Adega
INICIO Áreas temáticas Litoral Problemas e riscos de contaminación nas Rías Galegas - Problemas e riscos de contaminación nas Rías Galegas - Páxina 3
Problemas e riscos de contaminación nas Rías Galegas - Problemas e riscos de contaminación nas Rías Galegas - Páxina 3 PDF Imprimir Correo-e
Indexar artigo
Problemas e riscos de contaminación nas Rías Galegas
Problemas e riscos de contaminación nas Rías Galegas - Páxina 2
Problemas e riscos de contaminación nas Rías Galegas - Páxina 3
Todas as páxinas

Outras causas e riscos de deterioración

Os recheos destruen directamente a zona de maior importáncia ecolóxica e produtiva das rias, xa que afectan á zona intermareal e plataforma próxima. Mais de 50 millóns de m2 de recheos foron realizados no litoral galego, superfície equivalente a un tércio da Ria de Vigo. Asimesmo, estes recheos afectaron a zonas de xunqueiras intermareais, perdendo-se a función ecolóxica depuradora destas áreas. Por outra banda, o próprio material empregado nos recheos é en si contaminante, xa que dá lugar á dispersión de partículas finas que enturbian a auga e á formación de bancos de lodos en áreas próximas.

As obras hidráulicas nos rios son outro factor de impacto, como xa vimos no caso da Ria de A Coruña ao referirnos aos efeitos do encoro de Cecebre, xa que modifican o comportamento hidrodinámico das rias e reducen a sua productividade. Aos encoros actualmente existentes poden vir a sumar-se mais doutra trintena, dos que o encoro do Úmia é o primeiro, e tamén unhas trescentas minicentrais hidroeléctricas. Estas poden incluir presas e encoros de certa magnitude, e vários proxectos nun mesmo tramo do rio, como está a pasar no Ulla e no Lérez, con doce e seis presas respectivamente. A pesar do exemplo de Cecebre, de da existencia de estudos a nivel internacional sobre as consecuencias das grandes presas para a fertilidade dos estuários e litoral próximo á desembocadura, nen os plans hidrolóxicos nen os proxectos de obras incluen estes riscos entre as suas avaliacións de impacto ambiental. A conivéncia entre a administración e as empresas interesadas en tales obras devaluou por completo o interese e a utilidade dos estudos de impacto ambiental.

A construcción de peiraos e diques ten ocasionado en numerosas ocasións a modificación de correntes, acarreando cámbios ecolóxicos importantes e mesmo a desaparición das praias. O Cámbio climático, a sua vez, pode traernos consecuéncias hoxe imprevisíbeis.

Xa como conclusión, faremos unha mención ás actuacións da administración dirixidas á protexer o noso litoral dos impactos referidos. As actuacións limitan-se ao capítulo do saneamento, que hoxe se quere completar cunha lei sobre a calidade das augas das rias. No primeiro aspecto, o plano de saneamento só presta a tención aos obxectivos da directiva europea sobre o tratamento de augas residuais urbanas, que pretende a depuración dos vertidos para eliminar a sua carga orgánica e, nalgúns casos, o seu contido en elementos nutrientes. Pero nada se está a facer sobre a limitación dos vertidos polo seu contido en susbstáncias perigosas, como os mencionados metais pesados e os contaminantes orgánicos persistentes, que identificamos como o principal problema de contaminación nas nosas rias. A proposta lei das rias inclue algunha referéncia a este último aspecto, claramente insuficiente e incluso alonxada da nova directiva marco europea sobre a auga, e esquece totalmente calquera outro factor de impacto sobre as rias, sexan os recheos, os peiraos e outras infraestructuras do litoal ou as obras hidráulicas.

Para nós é imprescindíbel ter ben presente a existéncia de incompatibilidades entre o mantenimento, reprodución e aproveitamento dos recursos naturais do litoral e aquelas actividades ou infraestructuras que causan unha deterioración irreversíbel das rias. Son incompatíbeis aquelas infraestructuras que poden modificar a dinámica própria das rias (encoros, recheos, peiraos, canles...), e aquelas actividades que emiten ao meio contaminantes tóxicos e persistentes (metais pesados, hidrocarburos, organoclorados, etc) que non son eliminados nos sistemas de depuración, ou que poden dar lugar a accidentes catastróficos. O tráfico e almacenamento de combustíbeis, o procesado de petróleo, as celulosas e a indústria química en xeral son algunhas destas actividades

Referéncias

Carballeira e cols, 1997. Estado de Conservación de la Costa: nutrientes y metales pesados en sedimentos y organismos intermareales. Universidade de Santiago de Compostela.
Cela e cols, 1992. Enviromental Technology, 13, 11-12.
Pérez González, 1996. ¿A costa do mar? Ou de costas ao mar. Adega-Cadernos 2, 45-49.
Pérez F. F. e Vila L., 1994. Morfoloxía e dinámica das Rías Galegas en “A Ecoloxía do Meio Mariño”. Ed. ADEGA.
Pérez F.F.e Vila L., 1994. Contaminación e deterioro das Rías Galegas. Cerna 12, 10-13.
Pérez F.F. e Vila L., 2000. A saúde ambiental das Rías. Xornada Científica sobre a Auga e os Rios. ADEGA, COAGRET e Coordinadora Anti-Encoro do Úmia. Santiago de Compostela, 17 de xuño de 2000.
Prego, 1992. Las sales nutrientes en la rias gallegas.
Soto M., 1994. A contaminación do litoral. En “A ecoloxía do meio mariño”. Ed. ADEGA
Soto M e Lema J.M. 1996. Depuración bioloxica de efluentes residuais de industrias conserveiras. Adega-Cadernos 2, 38-44.
Xunta, 1998. Segundo plan de saneamento de Galicia. Documento de Síntese. Augas de Galicia, decembro de 1998.

Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com


 


ADEGA