa beira e os veciños das aldeas vivan del e con el. E temos que nos esforzar en acadalo. Cómpre encetar o camiño. Esta é a nosa proposta:

  • Primeiro.- Constitución da "Mesa por un monte sen lume", integrada pola Administración, as comunidades de montes e tódolos sectores relacionados co mundo agroforestal. Esta mesa pode ser o resultado da transformación do Comité Galego de Defensa contra os Incendios Forestais, organismo totalmente burocrático (formado polas tres Administracións do Estado) e soamente eficaz na elaboración de estatísticas de lumes producidos.

  • Segundo.- Análise das causas dos incendios como primeiro paso para o establecemento dunha política preventiva que supere os factores que inciden no conflicto, factores diferentes en cada comarca de Galicia e que esixen unha resposta diversificada.

  • Terceiro.- Realización, sen máis demoras, de planos de ordenamento dos montes que contemplen as tres funcións tradicionais (social, económica e ecolóxica), que son tamén a mellor garantía de futuro, e revisión da política de reforestación das terras agrarias.

  • Cuarto.- Elaboración dun plano agroforestal que aposte pola promoción dos diversos productos do monte como productos de calidade, a compatibilidade de todos os aproveitamentos e usos do monte, a utilización racional da biomasa forestal e o establecemento dunha alternativa ás terras abandonadas.

 

Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com
 


ADEGA